Juan Ignacio González Brazeiro, coñecido como Nacho González, nado en Paysandú o 5 de novembro de 1993, é un futbolista uruguaio, que xoga de centrocampista.

Traxectoria

Danubio FC Formouse na canteira do Danubio FC, co que debutou en Primeira División o 10 de novembro de 2012 ante Central Español. En maio de 2013 marcou o seu primeiro gol no empate 1-1 fronte a River Plate. Permaneceu no club uruguaio durante un total de sete tempadas, marcando 15 goles en 173 partidos e gañando o título de liga na tempada 2013-14.

Defensa y Justicia En xaneiro de 2019 asinou polo Defensa y Justicia da Primeira División arxentina. Alí sufriu unha rotura de ligamentos que o mantivo afastado dos terreos de xogo.

San Martín de Tucumán En agosto deixou o equipo para fichar polo San Martín de Tucumán, da Primeira B Nacional, a segunda división arxentina. Debutou nun empate a dous goles contra o Chacarita Juniors o 18 de setembro de 2019, e disputou un total de seis partidos co club de Tucumán.

Plaza Colonia En agosto de 2020 volveu ao fútbol uruguaio recalando no Plaza Colonia. Xogou sete partidos na Primeira División durante o mes seguinte, antes de marchar para Galicia para fichar polo Deportivo da Coruña.

Deportivo da Coruña Debutou co Deportivo en Segunda División B na primeira xornada da tempada 2020/21, no partido fronte ao Salamanca. Comezou como titular con Fernando Vázquez no banco, pero desapareceu das aliñacións tras a chegada de Rubén de la Barrera. Disputou un total de 12 encontros co Deportivo, e en xuño o club prescindiu dos seus servizos, acolléndose a unha das cláusulas contidas no seu contrato.

Apollon Larissa O 13 de xullo de 2021 foi anunciado como novo xogador do Apollon Larissa, da Segunda división de Grecia, onde asinou un contrato por dúas tempadas. Con todo, acabou deixando o club antes de debutar e tras uns meses sen equipo, asinou en 2022 co Central Español, regresando así ao fútbol uruguaio.

Central Español Co equipo de Montevideo disputou un total de 14 partidos, anotando dous goles.

Selección nacional En 2015 foi convocado pola selección sub-22 do Uruguai para os Xogos Panamericanos de Toronto. Participou nos cinco partidos do torneo, no que o seu país se proclamou campión ao derrotar na final a México.

Palmarés Danubio Primeira División uruguaia (1) : 2013-14. Uruguai sub-22 Xogos Panamericanos (1): 2015.

Notas

Categoría:Nados en 1993 Categoría:Nados en Paysandú Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Futbolistas do Uruguai Categoría:Xogadores do Danubio FC Categoría:Xogadores do Defensa y Justicia Categoría:Xogadores do San Martín de Tucumán Categoría:Xogadores do Plaza Colonia Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Central Español FC