O cuartel de Atocha é un edificio de uso militar situado na cidade da Coruña. Construído en estilo neoclásico, no seu momento foi o maior edificio da cidade.

Historia Ata 1744 os soldados eran acollidos en casas particulares e a partir dese ano foi o convento de San Francisco o que serviu para este labor. Finalmente decidiuse a construción do cuartel do Príncipe Afonso sobre o soar no que estivo o convento de San Domingos que fora destruído no ataque de Francis Drake de 1589, situado entre o campo da Estrada e o campo da Leña.

As obras, dirixidas polo tenente coronel do corpo de enxeñeiros Joaquín Montenegro, comezaron o 11 de xullo de 1859 e remataron en 1864. Con todo, os pavillóns para oficiais non foron construídos. A capacidade era de 1800 soldados, chegando a 2400 en caso de necesidade.

Nos primeiros anos do século XX instalouse no cuartel, no campo da Estrada, o primeiro aeródromo coruñés, mais a construción dunha grande antena de radiotelegrafía acabou con esa posibilidade.

Tras cambiar o nome ao de cuartel de Afonso XII, en 1931 recibiu o nome de cuartel de Atocha.

En xullo de 1936, o coronel do cuartel Pablo Martín Alonso rebelouse contra o seu superior, o xeneral Rogelio Caridad Pita, que permaneceu fiel á República. Caridad Pita foi sometido a consello de guerra e fusilado.

En 2004 o goberno español admitiu que estaba a negociar co concello o traspaso do edificio, mais finalmente non se levou a cabo.

Descrición O cuartel é un edificio de tres plantas con estilo neoclásico, con 175 metros de longo e 60 de largo. No momento da súa construción era o edificio máis grande da cidade.

A fachada principal dá ao campo da Leña e diante dela sitúanse dúas garitas. O tellado é a dúas augas, con bufardas con pequenos frontóns de granito.

Os patios interiores contan cunha galería porticada. A parte posterior foi pechada en 1935.

No cuartel consérvase o monumento ao soldado de Francisco Asorey.

Uso O cuartel de Atocha foi o que máis soldados acolleu en Galicia, como os rexementos Zamora e Isabel La Católica. Na actualidade, é a sede dunha unidade da Forza Loxística Operativa (FLO), xunto con outras unidades dependentes dela.

No edificio está instalada a Biblioteca Histórica Militar da Coruña, situada ata 1994 no cuartel de Macanaz.Biblioteca Histórica Militar da Coruña Tamén é a sede do Centro de Historia e Cultura Militar Noroeste.Centro de Historia y Cultura Militar Noroeste

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Ficha en Turgalicia Fuerza Lógistica Operativa

Categoría:Arquitectura civil na Coruña Categoría:Arquitectura militar de Galicia