Sofía Novoa Ortiz, nada en Vigo o 16 de maio de 1902 e finada en Madrid o 3 de xaneiro de 1987, foi unha musicóloga e mestra galega.
Traxectoria Filla de Joaquín Novoa Barros, republicano socialista e anticlerical, mais ante todo un amante da música e membro fundador da "Sociedad Filarmónica de Vigo" da que foi presidente. Estudou o bacharelato en Vigo onde tamén iniciou os estudos musicais en 1912, primeiro con José Capell i Martí, despois con Mónico García de la Parra e posteriormente coa pianista viguesa e amiga e veciña da familia María Luisa Sanjurjo de Oza. A súa infancia estivo marcada por esa actividade do seu pai e pola súa casa pasaron músicos como José Iturbe, Alfred Cortot, Enrique Arbós ou Wanda Landowska.
Trala primeira guerra mundial marchou a Madrid para continuar cos seus estudos seguindo o exemplo de María Sanjurjo. Asistiu a clases particulares de piano con Pilar de la Mora e de harmonía con Benito García de la Parra, irmán de Mónico, examinándose por libre no Real Conservatorio de Madrid. Durante a súa estadía de cinco anos en Madrid aloxouse na Residencia de Señoritas, o primeiro centro oficial de España de educación universitaria para mulleres, onde fixo amizade con Olimpia Valencia. e gozou do favor da súa directora, María de Maeztu. Durante a súa estadía na residencia coñece ao compositor Jesús Bal y Gay co que comparte o seu interese polo folclore musical galego, interese que xa partía da amizade do seu pai con Casto Sampedro Folgar. En 1925 titulouse en Solfexo, Harmonía e Piano con premio extraordinario. Ampliou estudos en Lisboa, e logo en París na École Normale de Musique coa compositora Nadia Boulanger, piano con Alfred Cortot e tamén estudou a ximnasia rítmica Dalcroze. Alí frecuentou a casa de Andrés Gaos e Joaquín Nin compartindo veladas con Enrique Arbós, Joaquín Rodrigo, Óscar Esplá e o propio Alfred Cortot e moitos outros músicos.
En 1930 María de Maetzu ofrécelle o posto de profesora no Instituto-Escuela da Residencia de Señoritas, traballo que completou co de profesora no Instituto Internacional de Madrid onde puxo en práctica o método Dalcroze grazas á formación recibida en París.
O golpe de Estado de 1936 colleuna en Vigo e truncou a súa marcha a Suíza para estudar con Boulanger e Dalcroze cunha bolsa de estudos. Por medio dos seus contactos portugueses preparou a súa fuxida do país. En 1937, durante a guerra civil española, marchou aos Estados Unidos de América á Universidade de Columbia. Nas súas viaxes a España rematou a súa licenciatura e doutoramento da Universidade Complutense de Madrid con Rafael Lapesa en 1949. Despois marchou ao Vassar College onde exercería como profesora de español até a súa xubilación e onde coincidiu con outras exiliadas como Pilar de Madariaga,Losada (2017) Carmen de Zulueta, Margarita Mallo e Isabel García Lorca. O seu grupo de amigas máis íntimas confórmano Marina Romero, que coñece desde que estudaba piano en Madrid, a súa alumna Manola Sánchez Escamilla, sobriña de Gloria Giner de los Ríos, e Pilar de Madariaga.
Trala súa xubilación en 1967, volve a España e vive en Madrid no mesmo edificio que Manola e Marina pasando os veráns en Vigo. Con problemas de mobilidade e neurolóxicos, a súa saúde se vai resentindo e morre en Madrid aos 85 anos de idade. As súas cinzas están no cemiterio de Cangas de Morrazo.
Recoñecementos Na súa honra crearonse os Premios Sofía Novoa, que pretenden fomentar, consolidar e dar a coñecer a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de máster e fin de grao realizados na Universidade de Vigo nos campus de Vigo e de Pontevedra.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas Ligazóns externas
Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1902 Categoría:Finados en 1987 Categoría:Musicólogos de Galicia Categoría:Profesores Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Profesores da Universidade de Columbia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Profesores do Vassar College