Elsa Schiaparelli, nada en Roma o 10 de setembro do 1890 e finada en París o 13 de novembro de 1973, foi unha deseñadora de alta costura, fundadora da marca Schiaparelli. A súa dedicación á moda converteuna nunha das deseñadoras máis recoñecidas e famosas do século XX. Os seus modelos eran atrevidos e sorprendentes para os canons da época grazas a inspiración que obtivo do movemento surrealista.
Traxectoria Elsa Schiaparelli naceu no Palazzo Corsini en Roma. Era filla de Celestino Schiaparelli, decano da Universidade da Sapienza, director da Lincei Library, orientalista e unha autoridade en sánscrito. A súa nai era aristócrata. Era sobriña do astrónomo Giovanni Schiaparelli, co cal pasou moito tempo estudando os ceos.
Estudou filosofía. Escribiu un libro de poemas eróticos, Arethusa, que non agradaron a súa familia polo que a enviaron a un convento. A comezos de 1910 viaxou a Londres onde coñeceu o conde Wilhelm de Wendt de Kerlor, teósofo e médium. En 1914 casou con el e trasladáronse a vivir a Niza. En 1916, mudáronse a Nova York. Alí coñeceu a Marcel Duchamp e a Alfred Stieglitz.
En 1920 tiveron unha filla, Maria Luisa Yvonne Radha, máis coñecida como Gogo Schiaparelli, que lles deu dúas netas, Marisa Berenson, modelo e actriz; e Berry Berenson, fotógrafa e actriz. O seu matrimonio co conde rematou debido a que este a abandonou pola bailarina Isadora Duncan.
Traxectoria na moda Tras pasar unha tempada en Norteamérica, en 1922, trasladouse a París xunto a súa filla. Alí entrou en contacto cos círculos vangardistas da cidade. En 1924, coñeceu o modisto Paul Poiret. Asentada e ben colocada socialmente, en 1927, Elsa presentou a súa primeira colección e levantou a súa propia marca coa que alcanzou un éxito inaudito e grazas á cal se converteu nun emblema. Un ano máis tarde lanzou o seu primeiro perfume, “S”.
En 1931, deseñou para a tenista española Lilí Álvarez, a primeira saia pantalón, considerada escandalosa para a época, que utilizou no torneo de Roland Garros de París e despois no torneo de Wimbledon. Ademais, inaugurou a súa primeira tenda Pour le Sport no número 4 da rue de la Paix, en París. Pouco despois abriu unha tenda en Londres. Xa en 1936 deseñou unha liña de bolsos para a compañía americana Whiting & Davis. Tamén creou o vestiario de Mae West (unha das súas clientas habituais) para o filme Every Day´s a Holiday.
En 1941 refuxiouse da guerra en Nova York ata que en 1945 regresou a París onde presentou a súa nova colección. Nese momento, Hubert de Givenchy comezou a traballar para a marca. Xa en 1953 publicou Shocking Life, a súa autobiografía. Ao final dese ano, House of Schiaparelli pechou mentres que a parte dos perfumes continúa. A deseñadora retirouse á súa casa de Tunisia.
Anos despois da súa morte, o Museo de Arte de Philadelphia dedicou unha retrospectiva ao seu traballo. No ano 2012 o MET de Nova York inaugurou a exposición Schiaparelli and Prada: Impossible Conversations.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Uve, Sandra (2018). Supermujeres, superinventoras: Ideas brillantes que transformaron nuestra vida. Madrid: Planeta S.A. ISBN 978-84-16890-97-2.
Ligazóns externas
Ficha de Elsa Schiaparelli en IMDb
Categoría:Nados en Roma Categoría:Nados en 1890 Categoría:Finados en 1973 Categoría:Deseñadores de moda Categoría:Empresarios do sector téxtil