miniatura|200px|Insat-1B antes do lanzamento. Indian National Satellite System ou INSAT é o nome dunha serie de satélites indios multipropósito. En especial os satélites adoitan ir dirixidos a dar servizos educativos, de comunicacións, meteorolóxicos e de emerxencias. O sistema deu comezo en 1982, co lanzamento do primeiro satélite, o Insat 1A. Entre os participantes do sistema están o Departamento Indio do Espazo (DOS), o Departamento de Telecomunicacións, o Departamento Meteorolóxico Indio, All India Radio e Doordashan.

Insat 1A, 1B, 1C e 1D Os catro primeiros satélites Insat estaban adicados a proporcionar servizos de telecomunicacións e meteorolóxicos. Foron construídos por Ford Aerospace e lanzados entre 1982 e 1990. Insat 1A foi lanzado en abril de 1982 pero foi dado por perdido en setembro de 1983. Con Insat 1B pasou case o mesmo, pero conseguiuse recuperar e chegar á súa órbita xeoestacionaria. Insat 1C tivo varios problemas cos seus transpondedores, e foi finalmente dado por perdido case un ano despois de ser lanzado. Insat 1D tivo problemas antes do lanzamento, cando unha grúa lle caeu enriba durante as preparacións para o lanzamento. Finalmente puido ser reparado e lanzado.

Insat 2A e 2B Insat 2A e 2B tamén son satélites de comunicacións e meteorolóxicos. Cunha masa duns 1900 kg, foron fabricados pola axencia espacial india ISRO e levaban a bordo 18 transpondedores en banda C e dous en banda S. Para as observacións meterolóxicas levaban un radiómetro de alta resolución en banda visible e na banda do vapor de auga. Tamén levaba unha cámara CCD cunha resolución de 1 km. Foron lanzados en 1992 e 1993.

Insat 2C e 2D Os Insat 2C e 2D tiñan unha masa de algo máis de 2000 kg e os seus paneis solares proporcionaban ata 1,6 kW de potencia. Levaban transpondedores en banda C, banda S e banda Ku e non levaban instrumentación meteorolóxica. Foron lanzados en 1995 e 1997 mediante foguetes Ariane 4.

Insat 2E (Intelsat APR-2) Insat 2E ofrecía servizos de comunicacións, mediante 17 transpondedores en banda C, e meteorolóxicos, mediante un radiómetro de alta resolución e unha cámara CCD. Tiña unha masa de 2550 kg e foi lanzado o 2 de abril de 1999 mediante un Ariane 4.

Insat 3B O Insat 3B foi lanzado o 21 de marzo de 2000 (antes que Insat 3A) mediante un Ariane 5. Tiña unha masa de 2070 kg e levaba 12 transpondedores en banda C, 3 en banda Ku e un en banda S. Non tiña instrumentación meteorolóxicas. Usaba por primeira vez un tanque de propelente de titanio fabricado integramente na India. O satélite tiña forma aproximada de cubo de 1,93 x 1,70 x 1,65 m e dous paneis solares que lle daban unha envergadura de 14,7 m e proporcionaban ata 1,7 kW de potencia.

Insat 3C Insat 3C foi lanzado o 23 de xaneiro de 2002 usando un Ariane 4. Tiña unha masa de 2750 kg e ofrecía so servizos de comunicacións mediante transpondedores en banda C e S e MSS para servizos móbiles.

Insat 3A Insat 3A proporcionaba servizos de telecomunicacións, meteorolóxicos e de rescate. Levaba 18 transpondedores en banda C, 6 en banda Ku e un en banda S, así como un radiómetro de alta resolución e unha cámara CCD. Un transpondedor en UHF recollía datos hidrolóxicos en tempo real de estacións situadas en terra. O Insat 3A foi lanzado o 9 de abril de 2003 mediante un foguete Ariane 5.

Insat 3E Insat 3E tiña unha masa de 2750 kg e foi lanzado o 27 de setembro de 2003 mediante un Ariane 5. Estaba adicado so a comunicacións e levaba a bordo 36 transpondedores en banda C. Fallou e quedou fóra de servizo en marzo de 2014.

Insat 3D Insat 3D é un satélite exclusivamente meteorolóxico. Cunha masa de 2061 kg, foi lanzado o 25 de xullo de 2013 mediante un Ariane 5. Leva a bordo un sondador de 19 canais, unha cámara de seis canais e un radar de apertura sintética. Despois de ser lanzado sufriu unha serie de anomalías, aínda que puido finalmente ser recuperado.

Insat 4A e 4B Ambos satélites estaban adicados ás comunicacións unicamente. Tiñan unha masa duns 3000 kg e foron lanzados o 21 de decembro de 2005 e o 11 de marzo de 2007 respectivamente foguetes Ariane 5. Cada un levaba a bordo doce transpondedores en banda Ku e doce en banda C.

Insat 4C e 4CR Insat 4C era un satélite puramente de comunicacións que non chegou a órbita debido a un fallo no seu foguete lanzador, un foguete GSLV, o 10 de xullo de 2006. O seu substituto, Insat 4CR, tivo problemas para chegar á súa órbita operativa debido tamén a un problema co seu lanzador GSLV, o 2 de setembro de 2007, acortándose a súa vida útil.

Insat 4E (GSat 6) Insat 4E, coñecido tamén como GSat 6, é un satélite de comunicacións deseñado para ofrecer servizos móbiles. Ten unha masa de 2117 kg e leva a bordo dez transpondedores. Foi lanzado o 27 de agosto de 2015 mediante un foguete GSLV.

Insat 4F (GSat 7, Rukmini) Insat 4F, coñecido tamén como GSat 7 e Rukmini, é un satélite de comunicacións con transpondedores en banda S, banda C, banda Ku e UHF para ser usado pola Forza Naval da India. Foi lanzado o 29 de agosto de 2013 mediante un foguete Ariane 5.

Insat 4G (GSat 8) Insat 4G, ou GSat 8, é un satélite de comunicacións con 18 transpondedores en banda Ku a bordo. Ten unha masa de 3150 kg e foi lanzado o 20 de maio de 2011 mediante un foguete Ariane 5.

GSat 12 e 12R GSat 12 e 12R son satélites de comunicacións, o primeiro lanzado como substituto de Insat 3B con 12 transpondedores en banda C a bordo. Ambos usan o bus I-1K e teñen unha masa duns 1400 kg. O primeiro foi lanzado o 15 de xullo de 2011 e o segundo o 17 de decembro de 2020, ambos a bordo de foguetes PSLV XL.

Insat 3DR e 3DS Insat 3DR e 3DS son satélites puramente meteorolóxicos sen carga de comunicacións. Son melloras do Insat 3D, cun sondador de 19 canais, unha cámara de 6 canais e un instrumento de avisos de alerta. Insat 3DR foi lanzado o 8 de setembro de 2016 e Insat 3DS o 17 de febreiro de 2024, ambos a bordo de foguetes GSLV Mk.2.

Historial de lanzamentos

Misión Data de lanzamento Foguete lanzador NotasInsat 1A10 de abril de 1982Delta 3910 PAM-DÉxitoInsat 1B30 de agosto de 1983Transbordador espacialÉxitoInsat 1C21 de xullo de 1988Ariane 3ÉxitoInsat 1D12 de xuño de 1990Delta 4925ÉxitoInsat 2A9 de setembro de 1982Ariane 4FalloInsat 2B10 de novembro de 1984Ariane 4ÉxitoInsat 2C6 de decembro de 1995Ariane 4ÉxitoInsat 2D3 de xuño de 1997Ariane 4ÉxitoInsat 2E (Intelsat APR-2)2 de abril de 1999Ariane 4ÉxitoInsat 3B21 de marzo de 2000Ariane 5ÉxitoInsat 3C23 de xaneiro de 2002Ariane 4ÉxitoInsat 3A9 de abril de 2003Ariane 5ÉxitoInsat 3E27 de setembro de 2003Ariane 5ÉxitoInsat 4A21 de decembro de 2005Ariane 5ÉxitoInsat 4C10 de xullo de 2006GSLVFalloInsat 4B11 de marzo de 2007Ariane 5ÉxitoInsat 4CR2 de setembro de 2007GSLVFallo parcialInsat 34G (GSat 8)20 de maio de 2011Ariane 5ÉxitoGSat 1215 de xullo de 2011PSLV XLÉxitoInsat 3D25 de xullo de 2013Ariane 5ÉxitoInsat 4F (GSat 7)29 de agosto de 2013Ariane 5ÉxitoInsat 4E (GSat 6)27 de agosto de 2015GSLVÉxitoInsat 3DR8 de setembro de 2016GSLVÉxitoGSat 12R17 de decembro de 2020PSLV XLÉxitoInsat 3DS17 de febreiro de 2024GSLVÉxito

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Delta 3910 PAM-D Delta 4925 Transbordador espacial Ariane 3 Ariane 4 Ariane 5 GSLV PSLV XL

Categoría:Satélites artificiais