A Operación Barbarossa (alemán: Unternehmen Barbarossa) foi o nome en código da invasión da Unión Soviética por parte das potencias do Eixe, que comezou o domingo 22 de xuño de 1941 durante a segunda guerra mundial. A operación puxo en acción o obxectivo ideolóxico da Alemaña nazi de conquistar o oeste da Unión Soviética e repoboalo con alemáns. O Generalplan Ost alemán tiña como obxectivo o uso de man de obra escrava para o esforzo de guerra do Eixe mentres adquiría as reservas de petróleo do Cáucaso e os recursos agrícolas de varios territorios da Unión Soviética. O obxectivo final incluía o eventual exterminio, escravización, xermanización e deportación masiva a Siberia dos pobos eslavos para crear máis espazo vital (Lebensraum) para Alemaña.
Nos dous anos previos á invasión, Alemaña e a Unións Soviética asinaran pactos políticos e económicos para propósitos estratéxicos. Porén, o Alto Mando Alemán comezou a planear unha invasión da Unión Soviética en xullo de 1940 (baixo o nome en código de Operación Otto), que Adolf Hitler autorizou o 18 de decembro de 1940. Durante o curso da operación uns 3 millóns de soldados do Eixe (a maior forza de invasión da historia) invadiron o oeste da Unión Soviética nunha fronte de 2 900 km de longo, con 600 000 vehículos a motor e máis de 600 000 para operacións en retagarda. A ofensiva marcou unha escalada na segunda guerra mundial, tanto xeograficamente como na formación da Coalición Aliada onde se incluía á Unión Soviética.
A operación abriu a fronte oriental, na cal combateron máis forzas que en calquera teatro bélico da historia. A zona foi testemuña dalgunhas das batallas máis grandes nunca vistas, de terroríficas atrocidades, e dunha gran cantidade de baixas nos dous bandos. Todos estes factores influenciaron o curso da segunda guerra mundial e da posterior historia do século XX. Os exércitos alemáns capturaron uns 5 millóns de soldados soviéticos, morrendo a meirande parte deles durante o seu cativerio. Os nazis deixaron morrer de fame ou mataron a 3,3 millóns de prisioneiros de guerra e a un gran número de civís, xa que o Plan da Fame (Hungerplan) traballaba para solucionar os problemas da escaseza de alimentos alemá e para exterminar a poboación eslava por fame. Os alemáns, xunto con colaboracionistas, tamén levaron a cabo execucións masivas e operacións de gaseado matando ao redor dun millón de xudeus soviéticos como parte do Holocausto.United States Holocaust Memorial Museum 1996, pp. 50-51.
O fracaso da Operación Barbarossa reverteu a sorte do Terceiro Reich. Operacionalmente, as forzas alemás acadaron vitorias significativas e ocuparon algunhas das áreas económicas máis importantes da Unión Soviética (principalmente Ucraína) e causaron fortes baixas. A pesar deses éxitos iniciais, a ofensiva alemá estancouse na batalla de Moscova a finais de 1941, e a posterior contraofensiva soviética no inverno fixo que os alemáns tivesen que retroceder. Os alemáns estaban seguros dun rápido colapso da resistencia soviética como ocorrera en Polonia, pero o Exército Vermello absorbeu os golpes máis fortes da Wehrmacht e atascouna nunha guerra de desgaste para a cal os alemáns non estaban preparados. As diminuídas forzas da Wehrmacht non puideron atacar mais ao longo de toda a fronte do leste, e as operacións posteriores para recuperar a iniciativa e afondar en territorio soviético, como a Fall Blau en 1942 e a Zitadelle en 1943, finalmente fallaron, resultando na retirada e colapso da Wehrmacht.
Antecedentes
Políticas raciais da Alemaña nazi Xa en 1925, Adolf Hitler declarou vagamente no seu manifesto político e autobiografía Mein Kampf que invadiría a Unión Soviética, afirmando que o pobo alemán necesitaba asegurar Lebensraum (espazo vital) para garantir a supervivencia de Alemaña nas seguintes xeracións.Stackelberg 2002, p. 188 O 10 de febreiro de 1939 Hitler díxolle aos comandantes do seu exército que a próxima guerra sería "puramente unha guerra de Weltanschauungen [visión do mundo] ... totalmente unha guerra do pobo, unha guerra racial". O 23 de novembro, coa segunda guerra mundial xa empezada, Hitler declarou que "estalou a guerra racial e esta guerra determinará quen gobernará Europa, e con ela, o mundo".Förster 1988, p. 21 A política racial da Alemaña nazi retratou a Unión Soviética (e a todo o leste de Europa) como poboada por subhumanos (Untermenschen) non arios non-Aryan, gobernados por conspiradores xudeus bolxeviques.Hillgruber 1972, p. 140 Hitler afirmaba en Mein Kampf que o destino de Alemaña era "virar cara o leste" como fixo "hai seiscentos anos" (ver Ostsiedlung).Shirer 1990, p. 716 En consecuencia, afirmouse a política nazi de matar, deportar ou escravizar á maioría dos rusos e outras poboacións eslavas e repoboar a terra con xentes xermanas baixo o Generalplan Ost. A crenza nazi na súa superioridade étnica impregna os rexistros oficiais e os artigos pseudocientíficos das publicacións alemás.Fahlbusch 1999, pp. 241-264
Aínda que as historias máis antigas tendían a salientar a noción dunha "Wehrmacht limpa" que defendía a súa honra fronte ao fanatismo de Hitler, o historiador Jürgen Förster destaca que "de feito, os mandos militares estaban atrapados no carácter ideolóxico do conflito, e involucráronse na súa implementación como participantes dispostos". Antes e durante a invasión da Unión Soviética, as tropas alemás foran fortemente adoutrinadas con ideoloxía antibolxevique, antisemítica, e antieslava a través de películas, radio, conferencias, libros e panfletos.Evans 1989, p. 59 Comparando aos soviéticos coas forzas de Xenxis Khan, Hitler díxolle ao líder militar croata Slavko Kvaternik que a "raza mongola" ameazaba Europa.Breitman 1990, pp. 340-341 Tras a invasión os oficiais da Wehrmacht dixeron aos seus soldados que atacasen a persoas descritas como "subhumanos xudeus bolxeviques", "hordas mongolas", "fluxo asiático", e "besta vermella".Evans 1989, pp. 59-60 A propaganda nazi describía a guerra contra a Unión Soviética tanto como unha guerra ideolóxica entre o nacionalsocialismo alemán e o bolxevismo xudeu, como unha guerra racial entre os disciplinados alemáns e os subhumanos xitanos, xudeus e eslavos.Burleigh 2000, p. 512 Unha 'orde do Führer' afirmaba que o Einsatzgruppen debía executar a todos os funcionarios soviéticos que eran "asiáticos, xitanos e xudeus menos valiosos".Burleigh & Wippermann 1991, p. 100 Aos seus meses da invasión os Einsatzgruppe xa asasinara a máis de 500 000 xudeus soviéticos, unha cifra superior ao número de soldados do Exército Vermello mortos en combate nese tempo.Lewy 2017, p. 24 Os mandos do exército alemán consideraban aos xudeus como a principal causa tras a "loita partisana".Kershaw 2001, p. 466 A pauta principal para as tropas alemás era "Onde hai un partisano hai un xudeu, e onde hai un xudeu hai un partisano", ou "O partisano está onde está o xudeu".Kershaw 2001, p. 467Förster 1988, p. 28 Moitos soldados alemáns vían a guerra en termos nazis e consideraban os seus inimigos soviéticos como subhumanos.Förster 2005, p. 127
Despois de comezar a guerra os nazis prohibiron as relacións sexuais entre alemáns e traballadores estranxeiros eslavos.Majer 2003, p. 180 Había regulacións promulgadas contra os Ost-Arbeiter (traballadores do leste) que incluían a pena de morte por relacións sexuais cun alemán.Gellately 1990, p. 224 Heinrich Himmler, no seu memorando secreto Reflexións sobre o tratamento dos pobos das razas forasteiras no Leste (datado o 25 de maio de 1940), esbozou os plans nazis para as poboacións non xermanas do leste.Himmler 1940, pp. 147-150 Himmler cría que o proceso de xermanización na Europa do leste estaría completo cando "no leste só habiten homes con sangue xermánico verdadeiramente alemán".Mazower 2009, p. 181 miniatura|260x260px|Heinrich Himmler, Rudolf Hess e Reinhard Heydrich escoitando a Konrad Meyer nunha exposición do Generalplan Ost, o 20 de marzo de 1941 O plan secreto nazi Generalplan Ost (Plan Xeral para o Leste), preparado en 1941 e confirmado en 1942, pedía unha "nova orde de relacións etnográficas" nos territorios ocupados pola Alemaña nazi no leste de Europa. Contemplaba limpeza étnica, execucións e escravitude para as poboacións de países conquistados, cunha pequena porcentaxe sendo xermanizados, expulsados cara zonas interiores de Rusia, ou sufrindo outros destinos, mentres que os territorios conquistados serían xermanizados. O plan tiña dúas partes: o Kleine Planung (pequeno plan), que cubría accións a realizar durante a guerra, e o Große Planung (gran plan), con políticas a implementar tras gañar a guerra durante 25-30 anos.Rössler & Schleiermacher 1996, pp. 270-274
Un discurso pronunciado polo xeneral Erich Hoepner demostra a diseminación do plan racial nazi, xa que informaba ao 4º Grupo Panzer que a guerra contra a Unión Soviética era "unha parte esencial da loita do pobo alemán pola existencia" (Daseinskampf), referíndose tamén á inminente batalla como a "vella loita de xermanos contra eslavos" e incluso dicindo, "a loita debe ter como obxectivo a aniquilación da Rusia actual e debe, polo tanto, levarse a cabo cunha dureza sen igual".Ingrao 2013, p. 140 Hoepner tamén engadiu que os alemáns estaban loitando "pola defensa da cultura europea contra a inundación moscovita-asiática, e a repulsa do xudeu bolxevismo... Ningún partidario do presente sistema ruso-bolxevique debe salvarse". Walther von Brauchitsch tamén dixo aos seus subordinados que as tropas deberían ver a guerra como unha "loita entre dúas razas diferentes e actuar coa severidade necesaria".Förster 1988, p. 23 As motivacións raciais foron fundamentais para a ideoloxía nazi e xogaron un papel clave na planificación da Operación Barbarossa xa que tanto xudeus como comunistas eran considerados inimigos equivalentes aos estado nazi. As ambicións imperialistas nazis rexeitaban a humanidade común de ambos grupos, declarando que a loita suprema polo Lebensraum sería unha Vernichtungskrieg (guerra de aniquilación).
Relacións xermano-soviéticas de 1939-1940 En agosto de 1939 Alemaña e a Unión Soviética asinaron un pacto de non agresión en Moscova coñecido como o Pacto Ribbentrop-Molotov. Un protocolo secreto do pacto esbozaba un acordo entre os dous países na división dos estados fronteirizos do leste de Europa entre as súas respectivas "esferas de influencia": a Unións Soviética e Alemaña dividirían Polonia no caso dunha invasión alemá, e os soviéticos poderían invadir os países bálticos e Finlandia.Kirby 1980, p. 120 O 23 de agosto de 1939 o resto do mundo soubo deste pacto pero descoñecía as disposicións para dividir Polonia.Hildebrand 1973, p. 89 O pacto sorprendeu ao mundo debido á hostilidade mutua das dúas partes e ás súas ideoloxías contrarias.Roberts 2006, p. 30 A conclusión deste pacto foi seguida pola invasión alemá de Polonia o 1 de setembro que provocou o inicio da segunda guerra mundial en Europa, e posteriormente pola invasión soviética de Polonia que levou á anexión da parte leste do país.Bellamy 2007, pp. 56-59 Como resultado do pacto, Alemaña e a Unión Soviética mantiveron unhas razoablemente fortes relacións diplomáticas durante dous anos e fomentaron unha importante relación económica. Os países iniciaron un pacto comercial en 1940 polo cal os soviéticos recibían equipamento militar e mercadorías a cambio de materias primas, como petróleo e trigo, para axudar aos nazis a eludir o bloqueo británico a Alemaña.Shirer 1990, pp. 668-669