O Grupo de Teatro O Facho foi creado en 1965 por membros da Agrupación Cultural O Facho, un colectivo de intelectuais galegos que desenvolveron unha serie de actividades culturais en prol da defensa da lingua galega nos anos da ditadura.

Orixe da conformación do Grupo de Teatro

Antecedentes: Posguerra e lenta recuperación

A instauración do Franquismo en 1936 trouxo consigo a represión sistemática do movemento nacionalista encabezado polas Irmandades da Fala e polo Grupo Nós. A partir de entón, o teatro vería reducida progresivamente a súa presenza no eido cultural até deixar de se manifestar en foros abertos. Con todo, a partir de 1950 tiveron lugar diversos acontecementos que propiciaron a revitalización da conciencia galeguista, como a morte de Castelao no exilio ou a iniciativa por parte dun grupo de intelectuais de promover un galeguismo de corte culturalista e que estivera ausente de calquera intencionalidade política, nacendo así a editorial Galaxia, cuxos proxectos estabelecerían unha ponte de unión entre autores de pre-guerra e de posguerra.

Durante a posguerra fóronse dando as condicións propicias para o florecemento do teatro independente. O ascenso económico e sociocultural da pequena burguesía crearía un ambiente favorábel para a progresiva introdución de tímidas reformas teatrais que, co decorrer do tempo, redundarían na redución da distancia intelectual entre as clases sociais e na eliminación das relacións capitalistas no mundo escénico.

A desgaleguización e a paralela desruralización fixo que se tomase consciencia da necesidade de “regaleguizar” o país. Non obstante, en Galiza non existía unha burguesía con sentido de clase nin economicamente forte que posibilitase o desenvolvemento dun teatro comercial galego. A nova dramaturxia habería de ser unha invención das clases medias que exixían non só a reivindicación lingüística ou unha medida de axitación, mais tamén unha reflexión sobre a nosa identidade dentro da historia.

Espallamento e configuración do teatro independente en Galiza

O teatro independente xurdira en Europa en oposición ao teatro burgués e se estendera pola Península Ibérica nos anos sesenta e setenta do século XX. Procuraba a recuperación da función social da arte escénica, o afastamento do teatro comercial –ligado ao capital e ás políticas estatais– e a renovación da produción dramática mediante o emprego de linguaxes experimentais. No eido formal, supuxo a ruptura coas fórmulas burguesas do realismo e naturalismo. A recuperación do teatro galego por medio do independentismo teatral foi posible fundamentalmente a través da chegada a Galiza dunha serie de espectáculos do teatro independente español e afianzouse co contacto co teatro independente portugués. Até entón producíranse algunhas tentativas de recuperación do teatro galego, non obstante a situación non mudaría de xeito significativo até o triunfo do teatro independente fronte o obsoleto Teatro de Cámara e Ensaio. O teatro independente erixiuse como unha potente ferramenta de concienciación ideolóxica e reclamante do galego a través do cal acadouse a creación dunha dramaturxia propia en lingua galega.

Así, en 1965 nacería o Grupo de teatro independente -chamado comunmente grupo teatral O Facho-, un colectivo formado por integrantes das «Juventudes Comunistas» e dirixido por Manuel Lourenzo (membro da Asociación Cultural O Facho), que estaba destinado á representación exclusivamente en lingua galega. As súas actividades iniciáronse en agosto de 1965 no salón de exposicións da Casa da Cultura da Coruña. Dito grupo foi precursor directo do Teatro O Circo da Coruña, fundado e dirixido por Manuel Lourenzo e que acadaría o absoluto protagonismo durante os últimos anos da década dos sesenta. Membros do grupo teatral O Facho pasarían a formar parte do seu elenco.

A aparición en escena do grupo teatral O Facho propiciou, xunto coa posterior fundación do Teatro o Circo, a consolidación do teatro independente no país. Posteriormente, seguindo o exemplo do Teatro O Circo –o primeiro plenamente independente de Galiza– aparecerían novas formacións dramáticas que converterían esta etapa na máis activa da historia galega teatral.

Composición e Membros do Grupo de Teatro O Facho

O Grupo de Teatro O Facho abrangue destacadas personalidades intelectuais galegas. Durante a súa historia, o Grupo experimentou diferentes cambios na dirección, así como continuadas modificacións en canto ao amplo elenco de actores e actrices que participaban nas representacións, por mor de diversos motivos (estudos, laborais, persoais etc.).

Foron directores en diferenciadas épocas: Manuel Lourenzo, actor, dramaturgo, director teatral, conferenciante, tradutor galego, e dinamizador de diferentes iniciativas teatrais; Francisco Pillado Mayor, escritor e persoeiro do mundo do teatro galego; Xosé Manuel Rodríguez Pampín, sacerdote católico, escritor, tradutor e dramaturgo galego en lingua galega; Ramiro Cartelle, destacado músico, crítico e difusor da música de Galiza; Xosé Ramón Rabón Lamas e Antón de Santiago.

Participaron na organización das lecturas e representacións destacadas figuras do panorama cultural galego como: Enrique Harguindey, escritor e tradutor galego; Xosé Manuel Beiras, político galego, líder do PSG e BNG; Xosé Luís Franco, escritor e avogado; Ramón Lugrís, xornalista e ensaísta; Isaac Díaz Pardo, empresario e artista, entre outros.

Cronoloxía da actividade do grupo de teatro

1ª Época. Director – Manuel Lourenzo

O Grupo de Teatro O Facho formouse en agosto de 1965, sendo dirixido, até agosto de 1966, por Manuel Lourenzo; os recitais da primeira actuación foron dirixidos por Francisco Pillado Mayor e os realizados en setembro de 1966, por Juan María Castro.

A estrea do Grupo tivo lugar na Sala de Exposicións da Casa da Cultura (Xardín de San Carlos), o 20 de agosto de 1965 e consistiu nun programa mixto, modestamente intitulado ensaio escénico en tres xornadas: as dúas primeiras cubríronse con correspondentes recitais de catro poemas de Sombra do aire na herba, de Luís Pimentel (“Enterro do neno probe”, “Canción de tres culleres”, “Xogo ruín” e “Galicia”) e de catro historias de Cousas de Castelao (“A marquesiña”, “A tola”, “Conto triste” e “Peza en dous lances”); a terceira xornada consistiu na representación da farsa O cabalo do cabaleiro, de Carlos Muñiz, en versión galega do propio director do grupo, unha farsa dun só acto que transcorre no cuarto de estar dunha familia burguesa. Participaron como actores: Mª Carmen San León, Manoli Corral, Luci Rey, Pura Barrio, Juan Mª Castro, Manuel Lorenzo, Inés Armesto, Antonio Arias, Alfredo Ferrreiro e Fernando Porto. Decorados e luces: Maximino Cacheiro; maquillaxe: Inés Armesto; música: canción “Can’t lovin’dat man”, de Bill Marx, arpa de Harpo Marx.

Polos meses de outubro e novembro, representouse no paraninfo da Escola de Maxisterio, O cabalo do cabaleiro, co mesmo elenco (substituído Ferreiro por M. Lorenzo) e gravouse en Radio Coruña a peza radiofónica “O santo grial”, de Nina Epton, en versión de Ramón Lugrís e nas voces de Manuel Lorenzo, Ramiro Cartelle, Fernando Porto, Chichi Paredes, Juan Mª Castro e José Manuel Vázquez.

O 7 de xaneiro de 1966 (16º cabodano do patriota rianxeiro), na mesma Casa da Cultura, realizouse a lectura dunha escolma de textos de Castelao, coa intervención de José Manuel Vázquez, Chichi Paredes, Fernando Porto, Ramiro Cartelle, Manuel Lorenzo, Pura Barrio e Juan Mª Castro, presentados por Manuel Varela. E o 8 de xaneiro, co mesmo motivo, gravouse, en Radio Nacional de España, unha escolma de contos de Castelao, nas voces de Francisco Pillado, María José Lorenzo e Manuel Lorenzo. O 6 de febreiro, nunha sala de festas de Oza dos Ríos, representáronse O cabalo do cabaleiro e máis “A feira dos criados”, fragmento de O señor Puntilla e o seu criado Matti, de Bertolt Brecht, unha sucesión de escenas que describen as aventuras dun rico propietario que quere desposar cun vello a súa filla Eva. Ela rexéitao xa que está namorada de Matti. Actuaron: José Manuel Vázquez, Fernando Porto, Antonio Arias, Manuel Lorenzo, Juan Mª Castro, José Ribeiros, Chichi Paredes, María José Lorenzo e Alfredo Ferreiro, a máis dos comparsas.

O 11 de abril léronse, na Sociedade da Gaiteira, contos de Castelao e representouse, novamente, O cabalo do cabaleiro, actuando Alfredo Ferreiro, Fernando Porto, Juan MªCastro, Antonio Arias, Manuel Lourenzo e Chichi Paredes, presentados por María José Lorenzo. En Radio Coruña fíxose, unha outra volta, o 25 de xuño, unha gravación de contos de Castelao, lidos por Chichi Paredes, Manuel Lorenzo e Alfredo Ferreiro. O 23 de agosto de 1966, no auditorio portátil de Festivales de España, instalado na praza de María Pita, e no marco do II Certamen de Teatro Nuevo, organizado polo concello, o Grupo de Teatro representa a obra de Max Frisch, en versión de Manuel Lourenzo e Enrique Harguindey, O señor Bonhome e os incendiarios, unha peza didáctica sen ensinanza que nos remite á realidade política. Foron actores: José Manuel Vázquez, Mª Dolores Paredes, Mª Carmen Deus, Fernando Porto, Juan Mª Castro, Manuel Lorenzo, Enrique Harguindey, María José Lorenzo, José Ribeiros, Juan Cejudo, Alfredo Ferreiro, Manuel Romero, Andrés Salgueiro e Eduardo Tejerina. Fixo o decorado Leopoldo Pérez. Banda sonora a cargo de Adolfo Ribas e luces de José Luís Cardero.

2ª Época. Directores – X. M. Rz. Pampín e R. Cartelle

O 2 de febreiro de 1970, no Circo de Artesáns, realizouse, dirixida por Xosé Manuel Rodríguez Pampín e Anrés Rey, a lectura de Antigona, de Jean Anouilh, en versión de Xosé L. Franco, R. Silva e Xosé M. Beiras. Leron: Enrique Lago, Ramiro Cartelle, Paula Vázquez, María Xosé Vázquez, Mª Pilar Allegue, Andrés Rey, Daniel Alonso, Xaquín Villar, Matías Cuba, Fernando Méndez, Ánxeles G. Rivas, Xosé Garrido, Rosa Quintana e Xurxo X. Montes. No Colexio Nacional Mixto Curros Enríquez, o 30 de setembro, e dirixida por Ramiro Cartelle Álvarez, realizouse a lectura escenificada das obras O Mendiño e o can morto, de Bertolt Brecht, en versión de Xosé L. Rodríguez Pardo, unha peza de teatro breve con dous personaxes tan só: un emperador e un mendigo que teñen unha conversa que contén moita filosofía moral; e Auto do prisioneiro, de Ricardo Carballo Calero, obra de carácter claramente filosófico que xira ó redor da transcendencia e o problema do home de vivir encadeado e non libre, Neste caso, un home no cárcere por orde do seu propio pai.

En 1971, Ramiro Cartelle realizou, no local social, unha serie de catro Conversas de O Facho, consistentes na lectura, con ilustracións musicais, de diversos textos da nosa literatura. O 17 de maio, Días das Letras, no instituto Da Guarda, no acto de clausura do VII Curso de idioma da Agrupación Cultural O Facho, e baixo a dirección de Ramiro Cartelle, léronse poemas de Gonzalo López Abente, facéndose tamén unha evocación biográfica do poeta muxián.

O Día das Letras de 1972, dedicado ese ano a Valentín Lamas Carvajal, e tamén no acto de clausura do noso VIII Curso de idioma, O Grupo de teatro leu poemas e prosas (do Catecismo do Labrego) do autor ourensán, de quen se fixo unha evocación biográfica, todo baixo a dirección do mesmo Ramiro Cartelle.

En 1973, aínda o 16 de febreiro, esta volta baixo a dirección de Xaquín Villar Calvo e no Circo de Artesáns, O Grupo de Teatro levou a cabo un recital de poemas e cantigas de hoxe. Os poetas escollidos foron: Pimentel, Ferreiro, Díaz Castro, Tovar, Manuel María, Novoneyra, Graña, Franco G. Bondaño e L. Casanova.

Antón de Santiago Montero, acompañado ao piano por Ramiro Cartelle, interpretou: “Rosiña”, de R. Cartelle e Rosalía Castro, “Falarei-che de amores”, de R. Cartelle e Antón de Santiago, e “Canto á ledicia”, de L. van Beethoven e F. Schiller, en versión literaria e musical de R. Cartelle (coas dúas primeiras pezas, os intérpretes obtiveran, en 1971 e 1972, o 2º e 3º premios no certame musical de As San Lucas, de Mondoñedo).