Matilde ou Maude, coñecida como a emperatriz Matilde (en latín, Mathildis [Imperatrix]; en anglonormando, [Imperatrice] Mahaut; en inglés moderno, [Empress] Matilda), nada en Winchester ou Sutton Courtenay posiblemente o 7 de febreiro de 1102 e finada en Ruán o 10 de setembro de 1167, foi reclamante do trono inglés durante a guerra civil coñecida como a Anarquía. Filla do rei Henrique I de Inglaterra, mudouse ao Sacro Imperio e sendo nena casou co futuro emperador Henrique V. Viaxou co seu marido a Italia en 1116, foi coroada na basílica de San Pedro baixo unha gran polémica e actuou como rexente imperial en Italia. Matilde e Henrique V non tiveron fillos e cando el morreu en 1125, a Coroa foi reclamada por Lotario II, un dos seus inimigos políticos.

Namentres, o irmán máis novo de Matilde, Guillerme Adelin, morreu no desastre do Barco Branco en 1120, o que deixou Inglaterra nunha inminente crise de sucesión. Despois da morte de Henrique V, Matilde foi chamada a Normandía polo seu pai, quen fixo os arranxos para que casase con Godofredo de Anjou e así formar unha alianza para protexer as súas fronteiras meridionais. Henrique non tiña fillos lexítimos e nomeou a Matilde como a súa herdeira, o que obrigaba a súa corte a xurar lealdade cara a ela e os seus sucesores, mais a decisión non foi popular na corte anglonormanda. Henrique I morreu en 1135, pero Matilde e Godofredo V enfrontáronse á oposición dos baróns normandos e non puideron continuar coas súas reclamacións. O trono foi tomado polo primo de Matilde, Estevo de Blois, quen gozaba do apoio da Igrexa católica en Inglaterra. Estevo tomou medidas para consolidar o seu novo réxime, pero enfrontou ameazas tanto das potencias veciñas como dos opositores dentro do seu reino.

En 1139, Matilde arribou a Inglaterra para tomar o reino pola forza, co apoio do seu medio irmán, Roberto de Gloucester, e o seu tío, o rei David I de Escocia, mentres que Godofredo V se concentrou na conquista de Normandía. As forzas de Matilde capturaron a Estevo na batalla de Lincoln de 1141, pero o seu intento de ser coroada raíña en Westminster fracasou ante a dura oposición das multitudes de Londres. Como resultado da súa retirada, Matilde nunca foi formalmente declarada raíña de Inglaterra e, en cambio, foi titulada «señora dos ingleses». Roberto foi capturado durante o tumulto de Winchester en 1141 e Matilde aceptou cambialo por Estevo. Quedou aprisionada no castelo de Oxford polas forzas de Estevo no inverno dese ano e viuse forzada a escapar a través do xeado río Támese pola noite para evitar a súa captura. A guerra estancouse, con Matilde controlando gran parte do suroeste de Inglaterra e Estevo o sueste e as Midlands. O resto do país estaba en mans de baróns locais e independentes.

En 1148, Matilde regresou a Normandía, xa en mans do seu esposo, e legou o seu fillo máis vello para continuar a campaña en Inglaterra, quen finalmente ascendeu ao trono como Henrique II en 1154. Ela estableceu a súa corte preto de Ruán e o resto da súa vida encargouse da administración de Normandía, actuando en nome de Henrique II cando foi necesario. Nos primeiros anos do reinado do seu fillo, proporcionou asesoramento político e tentou mediar durante a controversia de Becket. Traballou exhaustivamente coa Igrexa, fundou mosteiros cistercienses e era coñecida pola súa piedade. Foi inhumada baixo o altar maior da abadía de Bec despois da súa morte en 1167.

Primeiros anos Naceu probablemente o 7 de febreiro de 1102 en Sutton Courtenay en Oxfordshire. Era filla de Henrique I, rei de Inglaterra e duque de Normandía, e a súa primeira esposa, Matilde de Escocia. Henrique I era o fillo máis novo de Guillerme I o Conquistador, quen invadiu Inglaterra en 1066 e creou unha especie de imperio que se estendía ata Gales. A invasión creara unha elite anglonormanda, moitas con propiedades estendidas a ambos os dous lados do canal da Mancha. Estes baróns adoitaban ter fortes vínculos co reino de Francia, que nese entón constituía un grupo de condados e entidades políticas máis pequenas baixo escaso control do rei. A súa nai Matilde era filla do rei Malcolm III de Escocia, membro por matrimonio da familia real saxoa occidental e descendente de Alfredo I o Grande. Para Henrique I, casar con Matilde de Escocia déralle maior lexitimidade ao seu reinado e para ela supuña unha oportunidade para obter un alto status e poder en Inglaterra.

Matilde tiña un irmán lexítimo máis novo, Guillerme Adelin, e as relacións do seu pai con numerosas amantes deron como resultado uns 22 irmáns ilexítimos. Pouco se sabe sobre a vida temperá de Matilde, pero probablemente quedou coa súa nai, aprendeu a ler e foi educada na moral relixiosa. Entre os nobres na corte da súa nai estaban o seu tío David, máis tarde rei de Escocia, e aspirantes a nobres como o seu medio irmán Roberto de Gloucester, o seu primo Estevo de Blois e Brian FitzCount. En 1108, Henrique I deixou a Matilde e o seu irmán ao coidado de Anselmo, arcebispo de Canterbury, mentres viaxaba a Normandía; Anselmo era o clérigo favorito da nai de Matilde. Non existe unha descrición detallada da aparencia de Matilde; os contemporáneos describírona como moi fermosa, pero isto posiblemente era reflexo da práctica convencional entre os cronistas.

Alemaña Matrimonio con Henrique V esquerda|miniatura|Ilustración do s. XII da festa de vodas de Matilde e Henrique V. A fins de 1108 ou principios de 1109, Henrique V, entón o rei de romanos, enviou mensaxeiros a Normandía propondo que Matilde casase con el e dirixiu unha carta por separado á súa nai sobre o mesmo asunto. O partido era atractivo para o rei inglés: a súa filla casaría cunha das dinastías máis prestixiosas de Europa, o que reafirmaba o seu propio status, lixeiramente cuestionable, como o fillo máis novo dunha casa real recente e gañando un aliado ante as disputas con Francia. A cambio, Henrique V recibiría un dote de 10 000 marcos, necesarios para financiar unha expedición a Roma para a súa coroación como emperador do Sacro Imperio. Os detalles finais do acordo negociáronse en Westminster en xuño de 1109 e, como resultado do seu cambio de status, Matilde asistiu a un concilio real por primeira vez en outubro. Partiu de Inglaterra en febreiro de 1110 cara ao Sacro Imperio.

A parella reuniuse en Liexa antes de viaxar a Utrecht, onde, o 10 de abril, se comprometeron oficialmente. O 25 de xullo, Matilde foi coroada raíña de romanos nunha cerimonia en Mainz. Había unha considerable diferenza de idade entre a parella, xa que Matilde só tiña 8 anos, mentres que Henrique V tiña 24. Despois do compromiso, Matilde estivo baixo a custodia de Bruno, arcebispo elector de Tréveris, quen se encargou de educala en cultura, modos e goberno alemáns. En xaneiro de 1114, Matilde estaba lista para casar con Henrique V; a voda celebrouse na cidade de Worms con celebracións extravagantes. Matilde ingresou na vida pública alemá, coa súa propia xente.

Un conflito político estalou en todo o Sacro Imperio pouco despois do matrimonio, desencadeado cando Henrique V arrestou o seu chanceler Adalberto e varios príncipes alemáns. As rebelións —acompañadas pola oposición dentro da Igrexa— tiveron un rol importante na administración do Imperio e isto levou á excomuñón formal do emperador teutón polo papa Pascual II. Henrique V e Matilde cruzaron os Alpes cara a Italia a principios de 1116, coa intención de resolver definitivamente asuntos co papa. Nese momento, Matilde desempeñaba un papel importante no goberno imperial, xa que patrocinaba subvencións reais, trataba con peticionarios e participaba en ocasións cerimoniais. No resto do ano consolidaron o control do norte de Italia e, a principios de 1117, a parella avanzou cara a Roma.

Pascual II escapara cando chegaron Henrique V e Matilde e, na súa ausencia, o enviado papal Maurice Bourdin, máis tarde antipapa Gregorio VIII, coroou a parella na basílica de San Pedro, probablemente na Pascua ou en Pentecoste. Matilde utilizou estas cerimonias para reclamar o título de emperatriz do Sacro Imperio, un país gobernado por monarcas electos que, como Henrique V, foran seleccionados polos principais nobres para converterse no rei de romanos. Estes monarcas normalmente esperaban ser coroados posteriormente polo papa como o emperador do Sacro Imperio, pero isto non podía garantirse. Henrique V coaccionara o papa para que o coroase en 1111, pero o propio status de Matilde era pouco claro. Como resultado do matrimonio, ela era claramente a lexítima raíña de romanos, título que usou no seu selo e cartas, pero había dúbidas sobre se ela tiña o dereito lexítimo ao título de emperatriz.

Tanto o status de romano pontífice de Bourdin como as cerimonias mesmas raiaban a ambigüidade. Estritamente falando, as súas cerimonias non eran coroacións imperiais, senón ocasións formais de "levar coroas", entre as poucas veces ao ano en que os gobernantes usaban as súas coroas na corte. Bourdin tamén fora excomungado cando oficiou a segunda cerimonia e, máis tarde, foi deposto e encarcerado o resto da súa vida polo papa. No entanto, Matilde defendeu que fora coroada oficialmente como emperatriz en Roma. Os títulos de emperador e emperatriz non sempre se empregaban consistentemente neste período e, en calquera caso, o seu uso do título era amplamente aceptado. Matilde decidiu non discutir cos cronistas anglonormandos que despois incorrectamente rexistraron que o propio papa a coroara en Roma.

Morte de Henrique V En 1118, Henrique V regresou ao norte dos Alpes en dirección a Alemaña para reprimir novas rebelións e deixou a Matilde como o seu rexente gobernando Italia. Existen poucos rexistros do seu goberno nos seguintes dous anos, pero probablemente gañou considerable experiencia práctica para gobernar. En 1119, regresou ao norte para atoparse con Henrique en Lotarinxia. O seu marido estaba ocupado en atopar un acordo co papa, quen o excomungara. En 1122, Henrique V e probablemente Matilde asistiron ao concilio de Worms, que resolveu a longa disputa coa Igrexa católica cando Henrique V renunciou aos seus dereitos de investir bispos coas súas insignias episcopais. Matilde tentou visitar o seu pai en Inglaterra ese ano, pero a viaxe foi bloqueada polo conde de Flandres, Carlos I, cuxo territorio necesitaría cruzar. A historiadora Marjorie Chibnall argumentou que Matilde posiblemente tiña a intención de discutir a herdanza da coroa inglesa con esta viaxe.

Matilde e Henrique V non tiveron fillos, pero ningunha das partes era considerada infértil e os cronistas contemporáneos culpaban da súa situación ao emperador e os seus pecados contra a Igrexa católica. A principios de 1122, a parella viaxaba polo Rin mentres Henrique V continuaba reprimindo os disturbios políticos en curso, pero xa nese momento estaba a perecer de cancro. A súa condición empeorou e morreu o 23 de maio de 1125 en Utrecht, deixando a Matilde en protección do seu sobriño Frederico, herdeiro das súas propiedades. Antes da súa morte, deixou a insignia imperial en mans de Matilde, pero non está claro que instrucións lle deu sobre o futuro do Sacro Imperio, que se enfrontou á elección dun novo líder. Posteriormente, Adalberto convenceu a Matilde de que lle entregase a insignia e o arcebispo elector dirixiu o proceso electoral que nomeou a Lotario de Supplinburg, antigo inimigo de Henrique V, como o novo rei de romanos.