Marie-Anne de La Trémoille, princesa dos Ursinos, nada en París en 1642 e finada en Roma o 5 de decembro de 1722, foi unha nobre francesa da corte de Filipe V de España. Era prima de Bonne de Pons (1641-1709), marquesa de Heudicourt e amante de Lois XIV de Francia.
Traxectoria Marie-Anne era filla do aristócrata francés Lois II de La Trémoïlle, duque de Noirmoutier (1612–1666) e da súa esposa, Renée Julie Aubery de Tilleport. Casou en primeiras nupcias en 1659 con Adrien Blaise de Talleyrand-Périgord, príncipe de Chalais, que ingresou ao servizo do rei de España, aínda que despois foi feito prisioneiro en Portugal e morreu pouco despois da súa liberación en Italia.
Volveu casar en segundas nupcias (febreiro de 1675) co príncipe romano Flavio degli Orsini, duque de Bracciano (1620–1698).O apelido degli Orsini traduciuse como des Ursins en francés e como de los Ursinos en castelán. O príncipe era o xefe da poderosa familia Orsini, era príncipe de Nerola e duque de Bracciano e tiña a esperanza de obter favores financeiros de Lois XIV co seu matrimonio, a pesar das súas moitas posesións.
Ao enviuvar por segunda vez, decidiu gardar loito ao seu esposo en morado, polo que o cardeal de Bouillon, Emmanuel-Théodose de La Tour d'Auvergne, que se atopaba en Roma e era achegado seu, se opuxo enerxicamente a ela. O motivo do afastamento foi que Bouillon instaurara a moda de que só o rei e os cardeais podían levar loito en morado; porén, tras un desacordo coa familia real só puido conseguir que os cardeais non volvesen levar loito. O seu irmán, o abade Joseph-Emmanuel de La Trémoille, adheriuse a esta oposición e a certos problemas da herdanza de Orsini, polo que a duquesa decidiu denuncialo ante a Inquisición. O cardeal de Bouillon apoiou o abade e enviouno a Nápoles ata poñelo a salvo. Foi nese tempo en que a duquesa mantiña un litixio cun sobriño do papa Inocencio XI, Livio Odescalchi, que pretendía ser herdeiro do difunto duque e a quen finalmente tivo que vender as propiedades e o ducado, asumindo así o título de Princesa dos Ursinos (Princesa Orsini).
Lois XIV, de quen gozaba de plena confianza, encargoulle acompañar o mozo Filipe V a España cando este asumiu a coroa aos dezasete anos de idade, en 1700. Ela intrigara coa súa amiga, a duquesa Marie Christine de Noailles, para que puidese obter o favor do rei. Foi nomeada camareira maior de palacio da raíña María Luísa Gabriela coa encarga de dirixila e tutelala. Mostrou entón unha enorme ambición sen escrúpulos e interveu en numerosas intrigas con camarillas francesas establecidas na corte. Lois XIV ordenoulle regresar a Francia en 1704, mais axiña volveu á península e converteuse, xunto co ministro Orry, nunha das personaxes máis decisivas da política española.
Todos os negocios do Estado pasaban polas manos desta hábil e discreta axente do Rei Sol, que impulsou a Filipe V a manterse firme na Guerra de Sucesión e interveu nas negociacións que precederon aos tratados de Utrecht (1713) e Rastatt (1714). Negociou tamén as segundas nupcias do primeiro dos Borbóns españois con Isabel de Farnesio, considerada unha beata nula e submisa e, como descendente dunha pequena dinastía semirreal da feble Italia, sen ningún valor político propio. Esta decisión foi tomada sen ser nin consultada con Versalles, o que molestou abondo a Lois XIV e a madame de Maintenon para afastar a princesa do rei de España.
O 23 de decembro de 1714, en vésperas do Nadal e ao pouco da chegada a España de Isabel, a princesa foi a recibila a Jadraque (Guadalajara) e aí, en lugar de recibir as grazad da nova raíña, foi expulsada de España ata a fronteira con Francia escoltada por cincuenta membros da Garda de Corps. Á súa saída déronse grandes cambios en España, o seu posto de camareira maior foi ocupado pola condesa viúva de Altamira, o de caballerizo maior da raíña por Antonio del Giudice, o de embaixador de España en Francia polo duque de Saint-Agnan e outros tantos postos polo cardeal Francesco del Giudice, o duque de Veragua e o conde de Frigiliana.
Cando chegou a París, hospedouse na casa do seu irmán, Antoine-François de La Trémoille, duque de Royan, para posteriormente, en marzo de 1715, visitar en Versalles a Lois XIV, quen a pesar de todo lle concedeu unha pensión vitalicia. O 6 de agosto dese mesmo ano foi despedirse do moribundo rei de Francia en Marly, motivada pola rápida ascensión do seu inimigo, o duque de Orleáns.
O 14 de agosto de 1715, partiu de París sen rumbo fixo impulsada polo temor a Orleáns. Primeiro pensou en emigrar a Holanda, logo a Roma ou a Utrecht, mais finalmente se decidiu por Xénova. Logo de permanecer en Xénova, instalouse en Roma, onde estreitou a relación co seu irmán, o cardeal La Trémoille, e se achegou ao triste intento de corte de Xacobe Francisco Eduardo Estuardo, pretendente xacobita ao trono inglés.
Legado A princesa dos Ursinos está recoñecida por comezar a controlar o poder da igrexa e da inquisición, e por tratar de ordenar as finanzas. Tamén se considera a introdutora da esencia de laranxa amarga como fragrancia de moda por empregala para perfumar as súas luvas e o seu baño. Dende entón, o nome de Neroli (ela era princesa de Nerola, no Lacio) usouse para describir esta esencia.
Na cultura popular En 1947, Luis Lucia dirixiu La princesa de los Ursinos, protagonizada por Ana Mariscal, Fernando Rey e Juan Espantaleón. En 2012, Ángeles Caso publicou a novela histórica Donde se alzan los tronos. Cando Carlos II morre sen descendencia, aflora infindade de pretendentes ao trono. Tras unha serie de conspiracións e intrigas palacianas, imponse como novo rei o duque de Anjou, neto do rei Sol, co nome de Filipe V. Comeza así unha época convulsa en que a princesa dos Ursinos será a posuidora de todas as claves para alzarse co poder.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Chisholm, Hugh, ed. (1911). "Ursins, Marie Anne de la Trémoille, Princess des". Encyclopædia Britannica. 27 (11.ª edición). Cambridge University Press. Louis de Rouvroy, duque de Saint-Simon: Memorias, La oveja negra, 1984.
Madame Saint-René Taillandier, La princesse des Ursains, une grande dame française a la cour d'Espagne sous Louis XIV, Hachette, 1926
Categoría:Nados en París Categoría:Nados en 1642 Categoría:Finados en 1722 Categoría:Nobres de Francia Categoría:Diplomáticos de Francia Categoría:Políticos de Francia