Francisco Javier Vázquez Maneiro, coñecido como Javi Maneiro ou Maneiro, nado na Pobra do Caramiñal o 10 de decembro de 1973, é un cantante galego de música rock, coñecido principalmente por ser o vocalista dos Heredeiros da Crus e de Jabón Blue.

Traxectoria En 1992 Javi Maneiro, "o fillo da Necha", participou na fundación dos Heredeiros da Crus en Castiñeiras, Ribeira, xunto a Tonhito de Poi, Tuchiño, Fran Velo e Avelino Ares. Entrou como o vocalista principal da banda, cuxo primeiro disco, A cuadrilla de Pepa a loba, saíu en 1994. A ese primeiro traballo seguíronlle outros cinco discos de estudo, un dobre disco en directo (o primeiro da historia do rock en galego) gravado na festa da Dorna de Ribeira, xiras por toda Galicia con algunha saída pola Península e mesmo fóra dela (concertos en Portugal, Londres e Nova York), colaboracións co Xabarín Club e unha enorme popularidade entre a mocidade galega. Nas súas cancións destacan o uso da gheada e do seseo e as letras desenfadadas, en ton humorístico e en ocasións de temática sexual, que levantaron máis dunha polémica con grupos feministas e o clero.

En 2005 a banda separouse. Javi fundou o grupo Jabón Blue con músicos de Galicia e Madrid. En 2006 presentaron o primeiro disco, La música va por dentro, coa novidade de que as letras estaban escritas en castelán e compostas polo propio Maneiro. O grupo gravou catro discos ata a súa separación. En xaneiro de 2012 os Heredeiros da Crus anunciaron o seu regreso para un concerto en Ordes. As 3.000 entradas vendéronse en só 48 horas. O que ía ser un único concerto de reunión converteuse nunha volta definitiva. En 2013 publicaron un novo disco de estudio, Jard rock con fe, e en 2019, Derretidos.

Paralelamente aos Heredeiros, comezou unha carreira en solitario como "Maneiro". En marzo de 2017 publicou o seu primeiro traballo, Furtivos. Para a súa realización iniciou unha campaña de mecenado coa que tentaba reunir 10.000 euros. A campaña foi un éxito e a cifra mesmo superou a cantidade prevista. Presentou o disco en abril na Sala Capitol de Santiago de Compostela. En 2019 publicou o seu segundo disco en solitario, Acaricia mis arrugas. Segundo el mesmo, o motivo de empregar o castelán nas súas letras é chegar a máis público. En decembro de 2020 saíu á luz o seu terceiro disco, Palabras de un desconocido.

Ten realizado colaboracións con numerosas bandas e artistas como Astarot, Dakidarría, Iván Ferreiro, Raiba, Tregua, Cuarta Xusta, Trasnochando ou Jacobo Paz & Dos Mundos.

O 19 de agosto de 2022 rompeulle unha vea na cabeza mentres tocaba cos Heredeiros da Crus en Pantón, o que levou á banda a suspender os concertos do que restaba de ano. En xuño de 2023 volveu aos escenarios e publicou o seu cuarto disco en solitario, titulado Un bonito despertar.

Discografía Con Heredeiros da Crus A cuadrilla de Pepa a loba (1994) ¡¡Está que te cajas!! (1995) Criatura (1997) Des Minutos (1997) Erecsiones munisipales (1999) All Right Chicago (2000) Recambios Tucho (2001) Chicarrón (2004) Heredeiros da Crus - 20 aniversario (2012) Jard rock con fe (2013) Derretidos (2019)

Con Jabón Blue La música va por dentro (2006) By the white (2008) Flores en la carretera (2010) Niña de las manos frías (2012)

En solitario (Maneiro) Furtivos (2017) Acaricia mis arrugas (2019) Palabras de un desconocido (2020) Un bonito despertar (2023)

Notas

Véxase tamén Outros artigos Heredeiros da Crus Jabón Blue Tonhito de Poi

Categoría:Nados en 1973 Categoría:Nados na Pobra do Caramiñal Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Cantantes en lingua galega