miniatura|Escudo da Casa de Castro Fernán Gutiérrez de Castro, nado cara a 1180 e finado cara a 1240, foi un nobre galego e pertegueiro maior de Santiago.
Traxectoria Era fillo primoxénito de Gutierre Rodríguez de Castro e Elvira Osórez. O conde Pedro de Barcelos describiuno como «mui boo cavaleiro d’armas come ou pai e houve mui boo corpo», isto é, «moi bo cabaleiro de armas como o pai e que tiña moi bo corpo». En 1197 aparece como tenente de Toro, Zamora e Villafáfila, na zona fronteiriza, e unha década despois á fronte de Lemos, que alternaría con Toroño, Castrotorafe, Ribadavia, Oviedo e Búval. En 1212, ademais, tomaba parte na célebre batalla das Navas de Tolosa.
En agosto de 1221 desempeñaba o cargo de «signifero domini regis»; en setembro do mesmo ano documéntase como tenente de Estremadura e a comezos de outubro figura á fronte de «Monterrosum et Lemos», vilas cuxa tenencia mantivo até novembro de 1224. A súa notable influencia na nobreza galega valeulle o nomeamento de pertegueiro maior da Terra de Santiago, substituíndo, ao parecer, a Nuño Núñez de Lara. A confirmación dunha doazón de Afonso IX á igrexa de Santiago, en decembro de 1223, así o testemuña por primeira vez. Polo demais, a mediados de 1226 participou no penúltimo ataque a Cáceres, baixo control dos musulmáns.
Pouco despois da morte do monarca afonsino, Fernán Gutiérrez converteuse nun dos magnates máis asociados con Fernando III de Castela, a quen acompañou nos catro primeiros meses de 1232 durante o seu traxecto por terras de Galicia. Tras tomar parte da campaña de Córdoba (1236), a súa última aparición na Corte data de xullo de 1240, data arredor da cal debeu falecer.
Casamento e descendencia
Fernán Gutiérrez de Castro contraeu matrimonio con Emilia Íñiguez de Mendoza, filla do señor de Llodio Íñigo López de Mendoza. Con ela tivo cinco fillos lexítimos:
André Fernández. Estevo Fernández, que o sucedeu na Casa tras a morte do seu irmán primoxénito e foi señor de Lemos e Sarria, pertegueiro maior de Santiago, adiantado maior e meiriño maior de Galicia. Gutierre Fernández, que morreu sen sucesión. Sancha, quen faleceu solteira. Inés, casada con Martín Gil de Soverosa «o Bo», rico-home de Portugal.
A esta descendencia hai que sumarlle tres fillas ilexítimas:
Urraca, quen contraeu matrimonio con Juan García de Celada, mordomo de Afonso X e desde 1260 adiantado maior da Mar. Teresa, que casou con Pedro Guzmán. Elo, dama de honra de Lionor de Inglaterra e logo da infanta Branca, raíña de Francia.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Casa de Castro Historia de Galicia
Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Finados en ano descoñecido
Categoría:Nados en Galicia Categoría:Nobres de Galicia do século XII Categoría:Nobres de Galicia do século XIII