Cabo Udra é un cabo e un espazo natural galego catalogado como zona especial de conservación (ZEC) que inclúe a costa leste da ría de Aldán, e que está na ría de Pontevedra. O cabo Udra é o cabo de que limita a ría de Aldán coa de Pontevedra e ademais o que limita o espazo natural protexido polo norte. A punta do Niño do Corvo está ao sur deste cabo e pecha o espazo natural. A área de conservación, que maioritariamente é mariña, ocupa 623,03 ha. do concellos de Bueu e de Cangas, ambos na comarca de Morrazo. Cangas conta cunha reducida proporción do espazo protexido.
Xeografía O cabo Udra atópase en Beluso, Bueu, na parte exterior da ría de Pontevedra, e limita xunto coa punta do Couso a ría de Aldán. Desde o cabo Udra pódese observar a costa norte da ría (lugares como a punta de Cabicastro en dirección norte) e a punta Couso, cara ao suroeste, e que pecha a ría de Aldán. As illas Ons obsérvanse desde o cabo mirando cara ao oeste, xa que as illas se atopan no exterior da ría.
O espazo natural de cabo Udra está case na súa totalidade en Bueu. Comenza polo norte coa praia de Mourisca, en Beluso, Bueu, mirando ao esteiro de Beluso, e acolle ao cabo Udra e todo o seu litoral, como as enseadas de Centuleira, Barcelo e a cala do Ancoradoiro. Avanza cara ao interior da ría de Aldán chegando ata a punta do Niño do Corvo, en Aldán, Cangas de Morrazo. Nesta sección están as enseadas de Pouso e a de Cano da Cunca. A praia de Pedrón, de Encoradoira, de Lago, de Area de Bon, do Reventón e a de Laguelas están dentro do espazo natural. Do mesmo xeito, hai varios regos menores, que case nacen e chegan á costa dentro del. O rego Nosendo ten un percorrido algo maior pero tamén nace xa preto da costa.
O litoral da costa do espazo protexido é de morfoloxía suave e o solo está formado por rochas graníticas (granitoides biotíticos e outras rochas básicas similares).
Fauna e flora Flora Este litoral destaca por ser unha zona de rochedo exposta ao mar e con cantís cubertos con queirogais. A maior extensión é a do sublitoral: bancos de areas cubertos continuamente e calas e baías pouco fondas. Alí están presentes os arrecifes. En terra, os queirogais son tanto os propios de zonas atlánticas temperás, que se compoñen de Erica ciliaris e Erica tetralix, como algúns propios de zonas secas europeas. Nos rochedos dominan as especies pioneiras e especies casmofíticas. Nalgúns puntos están presentes praderías de gramíneas e formacións de Nardus. Ten zonas con augas estancadas e turbeiras. En menor extensión, hai presenza de bosques de ribeira con abeneiros (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxinus excelsior).
Fauna Da fauna deste espazo destacan Euphydryas aurinia, un lepidóptero, e os mamíferos mariños toniñas (Phocoena phocoena) e arroaces (Tursiops truncatus). Ademais, alberga a 14 aves de interese de conservación.
As especies de fauna catalogadas como especies silvestres en réxime de protección especial ou presentes no catalogo galego de especies ameazadas son: Grupo Especie Invertebrados Coenagrion mercuriale Invertebrados Lucanus cervus Peixes Chondrostoma polylepis Anfíbios Discoglossus galganoi Mamíferos Lutra lutra Mamíferos Myotis myotis Mamíferos Rhinolophus ferrumequinum Mamíferos Rhinolophus hipposideros
Patrimonio No cabo Udra atópase o castro de Udra, un castro da idade de bronce.
Na praia de Ancoradouro e na de Mourisca hai fábricas de salgadura. Ademais, en Chan de Esqueiro hai refuxios dos últimos dous séculos e que empregaban os pastores, os chouzos, para resgardarse.
No cabo está a "Batería J-2", un batería militar do século XX agora abandonada.
Lexislación O Cabo Udra foi declarado como lugar de importancia comunitaria (LIC) en decembro de 2004 e ascendeu a zona especial de conservación (ZEC) en marzo de 2014.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén Outros artigos Costa da Vela Ría de Pontevedra Ligazóns externas
Categoría:Zonas especiais de conservación en Galicia Udra Categoría:Cangas de Morrazo