Ketty Nivyabandi, nada en Uccle (Bruxelas) o 19 de xullo de 1978, é unha poeta e activista polos dereitos humanos de Burundi. Reside exiliada en Ottawa (Canadá).

Traxectoria

Creceu en Bujumbura, onde estudou relacións internacionais e traballou como xornalista.

A súa obra poética, en lingua francesa, apareceu en revistas literarias como World Literature Today e Words Without Borders, e en antoloxías como We Have Crossed Many Rivers: New Poetry from Africa (2012). En 2012 representou Burundi na Olimpíada Cultural paralela aos Xogos Olímpicos de 2012, celebrados en Londres.

Nivyabandi comezou o seu activismo durante a crise constitucional de 2015 de Burundi. Liderou a primeira protesta do país na que só participaron mulleres, e foi membro fundador do Movemento de Mulleres e Rapazas pola Paz e a Seguridade en Burundi. Viuse obrigada a deixar o país cando foi sinalada polo goberno. Testificou ante o subcomité para a violación de dereitos humanos en Burundi na Cámara dos Comúns do Canadá, e decote participa en charlas sobre dereitos humanos, especialmente os dereitos das mulleres e os efectos dos conflitos nas vidas das mulleres. En 2016 foi incluída na obra de Kate Schatz Rad Women Worldwide.

En 2017 uniuse á Iniciativa de Mulleres Nobel como membro asociado. En marzo de 2019 falou na Convención Anual de Xenebra polos Dereitos Humanos e a Democracia.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Categoría:Nados en 1978 Categoría:Nados na rexión de Bruxelas-Capital Categoría:Escritores de Burundi Categoría:Escritores en lingua francesa Categoría:Xornalistas de Burundi Categoría:Activistas polos dereitos humanos de Burundi