A castelanización () é o termo dado ao proceso polo cal un lugar ou unha persoa é influenciada pola cultura castelá ou un proceso de cariz cultural ou lingüístico polo cal algo ou alguén torna castelán. A castelanización maniféstase principalmente polo uso da lingua castelá. En España, o termo designa o feito de que un territorio, a súa cultura e os seus habitantes deveñan influenciados pola cultura castelá ou por un proceso lingüístico diglósico no que a lingua formal ou socialmente percibida como preponderamte é a castelá, Por extensión, trala castelanización sociopolítica de España, a castelanización caracterízase polo consumo e adopción da comida, música e tradicións españolas fóra de España. Nas antigas colonias españolas, o termo tamén é usado no ámbito lingüístico para o proceso de substitución das linguas indíxenas de América polo castelán.

Historia Ao principio, a castelanización foi un fenómeno puramente ibérico: tivo inicio no ámbito da reconquista, con feitos como a unión dos reinos de León e de Castela en 1230 na figura do rei Fernando III, a unión das Coroas de Castela e de Aragón polo matrimonio dos Reis Católicos e a toma de Granada, seguidas da expulsión dos xudeus, a incorporación de Navarra en 1512 e a expulsión dos mouriscos da Península Ibérica. Estendeuse tamén ás colonias, onde leva o nome de hispanización. Máis tarde, algúns dos países da denominada hispanidade americana deron lugar á castelanización (ás veces —como denuncia do colonialismo español, cómplice da lenda negra española— en clara oposición a iso), incluíndo a mexicanización e a colombianización.

En España, o termo castelanización pode referirse á absorción cultural e lingüística dos guanches, pobo bérber indíxena das illas Canarias, que foron conquistadas polos españois no século XV.

O termo tamén se utiliza para describir o proceso histórico mediante o cal os falantes de linguas minoritarias españolas como o éuscaro, o catalán, o asturiano, o aragonés ou o galego están lingüisticamente asimilados e abandonan progresivamente a súa lingua para comezar a falar castelán. Este proceso foi e continúa sendo moito máis acentuado nos casos do asturleonés e ao aragonés.

Castelanización en Galicia A distinción entre lingua e dialecto revela a súa problemática en casos como o do galego, que nalgún momento ao longo da historia foi considerado un dialecto por persoeiros intelectuais do talle de Juan Valera ou Pardo Bazán, non só no sentido de variante dun sistema lingüístico xunto co portugués, senón, nun senso político, de fala rexional, supeditada ao castelán para os usos formais. A pretendida dialectalización do galego como fala propia dos españois de Galicia pretende profundar na separación entre o galego e o portugués e concederlle só unha proximidade anecdótica e testemuñal dun remoto pasado común.

Denantes de calquera proceso de castelanización, o galego, de ser considerado un dialecto no canto dun idioma de seu, seríao do portugués, concedendo a este a categoría de idioma como variante culta evolucionada do tronco común medieval galego-portugués, malia que o portugués naceu da fala romance xurdida no territorio da antiga Gallaecia. Desa proximidade xeográfica, histórica e cultural provén a actual semellanza estrutural, en termos de intercomprensión entre o portugués e o galego modernos. Con todo, o propio portugués houbo ser absorbido pola lingua castelá, ou polo menos chegar á mesma consideración de dialecto que se lle ten dado ao galego, non fose o acaso histórico da fundación do reino de Portugal por Afonso Henriques, que deu inicio á conquista dos territorios do sur, ata o Algarve. Esta configuración do que se convertería no actual estado portugués deu forza política ao "dialecto portugués" fronte ao "galego-portugués" aquén do río Miño para impoñerse só a primeira como lingua culta. Con todo, o grao de intelixibilidade entre o portugués e o castelán (89%) é superior ao do castelán co catalán (85%), mesmo formando parte ambas as dúas linguas do mesmo estado español.

Debido á castelanización, o galego até hoxe segue a perder pulo en detrimento do castelán. Malia os esforzos para reavivar o gusto pola lingua entre os galegos, son cada vez máis os galegos monolingües en castelán. O galego, aínda que non estea en risco de extinción, está nunha clara situación de diglosia perante o castelán. Existe unha abondosa presenza de institucións e plataformas que loitan pola supervivencia desta lingua, como é o caso da plataforma Queremos Galego!, A Mesa pola Normalización Lingüística e da propia Real Academia Galega (RAG), que unen esforzos para difundir esta lingua que perde cada vez máis terreo fronte o castelán, en gran parte pola progresiva quebra na transmisión xeracional do galego, o que certifica a importancia do compromiso da poboación neofalante no futuro da lingua.

Debido ao asentamento de colonos galegos no sur de da Coroa de Castela, algúns dos apelidos galegos máis frecuentes foron castelanizados e popularizáronse fóra do reino de Galicia.

+ Algúns apelidos patronímicos galegos Nomes medievais e actuais Galego medieval (XII-XV) Galego moderno Castelanizado Johan, Xoham, Xohán, Xoán Eanes Anes, Oanes, Yanes Yáñez, Ibáñez Estevo Esteuaes, Esteuaez, Esteueez Estévez Estévanez Froila Froes, Froez, Froilaniz Fróiz, Frois Flores, Flórez Gião, Xiao, Xián, Xulián Giançe, Gianz, Gians Giance Juliánez Mendo, Hermengildo, Hermenexildo Meendez, Meendes Méndez Menéndez, Meléndez Martin Martiiz Martíns, Martís Martínez Miguel Migueez Miguéns, Míguez Miguélez Pelagius, Paio Paaez, Paaz Páes, Paiz, Paz Peláez Vasco, Basco Veasques, Vaasquez Vázquez Velázquez, Blázquez Benedicto, Bieito, Vieito Beeytez, Beeytes Viéitez, Vieites Benítez

Castelanización do aragonés e do asturiano O proceso de castelanización das linguas aragonesa e asturiana, é un exemplo paradigmático de dialectalización dun idioma, que consiste na adopción de formas, xiros e termos propios das linguas aragonesa ou asturiana, neste caso, pola castelá, polo que se produce unha perda de léxico autóctono, substituído polo castelán, paralela a un aumento de rexionalismos (aragonesismos ou asturianismos) que pasan a formar parte da propia lingua castelá falada en territorios de predominio histórico do aragonés ou do asturiano.

A castelanización destes idiomas é moi anterior á influencia do castelán no galego e no catalán, pero os distintos graos de protección das linguas minoritarias de España fan que a dialectalización do asturiano e o aragonés sexa aínda máis acusada ca no caso das linguas cooficiais do Estado: catalán, éuscaro e galego. Con todo, a castelanización das linguas cooficiais é un risco permanente, en ocasións consumado.

Mecanismos de substitución lingüística A substitución lingüística depende do cambio na frecuencia do emprego dos usos lingüísticos pertencentes a un sistema lingüístico polos doutro. As variables que inflúen nesta substitución son moitas e máis ou menos coercitivas, como a xeografía, a poboación (migracións e natalidade), a percepción de prestixio, a escola, os medios de comunicación, ou a imposición directa etc.), de difícil estudo e cuantificación.

A substitución é máis fácil entre idiomas da mesma familia lingüística e de fácil intercomprensión, caso do aragonés e do castelán, pero tamén pode atoparse entre diferentes familias. Calquera substitución pasa por unha comprensión previa. Só se pode adquirir o uso dunha lingua se se entende esa lingua, aínda que apenas se deba a ruídos (conxunto de interferencias físicas e psicolóxicas que deforman a mensaxe).

Notas

Véxase tamén Bibliografía Beatriz Garza Cuaron and Doris Bartholomew. Languages of intercommunication in Mexico. In: Stephen Adolphe Wurm, Peter Mühlhäusler, Darrell T. Tyron (1996), Atlas of languages of intercultural communication in the Pacific (1622 pàgines), pp. 1254–1290. Chapter 2. Historical outline, p. 1258, 2.1.5: Replacement of the dominant indigenous languages by Spanish, pp. 1260–1262. Capítol 4: Spanish as a language of intercommunication, from the Conquest to present. pp. 1270–1271. Rainer Enrique Hamel: Bilingual Education for Indigenous Communities in Mexico. Encyclopedia of Language and Education (2008), Part 5, Part 18, pp. 1747–1758. Juan Carlos Godenzzi: Language Policy and Education in the Andes. Encyclopedia of Language and Education (2008), Part 1, Part 4, pp. 315–329.

Categoría:Sociolingüística Categoría:Lingua castelá