O voo 302 de Ethiopian Airlines era un servizo regular de pasaxeiros entre o aeroporto de Adís Abeba-Bole e o aeroporto Internacional Jomo Kenyatta en Nairobi. O día 10 de marzo de 2019 o Boeing 737 MAX 8 que operaba a ruta esnafrouse pouco despois de engalar morrendo todos os seus ocupantes.
O accidente é o segundo en menos dun ano cun Boeing 737 MAX 8 implicado, despois do accidente do voo 610 de Lion Air, pouco despois de engalar de Iacarta, en outubro de 2018.
Trátase do peor sinistro na historia de Ethiopian Airlines, superando ao secuestro e posterior accidente do voo 961 na costa das Comores en 1996.
Avión O avión accidentado era un Boeing 737 MAX 8 con rexistro ET-AVJ. O aparello tiña só catro meses de idade no momento do accidente. Fora fabricado en outubro de 2018 e fora entregado o 15 de novembro dese ano.
Accidente O voo 302 era un servizo regular de pasaxeiros dende Adís Abeba ata Nairobi. O avión, un Boeing 737 MAX 8, levaba 149 pasaxeiros e 8 tripulantes e engalou de Adís Abeba ás 08:38 hora local. Despois de que o piloto informase de que había un problema e de que desexaba regresar ao aeroporto o avión desapareceu do radar e esnafrouse ás 08:44 hora local (05:44 UTC), seis minutos despois de engalar da pista 07R. O aparello acabou preto da cidade de Bishoftu, a 62 quilómetros ao sueste do aeroporto. As fotografías do lugar do impacto amosaban un gran cráter con só pequenos anacos do avión. Non houbo superviventes.
Pasaxeiros e tripulación Todos os pasaxeiros e tripulantes morreron no accidente. Entre os 157 ocupantes había un total de 33 nacionalidades. Moitos dos pasaxeiros viaxaban a Nairobi para asistir á Asemblea das Nacións Unidas polo Medio Ambiente. Entre as vítimas estaban o arqueólogo italiano e Conselleir para a Herdanza Cultural de Sicilia Sebastiano Tusa, e o académico canadense Pius Adesanmi.
Entre os pasaxeiros había unha veciña de Cangas de Morrazo de 32 anos, cooperante dunha ONG en Etiopía.
Reaccións O primeiro ministro etíope Abiy Ahmed ofreceu as súas condolencias ás familias das vítimas. O CEO de Ethiopian Airlines Tewolde Gebremariam visitou o lugar do accidente, confirmando que non había superviventes, e expresou a súa simpatía e condolencias. Boeing publicou unha declaración de condolencias.
O parlamento etíope declarou o 11 de marzo como un día de luto nacional. Durante a inauguración da cuarta Asemblea das Nacións Unidas polo Medio Ambiente en Nairobi gardouse un minuto de silencio polas vítimas. O presidente de Nixeria Muhammadu Buhari, na súa mensaxe de condolencias no nome do goberno e do pobo do país, estendeu as súas condolencias ao primeiro ministro etíope Abiy Ahmed, aos pobos de Etiopía, Kenya, Canadá, China e de todas as nacións con vítimas no accidente.
Flight International comentou que o accidente provocaría un aumento do malestar sentido tras o sinistro do voo 610 de Lion Air en outubro de 2018, que de forma semellante ocorreu pouco despois da engalaxe.
Inmobilización Como resultado dos dous accidentes do 737 MAX, ocorridos en poucos meses, a meirande parte das aeroliñas e países comezaron a inmobilizar os Boeing 737 MAX 8 (e en moitos casos todas as variantes do MAX) debido a preocupacións de seguridade. Entre as aeroliñas que inmobilizaron a súa frota de MAX estaban Aerolíneas Argentinas, Aeroméxico, Cayman Airways, Ethiopian Airlines, GOL, MIAT Mongolian Airlines, Royal Air Maroc, Sunwing e Comair Limited. Algunhas autoridades de aviación inmobilizaron todos os MAX baixo a súa xurisdición, tamén implicando aos voos en tránsito, como a Administración de Aviación Civil da China, a Axencia Europea de Seguridade Aérea, o Ministerio de Aviación Civil da India, a Dirección Xeral de Aviación Civil de Indonesia, a Autoridade de Aviación Civil de Malaisia, a Autoridade de Aviación Civil de Mongolia, a Oficina de Aviación Civil de Corea do Sur, a Autoridade de Aviación Civil de Singapur, o Ministerio de Transporte e Infraestrutura Dixital de Alemaña, a Autoridade de Aviación Civil do Reino Unido, a Autoridade de Seguridade da Aviación Civil de Australia, a Autoridade de Aviación Civil de Nova Zelandia e Transport Canada.
A Administración Federal de Aviación estadounidense (FAA), porén, inicialmente declinou inmobilizar os 737 MAX baixo a súa xurisdición. Finalmente foi publicada unha solicitude de emerxencia para inmobilizar todos os avións nos Estados Unidos despois dun acordo entre a FAA e Boeing. O 13 de marzo o CEO de Ethiopian Airlines Tewolde Gebremariam chamou a inmobilizar todos os 737 MAX do mundo.
Investigación A Autoridade de Aviación Civil de Etiopía é a responsable de investigar os accidentes aéreos civís no país. O fabricante do avión, Boeing, declarou que está preparada para traballar coa Xunta Nacional de Seguridade no Transporte dos Estados Unidos e para axudar a Ethiopian Airlines. A Administración Federal de Aviación estadounidense tamén axudará na investigación.
Tanto a gravadora de voces da cabina como a gravadora de datos de voo foron recuperadas no lugar do accidente o día 11 de marzo. Funcionarios estadounidenses urxiron aos traballadores de Ethiopian Airlines a enviar as caixas negras aos Estados Unidos para ser analizadas, pero os traballadores da aeroliña dixéronlle aos xornalistas que decidiran envialas no seu lugar a expertos en seguridade europeos. Representantes da Oficina Federal de Investigación de Accidentes Aéreos de Alemaña dixeron que as autoridades etíopes contactaran con eles para analizar as caixas negras, pero a axencia rexeitou a petición debido a que non tiñan o software requirido. A axencia de investigacións de accidentes aéreos francesa, a BEA, anunciou que analizará as caixas negras do voo.
Notas
Categoría:Accidentes aéreos en Etiopía Categoría:Accidentes e incidentes de Ethiopian Airlines Categoría:Accidentes e incidentes de Boeing 737 MAX Ethiopian