José Manuel Romay Beccaría, nado en Betanzos o 18 de xaneiro de 1934, é un político e xurista galego, foi ministro de Sanidade e Consumo e presidiu o Consello de Estado de 2003 a 2004 e de 2012 a 2018.
Traxectoria Formación Fillo de Emilio Romay Montoto. En 1956 licénciase en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, obtendo o Premio Extraordinario de fin de carreira. Tras impartir clases de Dereito Administrativo durante un ano nesa universidade, viaxa a Madrid para preparar as oposicións de Letrado do Consello de Estado, obtendo a praza en 1959.
Na ditadura En 1963 é nomeado, baixo a ditadura do Xeneral Franco, Secretario Xeral de Sanidade, cargo no que permanece ata 1966. Retoma a súa praza como letrado, ata asumir en 1973 a dirección do Instituto de Estudios de Administración Local. Permaneceu poucos meses nese cargo, pois en 1974 foi nomeado Subsecretario de Presidencia, e en 1975 Subsecretario de Gobernación.
En democracia Xa en democracia, regresa a Galicia en 1982 para ocupar a vicepresidencia do primeiro goberno da Xunta de Galicia. Ese mesmo ano é elixido deputado pola provincia da Coruña, nas listas de Alianza Popular, escano que mantería ata 1989. Entrementres, en 1987 accede á presidencia da Deputación da Coruña, cargo onde permanecerá ata 1989, cando foi deposto por unha moción de censura. En 1990 foi nomeado Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Forestal do goberno galego. Ó ano seguinte asumiu a Consellería de Sanidade, permanecendo no cargo ata 1996.
Coincidindo coa vitoria electoral do Partido Popular nas eleccións xerais dese ano foi nomeado Ministro de Sanidade e Consumo. Ostentou a carteira ministerial ata 2000, coincidindo coas eleccións xerais nas que o PP obtivo a maioría absoluta, retornando ao Congreso e pasando a presidir a Comisión de Xustiza e Interior.
En 2003 foi nomeado presidente do Consello de Estado de España, cargo no que permaneceu ata a vitoria electoral do PSOE nas eleccións xerais de 2004. Na actualidade é presidente de honra do Partido Popular da provincia da Coruña.
Logo das Xerais de 2011, que coinciden coa vitoria do Partido Popular de Mariano Rajoy, é designado polo Parlamento de Galicia senador en representación da comunidade autónoma, e meses despois, en marzo de 2012, é elixido de novo como presidente do Consello de Estado, posto que ocupou ata 2018, cando foi substituído por María Teresa Fernández de la Vega.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Lista de senadores galegos desde a Transición Ligazóns externas Biografía de José Manuel Romay Beccaría no sitio web do Congreso dos Deputados
Categoría:Presidentes da Deputación da Coruña Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia por AP Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña Categoría:Conselleiros da Xunta de Galicia Categoría:Ministros de Sanidade de España Categoría:Nados en Betanzos Categoría:Nados en 1934 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Medalla de Ouro de Galicia Categoría:Senadores por designación do Parlamento de Galicia Categoría:Grandes cruces da Orde do Mérito Civil Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (II Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (III Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (IV Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (VII Lexislatura) Categoría:Deputados da IV Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Conselleiros de Sanidade da Xunta de Galicia Categoría:Ministros do Goberno de España da VI Lexislatura