Osred, nado c. 697 e finado en 716, foi rei de Northumbria de 705 até a súa morte. Traxectoria Era fillo de Ealdfrith de Northumbria. A única esposa coñecida de Ealdfrith foi Cuthburh, pero non se sabe con certeza se Osred foi o seu fillo. Osred non sucedeu directamente ao seu pai, xa que o trono foi ocupado por Eadwulf, aínda que este último ocupouno por apenas uns meses. Cando o usurpador Eadwulf foi derrocado, Osred só era un neno, e o goberno estivo controlado polo poderoso bispo Wilfrid, presumibelmente asistido por parte da nobreza, como Berhtfrith fillo de Berhtred. Osred foi adoptado por Wilfrid neste momento. A morte do bispo no ano 709 non parece crear ningunha inestabilidade o que, xunto co ascenso e caída de Eadwulf, indícanos unha época de estabilidade e continuidade en Northumbria. No ano 711, Berhtfrith inflixiu unha esmagadora derrota aos pictos, en torno ao curso superior do Forth, pero o reinado de Osred é, por outra banda, irrelevante politicamente. A nivel nacional, varias fontes eclesiásticas describen a Osred como un libertino e depravado rapaz, e un sedutor de monxas. Máis positivamente, en De Abbatibus retrátase a Osred como enerxético en obras e palabras, poderoso nas armas e audaz na súa propia forza e Beda referiuse a el como un novo Xosías. Osred alcanzou a súa maioría de idade en 715 ou 716, e faleceu pouco despois. As circunstancias da súa morte non están claras. A Crónica Anglosaxoa sinala que foi asasinado ao sur da fronteira. David Rollason e N. J. Higham supoñen que a fronteira en cuestión é a fronteira sur picta e que os pictos mataron a Osred.
Véxase tamén Bibliografía Higham, N.J., The Kingdom of Northumbria AD 350–1100. Stroud: Sutton, 1993.
Categoría:Reis de Northumbria Categoría:Nados en 697 Categoría:Finados en 716