Juan Tuñas Bajeneta, alcumado "Romperredes", nado na Habana o 17 de xullo de 1917 e finado en Cidade de México o 4 de abril de 2011, foi un xogador de fútbol cubano, de orixe galega. Está considerado por moitos como o mellor futbolista cubano da historia.
Gañou catro Campionatos Nacionais de Cuba (tres co DC Gallego e un co Juventud Asturiana), acabando catro veces como máximo goleador do campionato.
Debutou coa selección cubana aos 16 anos e foi o seu o maior artilleiro na súa época. Foi un dos 15 xogadores que formaron o equipo de Cuba que participou no Mundial de Fútbol de 1938 en Francia.
Traxectoria Fillo dun emigrante galego da parroquia de Aro, no concello de Negreira, e dunha vasca, Juan Tuñas deu os seus primeiros pasos como futbolista na década de 1930 xogando con seu irmán Manuel en equipos da Habana. Xogou no equipo infantil do Hispano América e en novembro de 1933 fichou polo Deportivo Centro Gallego, co que gañou o campionato nacional en 1937, 1938 e 1939, sendo nas dúas últimas o máximo anotador da liga. Na tempada seguinte, 1940, pasou ao Juventud Asturiana, proclamándose de novo como máximo goleador do campionato. Na tempada 1941 gañou o Campionato co equipo ástur e volveu rematar como máximo anotador.
Era alcumado o “Romperredes” nos seus tempos polos seus canonazos e porque xogando co Juventud Asturiana fronte ao Puentes Grandes meteu dous goles a falta de dez minutos para o final, e, nun deles, recibiu un pase do galego Vizcaíno, pegoulle forte e rompeu a rede.
Tuñas xogou os tres encontros de Cuba na Copa Mundial de 1938, axudando ao equipo a chegar aos cuartos de final tras eliminar a Romania por 2-1 nun partido de desempate o 9 de xuño de 1938 en Tolosa, despois de que as dúas seleccións empatasen a 3 goles catro días antes no seu encontro de primeira rolda (oitavos de final) na mesma sede. Os cubanos foron eliminados por Suecia (8-0) nos cuartos de final en Antibes o 12 de xuño de 1938, pero o triunfo de Cuba ante Rumania foi o primeiro para unha selección da Concacaf nas Copas Mundiais.
Mudouse en 1941 a México e xogou como profesional no Real Club España gañando dous títulos da liga mexicana durante as tempadas de 1941-42 e 1944-45. En 1943 foi elixido mellor deportista cubano no estranxeiro. Finalmente xogou no Club Deportivo Marte, onde se retirou. Na súa última tempada en México anotou 11 goles en liga. En 1959, tras o triunfo da Revolución cubana, volveu á Habana para xogar, con máis de 40 anos, un partido simbólico a favor da Lei de reforma agraria.
O 11 de decembro de 2005 recibiu na Habana a distinción Gloria do Deporte Cubano e realizou o saque de honra do partido entre o FC Ciudad de La Habana e o CF Granma no Estadio Pedro Marrero.
Juan Tuñas viviu até os 93 anos en Cidade de México e faleceu o 4 de abril de 2011.
Participacións en Copas do Mundo MundialSedeResultadoPartidosGolesCopa Mundial de Fútbol de 1938 Cuartos de final30
Nota
Véxase tamén Outros artigos
Campionato Nacional de Fútbol de Cuba
Ligazóns externas
Juan Tuñas nos Mundiais .
Categoría:Nados en 1917 Categoría:Nados na Habana Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Cubanos de ascendencia galega Categoría:Futbolistas de Cuba Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do DC Gallego Categoría:Xogadores do Juventud Asturiana Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Cuba Categoría:Finados en 2011 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1938