A cachena é unha raza de vacún de grande rusticidade, perfectamente adaptada ó medio no que se desenvolve onde aproveita uns recursos naturais para pacer que dificilmente serían aproveitados por outras razas bovinas. É un tipo de vaca galleira, cos cornos longos cara a arriba e abertos para os lados.

As cachenas son animais de pequeno tamaño e cornos de grandes proporcións. A súa área de orixe sitúase nas zonas montañosas dos concellos incluídos no parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, especialmente na aldea de Olelas, e nos contrafortes montañosas do homólogo parque nacional portugués de Peneda-Gerés.

Datos morfolóxicos e produtivos As cachenas son animais cunha configuración moi especial, destacan polo seu pequeno tamaño, xa que é a raza española de bovino de estatura máis pequena, con grande harmonía corporal, grande tamaño de cornamenta e expresividade da cara, cunha mirada alerta permanente.

Presentan capa castaña clara, máis escura na rexión do pescozo, coas mucosas, pezuños e parte dorsal da cornamenta negras, con flequillo na testa, e cos pavillóns auriculares e a cola co pelo mesto. MachosFemiasAltura á cruz (cm)122117Peso adulto (kg)585380Peso ao nacemento (kg)2320GMD (g/día) a 14-18 meses500Idade de madurez (meses)24 GMD: Ganancia media diaria.

Estes animais presentan unha elevada fertilidade e lonxevidade. A nivel reprodutivo posúen boas calidades maternais e unha grande facilidade de parto, que se ve favorecida polo reducido peso dos xatos ao nacemento. Ademais, teñen unha aceptable produción leiteira que lles permite aleitar as crías ata o destete.

Cunha adecuada maduración a carne de cachena é tenra, xugosa e máis vermella. Presenta uns valores de graxa arredor do 2%, ben distribuída e infiltrada (con maior infiltración ca calquera das razas de bovino autóctonas de Galiza). A cría e a alimentación natural e en extensivo favorecen un nivel moi elevado de ácidos graxos cardiosaudables (omega 3, omega 6 e CLA).

A canal caracterízase por un rendemento arredor do 48%, que é bo para unha raza rústica, cunhas porcentaxes no cuarto traseiro de cerca do 66%, que é onde se encontran as pezas de maior valor comercial (lombo, solomo, redondo, cadeira, contra).

Usos e sistemas de explotación A día de hoxe utilízase principalmente para a produción de carne. Antigamente esta raza posuía tripla aptitude (traballo, carne e leite), e noutro tempo utilizouse como animal de tiro en traballos agrícolas, empregando bois desta raza.

Críanse habitualmente en sistemas extensivos pois aproveitan os recursos herbáceos de escaso valor nutritivo debido a tratarse de animais cunha elevada rusticidade. As cachenas son animais moi ben adaptados para o pastoreo.

Evolución da poboación AnoFemiasMachosTotalGanderías20093 4187344 15215720103 9368914 82716720114 1189445 06217420124 1229275 04916420133 9008304 73016420143 4306294 05914620153 4845204 00415320163 6606244 28415020173 8347154 54915020183 9087604 66815020193 8817264 60716620204 3419095 25016420214 6199455 56416820224 9751 0546 02916320235.2841.2246.508179

Asociación de Produtores -CACHEGA A Asociación de Criadores da Raza Bovina Cachena (Cachega) , que forma parte da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA), constituise o 12 de marzo de 1999 no Pazo de Fontefiz (Coles, Ourense) con catro socios fundadores, todos do concello de Entrimo, de onde é orixinaria a raza en Galiza. A partir dese momento foron integrándose na asociación numerosos gandeiros ata chegar aos máis de 150 socios na actualidade.

Cachega conta co recoñecemento da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, como asociación responsable da xestión do libro xenealóxico da raza Cachena e do programa de conservación da mesma.

A asociación ten como fins:

Integrar a todos os criadores de raza Cachena interesados na conservación e mellora da raza. Representar, defender e promover os intereses económicos, sociais, profesionais e culturais dos criadores afiliados. Exercer o control xenealóxico dos animais da raza. Promover estudos de aspectos da raza para a definición de criterios zootécnicos que se consideren convenientes e pedirlle á administración a regulación daqueles que pola súa competencia lle correspondan. Organizar reunións científicas e de promoción da raza, así como a súa difusión a través de publicacións. Colaborar coa Administración na constitución, conservación e mantemento do Banco de Xermoplasma.

A Cachena en Portugal En Portugal consérvanse 7573 femias e 339 machos pertencentes a 886 criadores en Libro Xenealóxico.

A asociación encargada da Xestión do Libro Xenealóxico é a Associção dos Criadores da Raça Cachena, fundada o 25 de novembro de 1993.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Sánchez Belda, Antonio: Razas Bovinas Españolas. Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Madrid 1984, ISBN 84-341-0371-0. Schumann, Andreas: Das Cachena-Rind – Ein in vergessenes Kleinod aus der Gebirgsregion Galiziens. (PDF-Datei; 205 kB) In: Arche Nova. Heft 3, 17. setembro de 2002, 286062-4, S. 10–11.

Ligazóns externas Ficha da raza cachena en PDF (Consellería de Medio Rural)

Categoría:Razas de vacas Categoría:Razas autóctonas de Galicia