A xente da Barreira é unha novela de Ricardo Carballo Calero, publicada en 1951 por Bibliófilos Galegos con ilustracións de Agustín Portela Paz.

Características miniatura|A xente da Barreira incluíuse na Biblioteca Galega 120.

É a primeira novela en galego da posguerra. Foi escrita na década de 1940, logo de que o autor saíse da prisión en Xaén e regresase a Ferrol. Gañou o concurso que convocara en 1949 Bibliófilos Galegos, dotado cun premio de 10 000 pesetas. Non sorprendeu que Carballo Calero fose o gañador, xa que era máis que suficientemente coñecido na literatura galega pois antes da rebelión militar de 1936 xa dera ó prelo catro poemarios e viña colaborando asiduamente en publicacións periódicas con traballos de diferente fasquía: doutrinarios, poéticos, traducións, ensaios, recensións, textos de conferencias e, tamén, narracións breves.

Inicialmente o autor pensou nunha colección de historias semiindependentes baseadas en feitos reais que escoitara e que titularía Historias da Barreira. Mais no concurso premiábase a mellor novela de ambiente galego escrita en galego ou castelán polo que organizou o material tal e como foi logo publicado. Por iso se ve facilmente que a narración está estruturada en unidades que funcionarían de xeito autónomo aínda que están unidas polos mesmos personaxes e o mesma situación xeográfica, a casa da Barreira.

A obra tamén se encadra na angueira dos intelectuais galeguistas da época empeñados en recuperaren a cultura galega despois do corte traumático da Guerra civil, concretamente na restauración da prosa de ficción e ensaio. É unha narración tecnicamente moi sinxela que entronca directamente coa narrativa do século XIX nun intento de reafirmar as raíces da tradición galega que se tenta recuperar.

Para Henrique Rabuñal: a obra propón unha escursión polo século XIX galego captando aspectos da súa vida rural, da decadencia da fidalguía, anunciando a chegada do sistema económico moderno, adubado de novas profesións e clases.

Na novela cóntase a historia dunha familia fidalga, os Frade Eirís, que vive no rural galego, na transición do século XIX ao XX. Comparando a novela coas de Ramón Otero Pedrayo (cronista da decadencia da fidalguía galega), vese que A xente da Barreira ten un ritmo moito máis áxil e rápido. Carballo Calero centra o seu esforzo en artellar unha narrativa sobria cunha técnica próxima á de Castelao (ao estilo de Os dous de sempre, capítulos ligados polo tema común de fondo). Son narrativas independentes unidas entre si por dous elementos, un humano (a saga da xente da Barreira) e outro físico (a casa grande da familia) . Son coincidentes coa narrativa de Otero Pedrayo o decadentismo da sociedade retratada, a saudade coa que se contempla o pasado e a mágoa polo desarraigamento das tres xeracións da casa da Barreira.

Nesta ficción está retratado o mundo rural coa súa relación complicada, intensa e pintoresca entre os diversos estamentos da fidalguía decadente e demais personaxes que se moven arredor do pazo; unhas formas de vida que o autor non tiña experimentado directamente .

O autor confésalles as súas intencións ao escribir a novela a Miguel Anxo Fernán-Vello e Francisco Pillado Mayor:

E tamén engade nunha conversa con Carmen Blanco :

Trama A novela ten unha estrutura xustapositiva en capítulos, case autónomos e concibidos como descricións individuais de cada un dos personaxes.

I. A casa. Ramón Frade de Eirís, de familia fidalga pobre, herda uns montes na Barreira. Constrúe unha casiña e vaise facendo rico coidando gando e convértese en tratante de gando. No seu tempo vira pasar os granadeiros franceses e as tropas de Moore. Visita o pazo de Gomesende, familia aristocrática e rica, e namora a rapaza Tereixa. Os mozos foxen para a Barreira e farán unha nova casa:

II. Os carlistas. Ludivina é a criada que veu con Tereixa, fai de todo na casa e o señor vaille gardando os aforros. O cura, don Xoán, é o xefe dos carlistas e tenta convencer a Ramón de que participe nas partidas. O fidalgo rexeita e faise inimigo do cura, os carlistas tentan asaltar a casa da Barreira pero fracasan. O mozo Breixo queda ferido, acollido polos señores traballará na casa e casará con Ludivina. Cando o Capitán Xeneral vén acabar co cura e a súa partida, Breixo ten a mala sorte de ser atopado polos carlistas que o aforcan cando nacían xuntas unha filla súa e outra dos donos. III. Os sapos. Morre Ramón dono de moitas terras. O fillo máis vello, o morgado, ten que se facer cargo da administración. Outro fillo quere ser avogado, outro tratante como o pai. A filla anda pola casa. Tereixiña, a filla da Ludivina, quedou orfa e xa é unha moza traballadora e querida no pazo. Unha noite sae o morgado e por tres veces bate cunha manchea de sapos, o cabalo négase a seguir, nin cunha medalla nin con allos. A nai dille que só pode ser por estar en pecado mortal. E crúzanse as miradas do morgado a Tereixiña e a nai. IV. A filla de achego. Tereixiña irá ter a nena, A Vertudes, á casiña que construíra Ramón, e a meniña tamén se criará no pazo. Non traballa na terra, fai os labores da casa e cando morre a nai será ela que se ocupe, pero sempre irá durmir á casiña. O morgado e o irmán van deixando fillos bravos pola zona. Xa maior casa o morgado con moza nova. Veñen vendedores ambulantes de panos, un deles desaparece unha noite. Tempo despois aparece embarazada Vertudes, o vendedor xa casara con outra. Xa nada a nena cando o morgado mira con carraxe a Vertudes, esta responde:

V. As mazás. Desde que casou o morgado don Armando deixou de andar ás mozas. Agora o irmán José Manuel vai de moza en moza co aplauso da audiencia que festexa os seus encontros amorosos buscados polas mozas da zona, porque significan logo casamento próximo aínda quedando embarazadas. Fai unha aposta co morgado. Collen as mazás que con tanto coidado garda a irmá. Na misa do domingo anuncia que casará coa moza que mostre a mellor mazá. E saen sete mazás á vez. José Manuel sentenza:

VI. Lembranzas. Pouco tempo botou dona Mercedes tentando gobernar como señora da casa, foino deixando nas mans da cuñada, dona Rosario. O tempo pasa, nace un fillo, o Alvariño. Morre de pulmonía o morgado e a viúva casa co cuñado, don José Manuel. VII. O ouro da Rouqueira. Un grupo de bandoleiros amparados nas partidas carlistas asaltan a casa da Barreira. Don José Manuel pensa que veñen roubar mais o que queren é levalo a el e axustizalo. Dona Mercedes marcha de noite á reitoral dun seu tío crego. O crego chega a tempo de salvalo. E resulta que o fidalgo escondera debaixo dunha carqueixa unha bolsa de onzas de ouro por se podía mercar a salvación. Como non lle fixeran falta volve todos os días ao monte da Rouqueira procurar o tesouro mais todas as carqueixas son iguais. Sóubose o segredo e:

VIII. O traxe de botóns. Dona Mercedes pasa os invernos cos fillos na capital para que estuden. O morgado é don Álvaro, José Manuel trata ao fillastro e sobriño como un fillo. O rapaz é de pouco espírito e sen interese polas mulleres. O tío mándao estudar aos escolapios e levará uniforme de botóns. Pronto deixará os estudos para aprender a facerse cargo dos bens e tamén vai á cidade coa nai “a fin de que rozase con gente fina” . IX. O casamento do Álvaro. O procurador Adrián é descendente de labregos e leva moitos papeis de don José Manuel. Crían a filla ,a Amelia, coma unha señoritiña, Álvaro vea na escola de dona Alicia e na casa. Namoran e o rapaz teima en casar con ela con grande pesar de dona Mercedes e don José Manuel: co seu apelido e a súa riqueza. E casaron non ben cumpridos el os dezasete anos. X. O banco de castiro. Amelia Ameixeiras foi a terceira dona da Barreira, axiña se fai co mando da casa, dáse moitos aires de señora, non se relaciona cos criados. Ademais é moi relixiosa e rézase na casa máis ca nunca. José Manuel e Mercedes arranxan a casa do Concello e marchan vivir a ela. Tamén Vertudes, que sempre axudara en todo, ten que aturar os seus aires de mando. O rosario é obrigatorio para todos a diario, a misa dominical o mesmo. Na igrexa hai banco para a familia dos fidalgos e banco para a servidume. Mais Vertudes sentou sempre no banco dos fidalgos, cousa que Amelia non pode aturar e por moito que llo ordena a vella non sae de alí. Acabará por ordenarlle ao Pitelo que a leve presa. Amelia repróchalle a Álvaro que só debía deixar sentar neses bancos a xente que leve o sangue do seu pai e el dille: “¿chegarian-me os castiros da Rapada pra acomodar a família?” . XI. A chistera. Morre don José Manuel e dona Mercedes e os fillos vanse vivir a Souto, a capital. A filla, Rosario, está en idade de casar. Aparece un pretendente avogado e de boa familia que lle acae moi ben a todos menos á interesada, que se nega. O avogado está tamén anda con outra moza rica, pero nin así Rosario lle fai caso. A moza sae de compras e nunha tenda topa co avogado mercando unha chistera para a voda. El aínda tenta un último esforzo por convencela, mais ela segue negando, marcha e o avogado ve como intercambia cartas cun mozo “de rizos bigodes”. XII. Pompas fúnebres. Mórrelle a dona Mercedes o fillo Ramón de tuberculose. Rosario casa con Andrés Chega, fillo de comerciantes coa carreira sen acabar e buscador de fortunas. Como a nai dela non aproba os amores a rapaza ten que se “roubar”: marcha para a casa dunha irmá do mozo e comezan as negociacións ata conseguir o casamento. . O outro fillo, o Andrés Frade, gasta o patrimonio familiar mentres tenta facerse político seguindo os pasos de don Aurelio Abraira, que chegara a ministro e tivera un enterro como home de estado que era. Mais Andrés o que mellor fai é darlles saída aos cartos. XIII. O tinteiro de prata. Andrés Frade non dá topado muller ao seu xeito. Vén o momento de presentar o candidato a deputado na Fontanela e Andrés vai na comitiva. O señor de Camporredondo fala coa filla máis vella, Otiliña, para que lle bote as redes ao fidalgo: quedarán os dous a soas no despacho, el precisará tinta, chamará por ela para que lle traia o tinteiro e deixaraos sos. Mais a irmá máis nova, Emiliña, pecha a Otilia na despensa para poder ela acudir á chamada do tinteiro. XIV. O maragato. Na casa da Graña, na que don Ramón asentara o Breixo e a Ludivina, vivía un maragato que movía mercancía entro o Souto e a Fontanela. Facía moitos cartos, na capital cambiaba os patacóns por ouro que ninguén sabía onde metía. Nunha grande nevada os lobos acabaron con el e coa cabalería, ninguén atopou nada e iso que o fidalgo don Álvaro “tacteaba as paredes, e esculcaba o chanto da lareira e o burato do teito que daba saída ao fume”. XV. O Rosende. O Rosende é moi pobre, vive na aldea de Madelos. Mais el ten soños de saír de alí. Emprégase de axudante do novo arrieiro que substituíu o maragato. Vai aforrando e acabará co negocio cando morre o vello. Un día trae na volta un emigrante. Este confésalle que volta á terra cos aforros na maleta para facer unha casa. Dormen na casa de Madelos. Marchan de noite, a nai do Rosende atopa sangue na cama, a auga do pozo toldada e o coitelo sanguento. Ao día seguinte volverá o fillo, o emigrante foi topado no monte comido polos lobos, a maleta rillada e desfeita. Remata: . XVI. Antón das Cabras. O Antón das Cabras negocia con don Álvaro mercarlle a casa da Graña. Ten os cartos porque hai quen llos presta pero non pode dicir o nome porque o prometeu. Fan trato e o fidalgo queda convencido de que o Antón atopou os cartos escondidos na parede polo maragato. XVII. Tempos novos. As cousas cambiaron moito na contorna. Chegou a estrada, erguíanse casas e comercios, chegaba o diñeiro de Cuba e Buenos Aires. As fillas de don Álvaro seguen de fidalgas sen facer nada, a facenda non vai a mellor, decae a fidalguía e medran os novos ricos. Agora o Rosendo é tratado de don e está ao nivel de don Álvaro, as súas fillas son señoritas preocupadas polo negocio aínda que as fidalguiñas as teñan a menos. O fidalgo vai vello:

XVIII. As neves de antano.