Mae Jemison, nada en Decatur (Alabama) o 17 de outubro de 1956, é unha enxeñeira química, médica e astronauta da NASA. Foi a primeira muller afroamericana en viaxar ao espazo.

Traxectoria Mae Jemison é a terceira filla de Charles e de Dorothy, moi interesados na súa educación. Dende moi nova tivo claro quería ser científica e xa antes de acudir á escola secundaria interesouse polo tema do espazo. Estudou na Universidade de Stanford cunha bolsa obtendo o graduado en Enxeñaría Química. Despois doutorouse en Medicina pola Universidade Cornell en 1981. Dende 1983 a 1985 uniuse ao Corpo de Paz servindo como médica castrense da área en África Occidental, especialmente en Serra Leoa e Liberia.

O 4 de xuño de 1987, Mae Jemison converteuse na primeira muller afroamericana en ser admitida no programa de formación de astronautas da NASA, e en 1992 foi a primeira muller afroamericana en viaxar ao espazo. Viaxou a bordo do Endeavour na misión STS47, e durante os oito días que estivo no espazo, Mae Jemison realizou experimentos sobre a ingravidez e a cinetose na tripulación e nela mesma. Segundo detalla a NASA, antes de regresar a terra o equipo completou 44 experimentos conxuntos entre os Estados Unidos e o Xapón. En total estivo 190 horas no espazo. Despois de servir na NASA de 1987 a 1993, Jemison fundou o Jemison Group, Inc., que desenvolveu ALAFIYA, sistema de telecomunicacións baseado en satélites. O propósito deste sistema era mellorar o coidado médico en países en desenvolvemento.

Foi profesora no programa dos estudos ambientais na Universidade de Dartmouth, onde dirixiu o Instituto Jemison para o avance tecnolóxico en países en vías de desenvolvemento. Dentro dos seus proxectos actuais hai varios centrados na mellora da saúde en África e no avance das tecnoloxías en países en desenvolvemento.

Jemison foi profesora na Cornell University e no Dartmouth College desde 1995 até 2002. Ademais participa en varias organizacións científicas como American Medical Association, American Chemical Society, Association for Space Explorers e a American Association for the Advancement of Science.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Zinthia Palomino e Nina Sefcik (2019). Mujeres negras en la ciencia. Editorial: Mujeres negras que cambiaron el Mundo. ISBN: 978-84-09-08025-0

Outros artigos

Mulleres na NASA Mulleres no espazo

Ligazóns externas Mae Jemison, Teach arts and sciences together. (Vídeo TED)

Categoría:Médicos dos Estados Unidos de América Categoría:Enxeñeiros dos Estados Unidos de América Categoría:Físicos dos Estados Unidos de América Categoría:Astronautas dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en 1956 Categoría:Nados en Decatur, Alabama