John Charles Fields FRS, nado o 14 de maio de 1863 en Hamilton, Ontario e finado o 9 de agosto de 1932, foi un matemático canadense que creou as bases para instituír o premio coñecido como a Medalla Fields, outorgado aos logros extraordinarios no campo da matemática.
O premio foi entregado por vez primeira en 1936 e, dende 1950, é a Unión Matemática Internacional, quen se encarga de concedelo cada 4 anos a 2, 3 ou 4 matemáticos de idade inferior a 40 anos no Congreso Internacional de Matemáticas.
Traxectoria John Charles Fields graduouse no Hamilton Collegiate Institute, en 1880, e máis tarde, en 1884, na Universidade de Toronto na que conseguiu a medalla de ouro en matemáticas, momento no que decidiu se trasladar a Estados Unidos para continuar os seus estudos na Universidade Johns Hopkins, en Baltimore, Maryland. En 1886, a súa tese titulada "Solucións simbólicas finitas e solucións por integrais definidas da ecuación dny/dxn = xmy", foi publicado no American Journal of Mathematics. Recibiu o doutoramento en 1887.
Permaneceu como profesor na Universidade Johns Hopkins, durante dous anos, para marchar tras este período a Meadville, Pensilvania, onde ingresou como membro da facultade do Allegheny College. Desilusionado polo estado da investigación matemática da época nos Estados Unidos, en 1881 marchou a Europa, estando enBerlín, Gotinga e París, onde coñeceu e traballou con moitos dos máis importantes matemáticos daquel tempo, como Karl Weierstrass, Felix Klein, Ferdinand Georg Frobenius e Max Planck. Tamén coñeceu a Gösta Mittag-Leffler, con quen mantivo unha forte amizade. Neste momento, comezou a publicar artigos sobre un tema novo, as funcións alxébricas, que foi co tempo o campo de investigación máis importante da súa carreira.
En 1902, torna ao Canadá para traballar na Universidade de Toronto. Dende a súa volta adicouse na súa terra natal a elevar o nivel de matemáticas tanto en círculos académicos como públicos. Meteu presión o goberno de Ontario para conseguir unha axuda de 75.000 dólares ao ano, coa que creou o Consello Nacional do Canadá para a Investigación, e a Fundación para a Investigación de Ontario.
En 1907, foi elixido membro da Royal Society do Canadá, e 1913 da Royal Society de Londres. Tamén presidiu o Real Instituto Canadense de 1919 a 1925, período no que intentou covertelo nun centro de referencia da investigación. Os seus esforzos conseguiron que Toronto chegase a se-la sede da Conferencia Matemática Internacional en 1924 que el presidiu e onde propuxo a creación dun premio internacional que daría orixe ás Medallas Field.
Porén, Charles Fields é máis coñecido por se-la persoa que creou o Premio da Medalla Fields que é considerado como o premio Nobel de matemáticas. Ideou o premio cara ao final da década dos anos vinte, mais por problemas de saúde non a viu realizada. Tras estar 3 meses enfermo, morreu á idade de 69 anos deixando no seu testamento 47.000 dólares para o fondo que outorga a Medalla Fields.
O instituto Fields, da universidade de Toronto, chámase así na súa honra. miniatura|Reverso da Medalla Fields
Medalla Fields Na historia da Medalla Fields, só hai un caso dun premiado que se negase a recollela: o matemático ruso Grigori Perelman, que afirmou que se a súa demostración era correcta, non precisaba máis recoñecemento.
O único físico que conseguiu a medalla é Edward Witten que a recibiu en 1990 e que, en 2017, está a traballar no departamento de física da universidade de Princeton.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Medalla Fields
Ligazóns externas Biografía no Field's Institute da universidade de Toronto (en español) Biografía no MacTutor History of Mathematics archive (en inglés)
Categoría:Científicos do Canadá Categoría:Membros da Royal Society Categoría:Nados en 1863 Categoría:Finados en 1932 Categoría:Matemáticos do Canadá