Luis Garicano Gabilondo, nado en Valladolid en 1967, é un economista e político español, profesor de estratexia e economía da Escola de Negocios do Instituto Empresa e vicepresidente do partido político europeo Alianza dos Liberais e Demócratas por Europa.

Traxectoria Licenciouse en ciencias económicas (1990) e dereito (1991) na Universidade de Valladolid e obtivo o doutoramento na Universidade de Chicago en 1998 e neses anos foi tamén profesor axudante de Gary Becker e Kevin M. Murphy, dous dos principais expoñentes da teoría do capital humano, que sostén que a calidade e mais a educación dos traballadores constitúen o principal factor necesario para o crecemento económico. Tras obter o seu doutoramento, foi contratado como profesor na Escola de Negocios Booth da Universidade de Chicago, logrando praza como catedrático en 2006.

Recibiu en 2007 o premio Fundación Banco Herrero ao mellor investigador español menor de 40 anos nos campos do coñecemento económico, empresarial e social. En 2008 pasou á London School of Economics como catedrático de economía e estratexia e mais como director de investigación no equipo fundador dun novo departamento denominado administración de empresas. Na mesma universidade tamén fundou e dirixiu o programa de mestrado en economía e administración. Dende maio de 2017 é catedrático de economía e estratexia na escola de negocios do Instituto Empresa (IE) e director do Instituto para la Economía Digital.

Traballou como economista para a Comisión Europea entre 1992 e 1993 para a consultora McKinsey & Company en 1998 e para a Fundación de Estudos de Economía Aplicada en 2010, onde foi titular da Cátedra McKinsey. Entre xaneiro de 2012 e abril de 2016 tamén foi membro independente do Consello de Administración de Liberbank.

Desenvolveu tarefas de investigación no campo económico, defendendo a idea das xerarquías como ferramentas para fomentar o coñecemento e a especialización nas empresas. Publicou en diversas revistas académicas de economía: Quarterly Journal of Economics, Journal of Political Economy, Review of Economic Studies, American Economic Review ou Journal of Economic Perspectives.

E tamén publicou artigos de opinión no Financial Times, El País e El Mundo, así como varios libros nos que defende reformas en campos clave en España como o modelo educativo, o sistema de pensións ou a lexislación laboral. Dende 2009 escribe no blog sobre economía "NadaEsGratis"

En 2013 publicou un manifesto canda Carles Casajuana, César Molinas e Elisa de la Nuez para promover unha reforma da lei de partidos que apoiaron un cento de intelectuais. O 8 de febreiro de 2015 anunciou a súa entrada en Ciudadanos, converténdose no principal economista do partido, e redactando o programa económico co que o partido concorreu ás eleccións xerais de 2015 e 2016, e no que se incluían propostas como o complemento salarial e mais o contrato único.

Canda outros 7 políticos de formacións europeas liberais ocupou, en 2016, a vicepresidencia do partido político europeo ALDE (Alianza dos Demócratas e Liberais de Europa), do cal forma parte o seu partido. En febreiro de 2019 o seu partido elixiuno como cabeza de lista ás eleccións europeas dese ano logo dun proceso de primarias no que Garicano conseguiu o 71% dos votos.

Publicacións

Garicano, Luis; Bagües, Manuel e Fernández Villaverde, Jesús (2010). La Ley de Economía Sostenible y las Reformas Estructurales. Madrid: FEDEA. Bentolila, Samuel; Cabrales, Antonio; Fernández Villaverde, Jesús; Garicano, Luis; Rubio, Juan e Santos, Tano (2011). Nada es Gratis: Como Evitar una Década Perdida tras la Década Prodigiosa. Barcelona: Destino. Garicano, Luís (2013). El Dilema de España. Barcelona: Península (5 edicións). Garicano, Luís, Roldán, Toni (2015). Recuperar el Futuro: Doce Propuestas que Cambiarán España. Barcelona: Península.

Notas

Categoría:Políticos de Ciudadanos-Partido de la Ciudadanía Categoría:Nados en Valladolid Categoría:Nados en 1967 Categoría:Alumnos da Universidade de Valladolid Categoría:Economistas de España Categoría:Profesores da London School of Economics