A coñecida como Proxima Centauri é unha estrela da constelación de Centauro, a 4,244 anos luz da Terra, a estrela máis próxima ó noso Sol (e a nós), de onde lle ven o nome. Foi descuberta en 1915 por Robert Innes.

A súa luminosidade é baixa, polo que a pesar da súa veciñanza non se pode ver a ollo nu dende a Terra (magnitude aparente de 11,13). Pertence á secuencia principal, e é unha 'estrela fulgurante', que cambia de xeito súbito o seu brillo debido á actividade magnética, e chega a xerar unha emisión total de raios X semellante á producida polo Sol. Forma parte dun sistema estelar triplo, o Sistema de Alfa Centauri, coas estrelas Alfa Centauri A e Alfa Centauri B, sendo nomeada como Alfa Centauri C. Na actualidade ten unha separación do par A-B de 21 950 UA, orbitándoas cun período orbital de 550 000 anos.

É unha estrela anana vermella cunha masa aproximada dun oitavo da masa do Sol (M☉), e unha densidade media aproximadamente 33 veces a do Sol. Debido á proximidade coa Terra coa Proxima Centauri, pódese medir directamente o seu diámetro angular. O seu diámetro real é aproximadamente un sétimo do diámetro do Sol.

A mestura do combustible estimada no núcleo de Proxima Centauri a través da convección e a súa taxa de produción de enerxía relativamente baixa significa que será unha estrela de secuencia principal durante outros catro billóns de anos.

Ten un planeta, Proxima Centauri b, descuberto en 2016. Orbita a estrela a unha distancia de aproximadamente 0,05 AU (7,5 millóns de km) cun período orbital de aproximadamente 11,2 días terrestres. A masa estimada do planeta é polo menos 1,3 veces a da Terra. A temperatura de equilibrio de Proxima b estímase que se atopa dentro do rango onde a auga podería existir como líquido na súa superficie, situándoa dentro da zona habitable de Proxima Centauri, aínda que debido a que Proxima Centauri é unha anana vermella e unha estrela flamante, non se prevé que poida soportar a vida.

Notas

Categoría:Astronomía Categoría:Estrelas