Na Grecia Antiga os Eácidas (en grego antigo Αἰακίδης, Aiakídês) eran os fillos e descendentes de Éaco, fillo de Zeus e rei de Exina segundo a mitoloxía grega.

Mitoloxía grega

O primeiro Eácida foi Peleu, fillo de Éaco e a ninfa Endeis. Porén, o personaxe ó que se alude máis acotío con este patronímico é Aquiles, fillo de Peleu e Tetis, chamado tamén por esta razón o «Pelida».

Outros Eácidas recordados polos autores antigos son Telamón, irmán de Peleu, e Áiax Telamonio, heroe da guerra de Troia.

Historia grega

Os reis molosos de Epiro autoproclamáronse Eácidas (Αἰακίδαι Aiakídai), pois remontaban a súa descendencia a Neoptólemo, fillo de Aquiles e Deidamia e bisneto de Éaco. Olimpia, nai de Alexandre Magno, pertencía a esta dinastía, polo que Alexandre afirmaba ser descendente de Aquiles.

O nome tamén é dado ós habitantes de Exina, onde Éaco foi obxecto dun culto heroico.

Relación de reis Eácidas

De -390 a -385: Alcetas I (-410 - -370), fillo de Taribas de Molosia. De -370 a -360: Neoptólemo I (-390 - -360) e Arimbas (-390 - -322), correxentes, fillos ámbolos dous do anterior. De -360 a -342: Arimbas, que desposó a Troas, filla de Neoptólemo I (nada en -365). De -342 a -326: Alexandre (-362 - -326), fillo de Neoptólemo I. De -326 a -323: Neoptólemo II (-334 - -295), fillo do anterior. De -323 a -322: Arimbas. De -322 a -317: Eácida (-361 - -313), fillo de Arimbas. De -317 a -313: Neoptólemo II, que recuperou o trono. En -313: Eácida. De -313 a -307: Alcetas II (morto no -307), fillo máis vello de Arimbas. De -307 a -302: Pirro I (-318 - -272), fillo de Eácida e Ftía de Farsala. De -302 a -297: Neoptólemo II, que recuperou o trono. De -297 a -272: Pirro I de novo. De -272 a -240: Alexandre II (-295 - -242), fillo de Pirro I e Antígona de Exipto. De -240 a -236: Pirro II (-275 - -234), fillo de Alexandre e da súa irmá e esposa Olimpia (-296 - -234). De -236 a -234: Tolomeo (-272 - -234), irmán do anterior.

Categoría:Homes na mitoloxía grega