Flavius Petrus Sabbatius Iustinianus ou Xustiniano I, nado o 11 de maio de 483 e finado o 13/14 de novembro de 565, foi emperador de Oriente desde o 1 de agosto de 527 ata a súa morte. Un dos principais gobernantes do Imperio Bizantino, destaca especialmente pola súa reforma e compilación de leis e pola expansión militar do territorio imperial que tivo lugar baixo o seu reinado, sobre todo grazas ás campañas de Belisario. Tamén é coñecido como "O último emperador romano". A igrexa ortodoxa venérao como santo o día 14 de novembro.

Traxectoria

Xustiniano naceu nunha pequena aldea chamada Tauresina (Taor) en Iliria (preto da actual Skopje), na península Balcánica, probabelmente o 11 de maio de 483. A súa nai era irmá do famoso xeneral Xustino que ascendeu desde o exército á dignidade imperial. O seu tío adoptouno e asegurouse de que recibise unha educación: Xustiniano seguiu así o currículo educativo habitual, centrándose na xurisprudencia e a filosofía. Avanzou na súa carreira militar con gran rapidez, e abriuse ante el un gran futuro cando, en 518, Xustino se converteu en emperador. Xustiniano foi nomeado cónsul en 521, e posteriormente xeneral do exército de oriente. Moito antes de que Xustino o fixese coemperador o 1 de abril de 527, xa participaba nas actividades de goberno. miniatura|esquerda|Moeda dun sólido de Xustiniano I cuñadona ceca de Tesalónica Catro meses despois, Xustiniano pasou a ser o único soberano trala morte de Xustino. O seu reinado tería un grande impacto na historia mundial, dando lugar a unha nova era na historia do Imperio bizantino e da Igrexa Ortodoxa. Foi un home cunha capacidade de traballo fóra do común, que tiña un carácter afábel, moderado e alegre, pero que tamén podía ser mentirán e falto de escrúpulos cando lle conviña. Foi o último emperador que intentou recuperar os territorios que posuíu o Imperio Romano en tempos de Teodosio I, e con este fin, puxo en marcha grandes campañas militares. Tamén desenvolveu unha colosal actividade construtiva emulando a dos grandes emperadores romanos do pasado. Partindo da premisa de que a existencia dunha comunidade política se funda nas armas e nas leis, prestou especial atención á lexislación e pasou á posteridade pola súa codificación do dereito romano (o Codex Iustinianus e as Novellae Constitutiones).

En 523 casou con Teodora, unha ex actriz; ata entón, as actrices resultaban socialmente próximas ás prostitutas, e no pasado, a Xustiniano resultáralle imposíbel casar con ela, pero Xustino aprobara unha lei que permitía os matrimonios entre distintas clases sociais, o que levaría, xa no reinado de Xustiniano, a unha certa atenuación das diferenzas sociais na corte bizantina. Teodora chegaría a ser unha persoa moi influente na política do Imperio, e algúns emperadores posteriores seguirían o precedente de Xustiniano casando fóra da clase aristocrática.

Procopio de Cesarea é a nosa fonte principal para a historia do reinado de Xustiniano, aínda que tamén contribúe con moitos detalles de interese a crónica de Xoán de Éfeso, que se conserva como fundamento de moitas outras crónicas posteriores. Ambos historiadores fixeron comentarios ás veces moi negativos sobre Xustiniano e Teodora; Procopio, ademais da súa historia, escribiu outra Historia Secreta que recolle varios escándalos da corte. As Historias de Agatías apuntan os sucesos acaecidos desde o ano 552 ata 558 ou 559.

A segunda metade do seu reinado viuse ensombrecida pola epidemia de peste que se fixo virulenta a partir do ano 542.

Teodora morreu en 548 e Xustiniano sobreviviuna case vinte anos, para morrer do 13 ao 14 de novembro de 565.

Actividade xurídica

Xustiniano tivo unha grande influencia na historia debido ás súa revolucionarias medidas polas que organizou o dereito romano seguindo a clasificación que se convertería na base para o dereito en moitos países actuais. O 7 de abril de 529 publicouse unha primeira versión do Corpus Iuris Civilis dividida en tres partes: código antigo, novo código, Dixesto ou Pandectae, as Institutiones e as novelas (novas constitucións). Un grupo de comisionados, encabezados polo cuestor Triboniano, preparou o Corpus en latín, a lingua tradicional do Imperio romano, aínda que moitos cidadáns do Imperio oriental apenas a entendían. O Authenticum, ou Novellae Constitutiones, unha recompilación de novas leis emitidas durante o reinado de Xustiniano, completou posteriormente o Corpus. Estas Novellae publicáronse en grego, a lingua común do Imperio.

O Corpus contén a base da xurisprudencia romana (incluído o dereito canónico: ecclesia vivit lege romana) e, para os historiadores, achega unha valiosa fonte para comprender os intereses e actividades do Imperio romano tardío. En tanto que recompilación, reúne moitas fontes nas que se expresaban ou publicaban as leges (leis) e outras normas: leis en sentido estrito, consultas senatoriais (senatusconsulta), decretos imperiais, casuística e opinións de xuristas e interpretacións (responsa prudentum).

Actividade militar e campañas de Belisario

miniatura|300px|Mapa do Imperio Bizantino en 550. En verde as conquistas durante o reinado de Xustiniano I

Política exterior baseada na Recuperatio Imperii

A ideoloxía da Recuperatio Imperii é unha formulación que responde a uns sentimentos estendidos entre amplas capas da poboación da Pars Occidens (sobre todo entre o elemento senatorial urbano e sectores vinculados coa administración) e en parte do goberno do Imperio de Oriente, que intelectualmente xoga ao xogo da continuidade imperial en Occidente; de feito, o sentimento de romanitas atópase -no século VI- amplamente estendido en Occidente e en Oriente é correspondido pola ideoloxía oficial do goberno imperial -segundo a cal o Imperio non se afundiu en Occidente senón que os bárbaros gobernan alí en nome do emperador de Oriente- e por parte da intelligentsia de Constantinopla (por exemplo, é o caso do escritor Xoán Lido, contemporáneo de Xustiniano). Estes sentimentos son aproveitados pola administración xustinianea para realizar, precisamente, unha política en consonancia con eles (fose sincera ou interesada).

Campañas contra o Reino vándalo (533 - 534)

En maio de 530, o monarca probizantino Hilderico foi deposto polo seu primo Xelimer aducindo a que a súa falta de personalidade levaran aos vándalos a seren derrotados polas tribos mouras. As protestas de Xustiniano de que Hilderico puidese regresar a Constantinopla non foron escoitadas, polo que preparou con coidado unha campaña que debía combinar eficacia militar e sobriedade de custos. Xoán de Capadocia, responsábel das finanzas do Imperio e oposto á guerra, accedeu ao final a levar os gastos da campaña dunha forma ríxida. Belisario, o xeneral máis brillante de Oriente foi o encargado de levar as armas.

A decisión de atacar o reino vándalo coincidiron coa aparición neste dunha serie de debilidades. A simbiose entre invasores e invadidos non chegou nunca a consolidarse, o cal xerou hostilidades cos últimos. O medo a revoltas internas conducira á desfortificación dos núcleos urbanos por medo a que acollesen revoltas. Á súa vez un xeneral godo que rexía Sardeña en nome do monarca de Cartago pretendeu con axuda militar oriental gobernar de forma independente, pero foi detido por Xelimer antes de que a devandita axuda chegase.

A frota oriental abandonou os portos de Constantinopla a mediados de xuño de 533 e vía Sicilia alcanzou as costas africanas ao cabo de tres meses. Belisario atopou escasa resistencia, e tras un vitorioso encontro cos vándalos de Ad Decimum, ocuparía Cartago dous días despois. Xelimer, medorento de que entronizaran ao deposto rei, executou a Hilderico antes da caída de Cartago e fuxiu aos rebordes montañosos. Finalmente optou por entregarse a finais de marzo de 534. Belisario conduciuno ata Constantinopla, onde o xeneral foi recibido con grandes honores, reservados ao Emperador. A provincia foi anexionada ao Imperio, a pesar que as tribos periféricas supuxeron un perigo durante máis dunha década.

Campañas contra o Reino Ostrogodo (540 - 554)

Á morte de Teodorico o control da política ostrogoda caeu en mans da súa filla Amalasunta, a cal exerceu o poder en nome do rei neno Atalarico, ata que este faleceu en 534. A rexencia caracterizouse por unha viraxe política cara a Oriente, xerando unha forte oposición interna. A pronta desaparición do seu fillo forzou á rexente á procura dun monarca formal tralo que seguir movendo os fíos do goberno. O elixido foi Teodato, co que contraeu matrimonio a fins de 534, este pronto se afastou do palacio de Rávena e ordenou a eliminación da súa muller en abril de 535 posibelmente a instigación de Teodora que buscaba un casus belli para a intervención de Xustiniano.

Ese mesmo ano Xustiniano daría dous golpes de man que lle permitiron tomar Sicilia ao mando de Belisario e Dalmacia por Ilírico Mundo. Teodato recorreu a unha embaixada papal, pero se enviou unha embaixada Imperial paralela ao propio monarca ostrogodo para estabelecer un acordo secreto de cesión de Italia ao imperio. Os diversos contratempos que atravesaba o Imperio nese momento, como a revolta de África e a recuperación de territorios por xermanos en Dalmacia induciron a Teodato a romper o compromiso e a facer fronte aos exércitos de Xustiniano.

Xustiniano reorganizou a xerarquía militar para poder poñer á fronte das campañas italianas a Belisario xa que Mundo falecera na ofensiva de Dalmacia. No seu lugar púxose a Constantiniano, que recuperou a ofensiva en Dalmacia, reocupando Salona e expulsando os ostrogodos da rexión. Belisario ocupou Nápoles e finalmente Roma a comezos de decembro. Teodato, antes da caída de Roma, foi deposto por Vitixes, comandante do seu garda persoal que demostrou ter gran capacidade para as artes guerreiras e puxo sitio a Roma.

O prezo da conquista do Reino Ostrogodo quizais podería considerarse excesivo. Provocáronse continuas campañas de desgaste, sendo vítima principal a poboación itálica que sufriu a destrución do seu tecido social, produtivo, político e foi azoutada pola peste. Os vinte anos de loita aceleraron dramaticamente a transición ao mundo medieval. Roma perdeu a súa entidade urbana e deixou de ser a cidade por antonomasia do mundo Mediterráneo.

A Pragmática Sanción de 554, mediante a cal Italia era reintegrada ao Imperio Romano, ratificaba a situación de facto ao outorgar aos bispos o control de diversos aspectos da vida civil (como a actividade dos xuíces civís) e a administración das cidades, poñéndoos a cargo do aprovisionamento, a anona e os traballos públicos, á vez que quedaban exentos da autoridade dos funcionarios imperiais.

Campañas contra o Reino Visigodo (552)

A finais de 552 Xustiniano podía considerar a campaña itálica como finalizada, accedendo ese mesmo ano á petición de axuda formulada no 551 polo rebelde visigodo Atanaxildo a cambio dunha franxa costeira desde Valencia a Cádiz. A colaboración oriental foi decisiva para decantar a guerra civil no reino peninsular hispano a favor daquel candidato fronte a Axila. Pero a compensación territorial nunca foi plataforma para a conquista da antiga Hispania, de feito, as zonas concedidas en 552 comezaron a minguar nas décadas seguintes, especialmente durante o reino de Leovixildo, ata a súa evaporación no 624

Fronte ao Imperio Persa

A paz perpetua, asinada en 532 entre Bizancio e o Imperio Persa, resultou menos duradeira do que a súa pomposa formulación declaraba. O rei Cosroes I esperou a oportunidade de atacar con vantaxe territorio imperial, a cal se presentou pronto, dada a crecente debilidade da fortaleza militar en Oriente, posto que as reconquistas en África ou Italia se realizaron con tropas e mandos subtraídos daquela zona e as tropas gornecidas debilitábanse pola falta dun pagamento puntual. Xustiniano á vez intentou reforzar o dominio a zona mediante a construción de fortalezas novas na rexión.