Bego M. Santiago, nada o 18 de febreiro de 1980 en Santiago de Compostela, é unha artista visual contemporánea galega. O seu labor desenvólvese entre os Estados Unidos de América e Europa.
Comezou formándose en disciplinas clásicas como a pintura e o debuxo, mais axiña se interesou polas artes visuais. A fotografía é o maior compoñente expresivo da súa obra, aínda que tamén traballa coa imaxe proxectada, a instalación artística, a escenografía, os libros de artista e a arte dos novos medios. A súa produción artística é de carácter interdisciplinar e especialízase no uso da luz como ferramenta pictórica e escultórica. A nivel conceptual a súa obra explora a retroalimentación entre o real e o representado, a través de binomios como real/falso, presenza/ausencia e orixinal/copia. A luz é para ela unha ferramenta de simulación e ilusión óptica capaz de dar vida a obxectos inanimados, desdebuxando os límites entre realidade e representación, presenza e ausencia.
Traxectoria Comezos En 2001 comezou os seus estudos en Belas Artes na Universidade de Vigo. No ano 2004 realizou a súa primeira exposición internacional, dentro do proxecto VideoDictionary coa súa obra “Onanismo”. O itinerario da exposición incluíu a Casa Encendida (en Madrid), Island Art Film and Video Festival 05 (Londres, Reino Unido), Impact Festival (Utrecht, Países Baixos) e Image-Forum (Tokyo, Xapón). En 2007 licenciouse e en 2008 obtivo o título de mestrado en Produción Artística pola Universidade Politécnica de Valencia, con mención de honra na súa tese “La postproducción cultural una estética de relaciones”. Nese mesmo ano recibe o premio Feima-Fundación Laxeiro polo seu proxecto “Loop Diarios”. Como parte do seu proxecto “Loop Diarios”, no ano 2008 Ediciones Trashumantes edita o seu libro de artista Fantasmagorias dentro de “Colección Pulgar” presentado en FNAC de Valencia dentro das xornadas do 23 Festival Internacional de Cinema Jove.
En 2009 comezou a formar parte do colectivo “NiñoViejo”, co que traballou durante tres anos en diversos proxectos artísticos, entre os que destaca a súa videoinstalación no espazo público “Almas Latentes”, presentada en "La Noche en Blanco" de Madrid en 2009.
Por Europa En 2010 trasládase a Praga para traballar como profesora convidada no Departamento de Cinema e Animación da Academia de Artes, Arquitectura e Deseño de Praga, onde xunto a Patricia Ortiz, desenvolveu un plan de estudos baseado na combinación de técnicas cinematográficas analóxicas e dixitais, para o seu uso en cinematografía e artes visuais. Paralelamente á súa actividade docente, tamén desenvolveu proxectos, exposicións e residencias artísticas en diferentes partes de Europa como Xenebra, Madrid e Berlín.
En 2012 trasládase a Berlín para unirse ao equipo do departamento de arte e tecnoloxía MEDIENWERKSTATT de “Bethanien Kunstraum”, onde desenvolveu, en colaboración con HTW Berlin (Universidade de Ciencias Aplicadas de Berlín), o libro interactivo “Simulacra. A Digital Storytelling”, que se exhibiu durante “The 10th Berlin International Directors Lounge” na “ C.A.R. Photo/Media Art Fair 2014”.
En 2013 realizou a videoinstalación interactiva “LITTLE BOXES” durante a súa residencia na NORMAL - Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña. Foi realizada durante a residencia artística de produción para a exposición colectiva "Elas Fan Tech" e comisariada por Ánxela Caramés. A exposición tivo itinerancia na Sala X da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. "Little Boxes" recibiu unha importante cobertura nos medios e foi obxecto de investigación académica en varias teses de doutoramento e conferencias.
En 2014 participou en “Arqueologías de lo íntimo” comisariada por Araceli Corbo e Paula Cabaleiro. Esta proposta enmarcouse na III edición do Festival Miradas de Mulleres, presentada en ARCO. En 2016 foi convidada por Xisela Franco e Beli Martínez a participar no filme colectivo “Visions”, que se amosou en diferentes festivais. Tamén en 2016, fixo “Ephemerality Sandwich”, unha videoinstalación específica en colaboración co videoartista e ilustrador Ilan Katin e o escultor Olivier Grosetete.
En 2017 realiza “Follow the Path”, a primeira obra da serie “COSMOS: todo aquello que está ordenado”. A finais dese mesmo ano, foi seleccionada no programa de residencias de produción artística do Consorci de Museus da Comunidade Valenciana.
Estados Unidos En 2018 foi representada pola galería estadounidense "The Directed Art Modern" e presentou “MATEMATICAS DE DIOS” no Scope art fair & “LITTLE BOXES” en Design District durante a Artbasel Miami Art Week.
En 2019 “COSMOS: todo aquello que está ordenado” foi presentada ao completo no Festival RESIS de música contemporánea e artes vivas. Ese mesmo ano parte do proxecto "Loop Diarios" foi presentado no Metropolitan Pavillion de Nova York, como parte da exhibición colectiva "MOSTLY" MONOCHROMATIC, MEMORY, AND MEDITATION.
En 2020 foi a directora artística da cerimonia de clausura da "Bienal de Mulleres nas Artes Visuais - BMAV 2020" emitida por RTVE. Tamén dirixiu a proposta artística #acciónLuminarias. Tamén participou ese ano na exposición colectiva “CINEMA-PERCORRIDOS. NOITE Á DERIVA” Play Doc Festival de Tui.
Desde 2020 é representada por The CAMP Gallery - The Contemporary Art Modern Project Gallery" con espazos en Miami e Nova York. Con The CAMP Gallery participou en feiras de arte como "SPRING/BREAK Art Show New York 2020" durante "The Armory Show | New York's art week". En 2021 "The CAMP Gallery" comisariou a súa primeira exposición individual nos Estados Unidos: “Bego M. Santiago: Loop Diaries solo exhibition” en Miami durante a "ArtBasel | Miami Art Week”. Paralelamente, a súa exposición individual presentou parte do proxecto "Loop Diaries" en Scope Miami Beach 2021 durante a "ArtBasel | Miami art week".
En 2022 comezou a colaborar con "Wonderspaces", que conta con espazos expositivos en San Diego, Austin, Scottsdale e Filadelfia. En abril comezou a presentar a videoinstalación "Follow the Path" que itinerará polos seus espazos expositivos durante os vindeiros 2 anos.
Obra VideoDictionary (2005) Little Boxes (2012) Visións (2017) Follow de Path (2018)
Véxase tamén Ligazóns externas Sitio web persoal
Notas
Categoría:Artistas de Galicia Categoría:Nados en 1980 Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Alumnos da Universidade de Vigo Categoría:Alumnos da Universidade Politécnica de Valencia