Purificación Ameixide Rodríguez, máis coñecida como Puri Ameixide, nada en Monforte de Lemos en 1967, é unha profesora e escritora galega.

Traxectoria Aos nove anos marchou de Monforte e logo viviu e estudou na Coruña. Licenciouse en Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela en 1990. Dende 1991 exerceu a docencia, en Lingua Galega e Literatura, primeiro en Vigo e posteriormente no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño.

En 2013 publicou Nada se esquece, novela de formación protagonizada por unha rapaza, Laura Souto, e ambientada nos finais da década de 1960, nos tempos da ditadura franquista. Laura narra en primeira persoa as relacións coa nai e a irmá, os problemas coas amigas, o primeiro amor e o ambiente escolar monfortino desa época; todo mentres agardan para mudarse a vivir a Vigo. De fondo a música e, sobre todo, as películas do cine e da televisión.

En 2018 publicou Claro de lúa. Novela protagonizada por Rosa e Leandro, nos tempos da francesada na Guarda que pode lembrar a Jane Austen, Charlotte Brontë e Lev Tolstoi. O título lembra a denominación popular da Sonata para piano n.º 14, de Ludwig van Beethoven en 1801. A historia tamén lembra as novelas de fidalgos de Otero Pedrayo. Segundo Dolores Martínez Torres: con indisimulado manierismo romántico, esta voluminosa novela tece un amable relato costumista da incipiente burguesía da vila da Guarda a principios do século XIX. Para Xurxo González: é un volume conformado por 469 páxinas. Un grosor contundente que nos remite á amplitude que tiñan os lombos desas narracións-río típicas da literatura decimonónica.

Obras Nada se esquece (2013), Redelibros. Claro de lúa (2018), Xerais."Estaba farta de personaxes masculinos fascinantes e perigosos aos que redimir e reformar por amor", entrevista en Praza.gal.

Notas

Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Nados en Monforte de Lemos Categoría:Nados en 1967