Dumbarton (en gaélico escocés: Dùn Breatainn) é unha localidade e burgo de Escocia, situado na beira norte do río Clyde na desembocadura do seu afluente o río Leven no estuario ou fiorde de Clyde. Dumbarton é a capital administrativa do concello de West Dunbartonshire. En 2011, a vila tiña unha poboación de 19 969 habitantes, e a área metropolitana xunto con Alexandria, Bonhill e Renton, unha poboación estimada de 44 690 habitantes.
Dumbarton foi a capital do antigo Reino de Strathclyde, e máis tarde a capital do condado de Dumbartonshire. O nome provén do gaélico escocés Dùn Breatainn que significa «fortaleza dos británicos». O castelo de Dumbarton está asentado na parte superior da Dumbarton Rock, que domina a zona. A cidade foi burgo real entre 1222 e 1975.
A economía de Dumbarton emerxeu no século XIX ó converterse en centro de produción naval, de vidro e de whisky. Porén, estas industrias co paso do tempo diminuíron ou desapareceron totalmente, e hoxe en día practicamente funciona como unha cidade dormitorio de Glasgow, ó estar situada a 21 quilómetros da mesma. A cidade ten equipo propio de fútbol, o Dumbarton FC.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Dumbarton: Riverside Parish Church con páxina de Facebook
Categoría:Cidades e vilas de Escocia