O voo 4230 de UM Airlines, tamén coñecido como o accidente do Yak-42 en Turquía, era un servizo chárter internacional de pasaxeiros dende o aeroporto de Manas, en Bixkek, ata o aeroporto de Zaragoza, cunha escala no aeroporto de Trebisonda, Turquía. O día 26 de maio de 2003 o Yakovlev Yak-42D que operaba a ruta esnafrouse intentando aterrar en Trebisonda. Debido á densa néboa a tripulación perdeu visibilidade e o avión chocou contra unha montaña preto de Maçka.
Os 13 tripulantes e 62 pasaxeiros morreron no accidente. Foi o terceiro peor accidente da historia da aviación turca. O avión levaba tropas españolas de volta dende Afganistán.
Accidente O Yakovlev Yak-42 de UM Airlines era un avión arrendado usado para transportar militares españois despois de pasar catro meses de misión de paz en Afganistán. O seu destino final era o aeroporto de Zaragoza, pero o aparello ía facer unha escala de abastecemento no aeroporto de Trebisonda, en Turquía. O Yak-42 esnafrouse na ladeira dunha montaña preto da cidade de Maçka, a 24 quilómetros de Trebisonda, no seu terceiro intento de aterraxe no medio dunha densa néboa. O piloto dixera que non podía ver a pista; a visibilidade era menor de 10 metros nese momento.
Todos os tripulantes e pasaxeiros morreron no impacto. Os pasaxeiros eran 41 soldados do Exército de Terra e 21 do Exército do Aire de España. O avión tamén transportaba munición, polo que as explosións que se produciron tras o impacto espallaron os restos do avión por unha grande área.
Notas
Categoría:Accidentes aéreos en Turquía Categoría:Accidentes e incidentes de UM Airlines Categoría:Accidentes e incidentes de Yakovlev Yak-42 Categoría:Accidentes e incidentes aéreos en 2003