Leonardo e os fontaneiros é unha novela infantil-xuvenil de María Victoria Moreno, que a consideraba o seu libro preferido . Logo de recibir en 1985 o 3º Premio O Barco de Vapor, en 1986 foi publicada por Editorial Galaxia e Ediciones S.M.. Tivo varias reedicións e foi traducida ao castelán en 1988 co título de Leonardo y los fontaneros na colección El Barco de Vapor de SM -traducido pola súa filla Begoña Llácer-.

A obra está presentada en capítulos curtos que se poden ler seguidos ou seguindo os saltos temporais aos que convida a voz narrativa. No remate de cada unha das escenas hai unha frase que anima a seguir a historia non linealmente, xogando coas páxinas e brincando dun lado a outro. Carmen Blanco di que seguiu a técnica de Julio Cortázar en Rayuela (1963).

Trama

Comeza a historia contándolle Antón ao can Leonardo, que xa non está, a súa teima de mexar enriba dos gatos. Coñeceuno unha tarde de outono, á saída da escola, indo cara á Praza da Fonte e non o pode levar para a casa. Ameaza con lle cortar o rabo, que o can debe facerse respectar e non abanear o rabo aos descoñecidos. Un día Leonardo aparece malferido e vai ir a peor ata acabar desaparecendo. Mais o can acompañará sempre a Tono no seu pensamento e faralle compañía.

No inicio están agardando se dona Rulos retirou a denuncia contra os rapaces e a nai de Tono está triste porque foi expulsado da clase. Volve ao principio do curso para lle contar ao can que non lles chistou a nova aula. Pero logo foise convertendo no espazo das súas trasnadas e diversións: xogar cos alcumes dos profesores, as cartas de amor. Lembra que en terceiro ou cuarto a mestra Ánxela lles falou do sistema solar, e canto o fixo cavilar a el.

Póñenlles frangullas aos paxaros e mesmo chegan a criar unha camada de ratos na clase. Acabaraos descubrindo a Galiña que se vai enfadar moito.

Tamén haberá que facer a festa de fin de curso e de estudos na que eles serán os protagonistas. Pensan en que cousas preparar; por exemplo poden ir vestidos de curas, dicindo as palabras ao revés.

Tono vai ser expulsado como os demais da clase da Galiña polas trasnadas e o director tamén suspende a festa de fin de curso.

Preparan na clase o invento para tirar da cisterna cando a dona Rulos estea no baño e mollala e, claro, dona Rulos vén toda enfadada protestar pola trasnada dos “fontaneiros”. Teñen medo de que os manden a un reformatorio. Menos mal que don Xeranio comprende a súa falcatruada, aconséllalles que non mintan e tentará facer de mediador. Mais a señora presentou denuncia no xulgado e Tono ten medo, mais o seu pai é moi comprensivo e non lle dá importancia. E de súpeto péchase a escola pola morte dunha profesora.

O pai de Tono ofrécelle á vella dona Rulos instalarlle unha porta de seguridade para que retire a denuncia. Ela acepta e redacta un papel con moitas faltas. Remata a historia co enterro da profesora e as reflexións do rapaz sobre a morte.

Narración Comeza cun apartado titulado Ó lector, no que lle indica que pode ler o libro todo seguido ou, se non atura sen saber o que vai pasar, ir saltando segundo as indicacións. Por iso no final de cada un dos XXVII capítulos hai sempre a posibilidade de ir a outra páxina para saber máis do asunto. Remata o aviso: Fai o que queiras, amigo, pero le o libro, que para iso o escribo. E que che preste.

O relato está posto en boca dun narrador intradiexético en primeira persoa, Tono, que se dirixe ao can Leonardo para contarlle os seus pensamentos, preocupacións, vida familiar e escolar e as súas aventuras e trasnadas cos “fontaneiros” (os outros rapaces da clase).

O relato comeza ao final do curso para volver logo nunha retrospección ao comezo e ir narrándolle a Leonardo o desenvolvemento da acción.

Espazo O espazo principal é o colexio ou escola dunha vila imaxinaria, Vilacastelo, na que Tono e os seus compañeiros e compañeiras viven as súas aventuras. Tamén a casa familiar do protagonista e a rúa, sobre todo a Praza da Fonte.

Tempo A acción desenvólvese durante o curso. Están en oitavo de EXB, o último curso no colexio. Xa na democracia porque a escola antes era “General Franco”, agora “Martiño de Dumio”. Dona Rulos asina a carta para retirar a denuncia o 14 de xuño de 1985.

Personaxes Familia Antón Andrade Asorei, Tono, o protagonista. Ten 14 anos, cóntalle a historia a Leonardo, o can que topa na rúa. É un protagonista que escapa aos roles de xénero imperantes na época, mostrándose sensible e vulnerable, nun momento en que mostrar masculinidades diverxentes non era nada habitual O pai (Xosé): podía ser mellor e non desprezar a nai. Traballa poñendo portas de seguridade. A nai: submisa, sempre atendendo aos demais. A irmá (Loliña): Tono quérelle moito, mais preferiría ter un irmán. O avó, na lembranza: o seu confidente.

Leonardo, o can de Antón.

Colexio A Galiña (profesora): prefire o nome de Franco para o colexio, antes que nomes de “roxos”. Ao Tono sempre o ameaza coa expulsión mentres que a Fina pregúntalle se entendeu a explicación. A peor profesora para Tono. Don Xeranio (profesor): vello e baixiño, ensina Natureza. O Director, don Carmelo: amigo de manter a orde. Rosa (profesora): fálalles de Prisciliano, de san Martiño, dos foros. Tenta solucionar os problemas falando con eles. Aconséllaos sobre os problemas de entraren na adolescencia. A mellor profesora para Tono. Fina (alumna): non cae ben aos compañeiros por como viste e como é, porque sempre estuda e se chiva moito. Fala moi rápido Begoña (alumna): tamén ten unha cadela, a Pelusa.

Outros Dona Rulos: a veciña vella que vai moitas veces ao baño e tira da cisterna.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Ficha da obra na Biblioteca Virtual Galega

15px Leonardo e os fontaneiros lido por alumnos de 4º da ESO do IES Castro da Uz das Pontes de García Rodríguez.

Categoría:Obras literarias de 1986 Categoría:Novelas en galego Categoría:Obras literarias de María Victoria Moreno Categoría:Editorial Galaxia