Gyromitra esculenta é un fungo ascomiceto amplamente distribuído en Europa e Norteamérica. Normalmente frutifica en solos areosos baixo árbores coníferas en primavera e principios do verán. O corpo frutífero ou cogomelo, consta dun píleo ou chapeu con forma de cerebro irregular de cor marrón escura que pode chegar aos 10 cm de altura e 15 cm de largo, situado sobre un robusto estipe ou pé de ata 6 cm de altura. Parécese superficialmente á pantorraDicionario Digalego pantorra (Morchella), ao que se debe o nome que se lle dá nalgúns idiomas equivalente a "falsa pantorra".
Aínda que é un fungo potencialmente mortal cando se come cru, Gyromitra esculenta é un manxar popular en Escandinavia, Europa oriental e a rexión norte dos Grandes Lagos de Norteamérica. Aínda que tamén é popular nalgunhas zonas do leste dos Pireneos, está prohibida a súa venda pública en España. Pode venderse fresco en Finlandia, pero debe ir acompañado de advertencias e instrucións sobre a súa correcta preparación.
Malia que adoita ser semifervido antes da súa preparación, as evidencias suxiren que incluso este procedemento pode que non faga que este fungo sexa enteiramente seguro para o seu consumo. Cando se come, o seu principal axente activo, a xiromitrina, é hidrolizada dando o composto tóxico monometilhidrazina (MMH). A toxina afecta o fígado, o sistema nervioso central e ás veces os riles. Os síntomas de envelenamento son vómitos e diarrea que aparecen varias horas despois do seu consumo, seguidas de mareos, apatía e dor de cabeza. Os casos graves poden levar ao delirio, o coma e a morte en de cinco a sete días.
Taxonomía
Este fungo describiuno en 1800 o micólogo Christiaan Hendrik Persoon, co nome Helvella esculenta,Persoon CH (1800) Comm. Schaeff. Icon. Pict.: 64 e tomou o seu actual nome binomial aceptado cando o micólogo sueco Elias Magnus Fries o situou no xénero Gyromitra en 1849.Fries EM (1849) Summa veg. Scand., Section Post. (Stockholm):p. 346 O nome do xénero deriva dos termos do grego antigo gyros/γυρος, 'redondo' e mitra/μιτρα, 'diadema, fita para a cabeza'. O seu epíteto específico deriva do latín esculentus, 'comestible'.
Gyromitra esculenta é un membro dun grupo de fungos coñecidos como "falsas pantorras", chamadas así polo seu parecido co apreciado fungo pantorra ou fungo de coresma (do xénero Morchella). Neste grupo inclúense outras especies do xénero Gyromitra, como G. infula, G. caroliniana e G. gigas. Aínda que algunhas destas especies conteñen pouca ou ningunha xiromitrina, moitos libros de guías de fungos recomendan tratalos todos como velenosos, xa que a súa aparencia similar e variacións intraespecíficas significativas poden facer que sexa difícil unha identificación fiable.
Os fungos máis distantemente relacionados do xénero Verpa, como V. bohemica e V. conica, son tamén moi parecidos, e igual que Gyromitra, son considerados comestibles por algúns e velenosos por outros.
O xénero Gyromitra fora considerado clasicamente como pertencente á familia Helvellaceae, xunto con outros fungos moi semellantes do xénero Helvella. As análises de ADN ribosómico de moitos Pezizales mostraron que Gyromitra esculenta e as outras falsas pantorras só tiñan un parentesco moi distante cos outros membros das Helvellaceae e, ao contrario, estaban máis próximas ao xénero Discina, formando un clado que tamén comprende Pseudorhizina e Hydnotrya. Así, os catro xéneros están agora incluídos na familia Discinaceae.
Descrición miniatura|Un espécime máis xove cun chapeu menos engurrado.
O chapeu ou píleo irregular deste fungo lembra un cerebro e pode chegar aos 10 cm de altura e 15 cm de largo. Inicialmente é liso, mais faise progresivamente engurrado a medida que crece e envellece. A cor do píleo pode ter diversos tons de marrón avermellado, acastañado, púrpura, escuro ou ás veces dourado. Os espécimes de California poden ter un píleo máis marrón avermellado.Arora, David (1986). Mushrooms Demystified: a comprehensive guide to the fleshy fungi (2nd ed.). Berkeley: Ten Speed Press. pp. 801–02. ISBN 978-0-89815-169-5. Unidos ao píleo en diversos puntos, o estipe é de 3 a 6 cm de alto e 2 a 3 cm de largo. O seu cheiro pode ser agradable e foi descrito como afrutado, e o fungo ten un sabor suave. A impresión da espora é abrancazada, e as esporas son transparentes e elípticas, de 17–22 μm de lonxitude.
Gyromitra esculenta lembra varias especies de verdadeiras pantorra (Morchella), aínda que estas últimas son máis simétricas e cun aspecto máis de esponxa gris, marrón ou torrada. Ten o píleo xeralmente máis escuro e grande. Ademais, Gyromitra esculenta ten un estipe macizo, mentres que o das verdadeiras pantorras (Morchella spp.) é oco.
Distribución e hábitat
G. esculenta crece en chans areosos en bosques de coníferas temperados e ocasionalmente en bosques caducifolios. Entre as coníferas encóntrase sobre todo baixo piñeiros (Pinus spp.), pero tamén ás veces baixo lamigueiros (Populus spp.). Brota de abril a xullo, máis cedo que outras especies, e o fungo pode incluso brotar durante a fusión da neve. Pode ser abondoso nalgúns anos e raro noutros. O cogomelo encóntrase máis frecuentemente en lugares onde o terreo foi alterado, por zonas despexadas, regatos, cortas de madeira, zonas aradas, claros creados por lumes e beiravías de estradas. Os entusiastas deste fungo en Finlandia informaron que enterraron no chan xornais inoculados co fungo en outono e volveron na primavera seguinte para recoller os cogomelos.
Aínda que é máis abondoso en bosques de montaña e nos de coníferas do norte como en Serra Nevada e a Cordilleira das Cascadas do noroeste de Norteamérica, Gyromitra esculenta encóntrase amplamente distribuída polo continente norteamericano, chegando polo sur ata México. Tamén é común en Europa central, menos abondoso no leste, e máis en áreas montañosas que en terras baixas. Foi rexistrado en Irlanda do Norte, na provincia de Uşak no oeste de Turquía, e preto de Kaş na provincia de Antalya na costa sur de Turquía.
Toxicidade
miniatura|En venda cun signo de advertencia, Praza do Mercado, Helsinqui. As reaccións tóxicas deste fungo coñécense desde hai polo menos cen anos. Os expertos especularon que a reacción era máis de tipo alérxico e específica de determinados consumidores, ou unha identificación incorrecta, en lugar dunha toxicidade innata ao fungo, debido á ampla variedade de efectos observados. Algúns sofren síntomas graves ou morren, mentres que outros non presentan síntomas despois de comer cantidades similares destes cogomelos do mesmo prato. Outros envelénanse ao comer este fungo durante moitos anos sen efectos nocivos. Porén, o fungo é agora amplamente recoñecido como potencialmente mortal.
Gyromitra esculenta contén niveis do veleno xiromitrina que varía localmente entre poboacións; aínda que estes cogomelos raramente están implicados en envelenamentos tanto en Norteamérica coma en Europa occidental, as intoxicacións son frecuentes no leste de Europa e Escandinavia. Un estudo polaco de 1971 informou que nesa época a especie era responsable dun 23% das mortes causadas por comer fungos cada ano. As taxas de mortes caeron desde mediados do século XX; en Suecia o envelenamento é común, pero, aínda que foron detectados envelenamentos, non houbo mortes durante os 50 anos que van desde 1952 a 2002. Os envelenamentos por Gyromitra son raros en España, debido á estendida práctica de secar os cogomelos antes da súa preparación e consumo, pero ten unha taxa de mortalidade dun 25%.
A dose letal de xiromitrina estimouse en 10-30 mg/kg para nenos e de 20-50 mg/kg para adultos. Estas doses corresponden a 0,2-0,6 kg e 0,4-1 kg de cogomelos frescos, respectivamente. Porén, as respostas individuais poden variar e a xente que inxeriu cantidades similares pode desenvolver unha toxicidade entre mínima e grave. As probas suxiren que os nenos son os máis gravemente afectados; non está claro se isto se debe a un maior razón entre o peso consumido por masa corporal ou por diferenzas en actividade encimática e metabólica. Aínda que a cantidade de xiromitrina presente pode ser reducida significativamente ao semifervelo, hai probas de que o consumo repetido pode incrementar o risco de toxicidade.
Variación xeográfica As poboacións de Gyromitra esculenta parecen variar xeograficamente na súa toxicidade. Un estudo francés mostrou que os cogomelos recollidos a elevadas altitudes teñen concentracións máis baixas de toxinas que os recollidos a baixa altura, e hai algunhas evidencias de que os fungos ao oeste das Montañas Rochosas de Norteamérica conteñen menos toxinas que os do leste. Porén, tamén se informou de envelenamentos no oeste, aínda que son menos frecuentes que en Europa.
Bioquímica miniatura|MMH (CH3N2H3), un metabolito tóxico. A identidade dos seus constituíntes tóxicos non se descubriu ata 1968, cando se illou a acetaldehido N-metil-N-formilhidrazona, máis coñecida por xiromitrina. A xiromitrina é un composto de hidracina volátil hidrosoluble, que é hidrolizado no corpo a monometilhidracina (MMH). Illáronse en posteriores investigacións outros derivados N-metil-N-formilhidrazona, aínda que só están presentes en menores cantidades. Estoutros compostos tamén producen monometilhidracina cando son hidrolizados, aínda que non está claro canto contribúe cada un deles á toxicidade deste fungo.
As toxinas reaccionan con piridoxal-5-fosfato —a forma activada da piridoxina— e forma unha hidrazona. Isto reduce a produción do neurotransmisor GABA por medio da diminución da actividade da ácido glutámico descarboxilase, producindo os síntomas neurolóxicos. A MMH tamén causa un estrés oxidativo que orixina metahemoglobinemia. Ademais, durante o metabolismo da MMH, prodúcese N-metil-N-formilhidracina; esta despois sofre un metabolismo oxidativo regulado polo citocromo P450, o cal por medio de intermediarios de nitrosamida reactiva orixina a formación de radicais metilo, o que causa necrose hepática. A inhibición da diamina oxidase (histaminase) eleva os niveis de histamina o que ten como resultado dores de cabeza, náuseas, vómitos e dor abdominal.
Síntomas
Os síntomas de envelenamento por este fungo son tipicamente de tipo gastrointestinal e neurolóxico. Os síntomas aparecen ás 6–12 horas do seu consumo, aínda que os casos de envelenamento máis graves poden presentarse antes, mesmo en só dúas horas despois da inxestión. Os síntomas iniciais son gastrointestinais, cun comezo súbito de náuseas, vómitos e diarrea acuosa, que pode ser sanguinolenta. A deshidratación pode desenvolverse se o vómito ou diarrea son graves. Pouco despois aparecen mareos, apatía, vertixes, tremores, ataxia, nistagmo patolóxico e dores de cabeza; a miúdo hai febre, o que é unha característica distintiva que non se desenvolve despois do envelenamento por outro tipo de fungos. Na maioría dos casos de envelenamento, os síntomas non progresan moito desde os iniciais e os pacientes recupéranse pasados 2–6 días de enfermidade.