Gonzalo Queipo de Llano y Sierra, nado en Tordesillas (provincia de Valladolid) o 5 de febreiro de 1875 e finado en Camas, Sevilla, o 9 de marzo de 1951, foi un xeneral español, conspirador e un dos principais protagonistas, sobre todo en Sevilla, do golpe que deu orixe á guerra civil española.

Foi educado nun seminario, loitou na Guerra hispano-estadounidense e na Guerra do Rif, ascendendo a Xeneral de Brigada en 1923. Aínda que inicialmente apoiou ao ditador Miguel Primo de Rivera, as críticas ás súas políticas fixeron que quedase atrasado na escala e nos nomeamentos e foi trasladado á reserva en 1928. Conspirou para derrocar a monarquía alfonsina e dirixiu a Sublevación de Cuatro Vientos (1930), que o obrigou a se exiliar en Portugal. Unha vez proclamada a República, foi nomeado Capitán Xeneral de Madrid e Inspector Xeneral do Exército, contribuíndo de xeito importante ao éxito das reformas militares de Manuel Azaña. Posteriormente foi nomeado xefe do cuarto militar do presidente da República, Niceto Alcalá Zamora, de quen foi consogro (a filla de Queipo estaba casada cun fillo de Alcalá Zamora), até que dimitiu en 1933 como consecuencia das críticas recibidas, dado o seu cargo, por unha serie de interferencias na vida política.

Cada vez máis descontento co rumbo que estaba a tomar a política republicana, e sobre todo despois da destitución de Alcalá Zamora, foi, xunto con Mola e Sanjurjo, un dos principais dirixentes do golpe militar contra o goberno da Fronte Popular, cuxo fracaso parcial provocou o Guerra civil española. Cun escaso número de homes, dirixiu o golpe militar en Sevilla, un dos redutos da Fronte Popular, e iniciou unha forte represión que causou a morte de 3.028 persoas só en Sevilla no período comprendido entre o 18 de xullo de 1936 e xaneiro de 1937.

Destacou polo uso da radiodifusión como medio de guerra psicolóxica, coas súas famosas charlas a través de Unión Radio Sevilla. Nomeado xefe do Exército do Sur, asumiu o goberno militar e civil, e durante toda a guerra actuou cunha independencia case total, o que o levou a ser coñecido como o “vicerrei de Andalucía”.

Ascendido a tenente xeral e condecorado coa Laureada de San Fernando tralo seu triunfo na Guerra Civil, foi, non obstante, cada vez máis postergado por Franco, ó que se refería co alcume «Paca la Culona».

Traxectoria

Primeiros anos Nado o 5 de febreiro de 1875 en Tordesillas, era fillo do xuíz municipal local, Gonzalo Queipo de Llano e Sánchez, e Mercedes Sierra e Vázquez de Novoa; os seus outros irmáns foron Tomás, Gerardo, Alfredo, Aurelio, Rosario, Encarnación e María Luisa.

Segundo o costume da época, realizou os seus estudos secundarios no seminario diocesano da localidade. En 1891, tras pasar por institutos de varias localidades, escapou de León onde estaba estudando daquela e marchou a Ferrol para alistarse voluntario no Batallón de Artillaría onde comezou como aprendiz de trompeta. Ingresou aos 18 anos na Academia de Cabalería de Valladolid, onde recibiu unha inicial formación de técnica militar. Aínda que máis dotado para as letras, en palabras da súa nai, Gonzalo “tiña raza” e completou así a súa formación na Academia (1893-1896). Co grao de segundo tenente foi destinado á guerra colonial de Cuba e entrou en combate en Pinar del Río. Alí obtivo cinco cruces da raíña Cristina por méritos bélicos e o ascenso a capitán.

Trala derrota de 1898 regresou a España e, estivo en diferentes destinos en Valladolid, Xerez da Fronteira, Salamanca e, de novo, Valladolid. Alí, en 1901, casou con Genoveva Martí Tovar, filla do presidente da Audiencia de Valladolid. Ao tratarse da biografía militar, hai que ter en conta que o oficial que ingresa no Exército é un funcionario do Estado suxeito ás normas burocráticas comúns: salario con incentivos, rango e historial reflectidos na acta de servizo e, tamén, tiña que ter pedido permiso ao Ministerio de Guerra. Ao non facelo, a unión non se regularizou até que se acolleu a unha amnistía en maio de 1918.

A única posibilidade de ascenso para moitos oficiais sen patrimonio era acudir voluntariamente a Marrocos, onde o soldo era maior en tódolos rangos, e onde se concedían xenerosamente ascensos por méritos bélicos. Así, en 1909, sendo xa capitán, marchou co Rexemento de Lanceiros da Raíña a unha breve expedición a Melilla para intervir na campaña militar xurdida tralo Desastre do Barranco do Lobo.

En 1910, saltou ao escenario público como un dos promotores das protestas contra o ministro de Guerra, Agustín Luque, polas recompensas recibidas pola última campaña de Melilla e tamén promoveu unha manifestación de oficiais en Madrid ante o xornal La Correspondencia Militar, pola que foi detido. Igualmente, volveu ser detido pola policía cando se dispoñía a se bater en duelo co director da publicación El Ejército Español, Rafael Esbrí. Por todo iso, estivo preso dous meses no cárcere militar do Castelo de Santa Catalina (Cádiz) e supuxo a perda do seu destino.

En 1912, de regreso en Marrocos, acadou o grao de coronel e tamén se dedicou ao seu propio negocio de intermediación como comisionista inglés de carbón. En 1916, regresou á península e volveu a aparecer na prensa como participante nun duelo entre o xeneral José Sanjurjo e o coronel José Riquelme, como padriño do primeiro. En 1923, foi ascendido a xeneral de brigada e marchou destinado á segunda xefatura de zona en Ceuta.

Ditadura de Primo de Rivera A pesar da súa formación militar, Queipo tiña unha teoría da lealdade recíproca e persoal, máis que institucional: «Só debo lealdade á persoa que me é fiel». Cando en 1923, se proclamou a Ditadura de Primo de Rivera, Queipo de Llano tivo continuos enfrontamentos co ditador, cinco anos maior ca el, e que fora, anteriormente, moi amigo seu. En 1924, Queipo de Llano fundou, e dirixiu, en Ceuta unha publicación política chamada Revista de Tropas Coloniales,Desvois (2001), p. 235 que era de tirada mensual e que se converteu en voceira dos africanistas contrarios á retirada de Marrocos, chegando a colaborar nas súas páxinas, Francisco Franco, Fermín Galán, Millán-Astray e outros. O ditador chegou a culpalo a el persoalmente dunha suposta indisciplina cometida polas tropas que non querían abandona-las posicións no Protectorado.Tusell (2006), p. 54 Posteriormente, por desavinzas co seu superior, o xeneral Manuel Montero Navarro, foi expedientado e despois destinado como segundo ao Goberno Militar de Cádiz. Ao mes seguinte volveu á campaña de Marrocos (30 de agosto de 1924), novamente como segundo xefe da zona de Ceuta. O Ditador nomeouse a si mesmo Alto Comisionado e Xeneral en Xefe do Exército para dirixir persoal e directamente a súa estratexia proxectada. Nese mes de setembro, Queipo participou activamente coa súa columna en numerosas e soadas accións, como as batallas de Beni-Selat e Zinat. Experto en cargas arriscadas de cabalería, foi expedientado e detido durante dous meses en Ferrol, por unha suposta neglixencia na protección da columna do xeneral José Riquelme y López-Bago.

Xa na Península, o resentido xeneral foi destituído como gobernador militar de Córdoba por ter afirmado publicamente que as letras UP podían significar tanto Unión Patriótica, o partido do réxime, como «Urinario Público». Nese ano produciuse o intento de derrocamento da ditadura coñecida como a Sanjuanada de 1926. O 17 de maio de 1928, a xunta de clasificación do Exército, controlada por Primo de Rivera, decidiu trasladar a Queipo á reserva, por “indisciplinado, ingobernable e difícil de mandar”, polo que non puido ascender. Nunha das ocasións en que fora destituído tivo que axudarse economicamente facendo xabón caseiro e vendelo persoalmente polas tendas de Madrid.

Caída a ditadura, criticara tanto a Primo de Rivera que os fillos deste, José Antonio e Miguel, xunto con Sancho Dávila e uns parentes novos tiveron un altercado a puñazos con Queipo nunha cafetería.

Actividade conspirativa Durante o mandato do xeneral Berenguer e a fracasada sublevación de Jaca, o 15 de decembro de 1930, Queipo involucrouse como codirector no putsch prorrepublicano do aeródromo de Cuatro Vientos (Madrid). Nesta actuación, levada a cabo xunto con Ramón Franco, fíxose cargo da emisora ​​de radio e difundiu a falsa noticia de que a República fora instaurada en toda España: «Gornición sublevada Madrid. República proclamada. Toque diana». O motín foi reprimido con facilidade polo xeneral Orgaz, quen rodeou o aeródromo e encarcerou ao persoal rebelde; mentres, Queipo de Llano, Franco e outros rebeldes fuxiron en tres avións cara a Portugal, pero non antes de soltar uns dípticos sobre Madrid. En Lisboa solicitou pasaportes para Francia, Bélxica e Países Baixos, refuxiándose en Francia, onde coñeceu a Indalecio Prieto, así como a Marcelino Domingo, entre outros republicanos españois. Incoouse un proceso militar contra os responsables do pronunciamento, pero ao atoparse fuxido ante as requisitorias xudiciais, o 25 de febreiro de 1931 foi dado de baixa do Exército por Real Orde "por estar ausente do seu destino durante máis tempo" que dous meses». Porén, a fracasada aventura converteu a Queipo de Llano nun popular heroe republicano. miniatura|300x300px|Visita de Niceto Alcalá Zamora a San Sebastián. O exilio durou pouco, xa que o 14 de abril de 1931 proclamouse a II República. Regresou a España aclamado para ser inmediatamente rehabilitado polo Goberno Provisional como Capitán Xeneral de Madrid (posteriormente 1ª División Orgánica) converténdose en pouco tempo nun dos militares fundamentais da República apoiando con firmeza, como Inspector Xeral do Exército e como membro do Consello Superior de Guerra, as reformas postas en marcha por Manuel Azaña, aínda que este desconfiaba das súas capacidades. Como capitán xeneral mostrouse disposto a facer cumprir o código de xustiza militar fronte a calquera incidente de orde pública.

Instalado coa súa familia nunha residencia adecuada ao seu rango na rúa García de Paredes de Madrid, Queipo de Llano comezou a sentir a República como propia. El mesmo aparecera nun desfile montado na egua "Favorita", que pertencera ao rei e, mesmo, chegara a emprega-lo coche blindado que pertencera a Primo de Rivera. Tamén, durante esta época fora acusado de abusar da súa privilexiada posición para realizar un repartimento de favores; o que máis tarde, el denigraría como “enchufismo”. Ascendido a xeneral de división, foi nomeado Xefe do Cuarto Militar do Presidente da República Alcalá Zamora, con quen estivo relacionado como consogro, até o 9 de marzo de 1933 cando foi relevado tras coñecérense unha serie de inxerencias políticas realizadas polo xeneral con algúns parlamentarios. "Recoñezo -dixo o xeneral- que fixen algo leve, e por iso marcho. Puxen o meu cargo a disposición do presidente da República”.

Precisamente coa intención de afastalo da política, foi nomeado director xeral de Carabineiros, pero pola publicación dun escrito reservado no xornal Informaciones, en defensa do soldo dos seus subordinados, o Consello de Ministros destituíuno. A partir dese momento quedou relegado a un segundo plano, aínda que un posterior goberno da dereita durante o alcumado como "Bienio Negro" (no que se atopaban Lerroux e Gil Robles), nomeouno Inspector Xeral de Carabineros.

Prolegómenos do golpe de Estado