Monas é un xénero de crisofíceas, descrito por Otto Friedrich Müller en 1773 como un grupo de infusorios. Co tempo, acabou por representar un xénero agregado.

Historia taxonómica A este xénero foron transferidos moitos organismos, pero a maioría das especies de Monas foron despois sinonimizadas ou integradas noutros xéneros. Os organismos unha vez asignados a Monas realmente pertencían a diversos grandes grupos de liñaxes eucariotas (Opisthokonta, Amoebozoa, Rhizaria, Archaeplastida, Stramenopiles, Alveolata, Cryptophyta, Excavata), e incluso a liñaxes procariotas.

O xénero foi tamén incluído noutros grupos, como en Mastigophora ou Flagellata. A práctica actual é o uso (cuestionable) de sinónimos, baseándose en semellanzas morfolóxicas, dos nomes xenéricos Monas (principalmente usado na literatura do leste de Asia) e Spumella (usado como sinónimo na literatura europea e americana) como biflaxelado non pigmentado en Chrysophyceae. Porén, hai un conflito entre as investigacións morfolóxicas e moleculares. O taxon actual Monas/Spumella segue sendo polifilético e comprende polo menos cinco liñaxes, e as probas sobre a identidade da especie tipo de Monas perdéronse.

Este problema na circunscrición de grupos, usando o concepto de especie morfolóxico (ou taxonómico) práctico ou o concepto de especie biolóxico (baseado no grao de semellanza molecular), tamén aparece na taxonomía doutros microorganismos, como outros flaxelados (por exemplo, Bodo, Cercomonas) e microalgas (por exemplo, Chlorococcales).

Notas

Categoría:Algas Categoría:Crisofíceas