A Semana Santa de Viveiro é unha celebración católica que ten lugar de xeito anual, na cidade galega de Viveiro. É unha das celebracións relixiosas máis antigas de Galicia, que se vén realizando de modo ininterrompido dende o século XIII. Nesta conmemórase a paixón, morte e resurrección de Xesús de Nazaret a través dos diferentes actos, celebracións e procesións que realizan as confrarías. Ademais do seu carácter relixioso, a Semana Santa de Viveiro é tamén considerada coma un acontecemento cultural, popular e de atracción turística.

A Semana Santa de Viveiro é un dos principais reclamos turísticos da localidade conseguindo ano a ano atraer a miles de visitantes que chegan chamados polo carácter único destas celebracións. Como reflexo da súa importancia, a celebración da Semana Santa de Viveiro alcanzou a declaración de Interese Turístico Internacional, recoñecemento que logrou no ano 2013. Esta Semana Santa destaca polo gran valor artístico da imaxinería e ourivaría, ademais de ter un carácter xeralmente sobrio e austero, que fai que se asemelle máis á Semana Santa castelá, en comparación con exemplos quizais máis soados como a Semana Santa andaluza.

Os actos centrais da Semana Santa de Viveiro dan comezo o Venres de Dores e a súa celebración prolóngase durante máis dunha semana, finalizando o Domingo de Resurrección. Nela participan un total de oito Confrarías e Irmandades que compoñen a Xunta de Confrarías, encargada de coordinar os diferentes actos e desfiles procesionais que representan a Paixón de Cristo.

Historia e características esquerda|miniatura|Portada da tradución do Itinerarium ad Loca Sancta da peregrina galaica Exeria ao inglés (The Pilgrimage of Etheria) publicada en 1919.

Os inicios da Semana Santa en Viveiro As primeiras referencias da celebración da Semana Santa en Galicia proveñen dun códice do século XI, que atopou Gian Francesco Gamurrini no ano 1884, dentro da Biblioteca da Confraría de Santa María de Laicos (Biblioteca Della Confraternitá dei Laici) en Arezzo, Italia.

É un códice coñecido como Itinerarium ad Loca Sancta o Itinerarium Egeriae, no que se recollen as memorias da peregrina galaica Exeria. Sábese que visitou Terra Santa, entre os anos 381 e 384. Nestas memorias, narra as cerimonias e cultos que presenciou nos templos e rúas de Xerusalén, dos cales di que eran semellantes aos de Gallaecia. O historiador e membro da Real Academia Galega, Juan Donapetry, afirma que ao seren Viveiro unha das poboacións máis antigas de Galicia, xa dispoñía de celebracións de Semana Santa, aínda que non existe documentación que aboe devandita existencia.

As primeiras referencias documentadas sobre a Semana Santa de Viveiro remóntanse ao século XIII, coa fundación das súas confrarías máis antigas, entre os anos 1214 e 1219. No Convento de San Francisco, constituíronse as confrarías unidas da Purísima Concepción e da Vera Cruz, que comezaron a realizar diversas actividades da Semana Santa. Estas dúas confrarías encargábanse de que se oficiasen varios cultos, así como dous procesións, unha o Domingo de Ramos e outra o Xoves Santo. Neste século, tamén foi creada a Venerable Orde Terceira Franciscana, cuxa orixe tamén vai ligada coa fundación do Convento, sendo constituída por segrares.

Anos máis tarde, no século XIV, naceu o desaparecido Convento de San Domingos da localidade da Confraría da Nosa Señora do Rosario ou dos nobres. Este sobrenome viña dado porque dela formaban parte as principais liñaxes nobiliarias da vila de Viveiro. Esta irmandade celebraba, as funcións do Domingo de Ramos, con procesión arredor da igrexa. O Venres Santo realizaban o descendemento de Xesús da cruz, así como a procesión do Santo Enterro.

Do século XV ao século XVIII miniatura|Igrexa de San Francisco a comezos do século XX. miniatura|Igrexa de Santa María do Campo a comezos do século XX. As confrarías da Purísima Concepción e da Vera Cruz alcanzaron o seu máximo esplendor no século XV e século XVI. Porén, durante a Contrarreforma, tiveron lugar diversas accións para reducir as escenificacións públicas da Semana Santa, co fin de opoñerse ao avance do Protestantismo en Europa. A popularidade existente entre os devotos, levou ao Bispo de Mondoñedo frei Antonio de Guevara, á prohibición da que el denominaba «representacións» e «farsas do mundo», dando en cambio a súa aprobación para realizar a Procesión da Vera Cruz.

Con todo, ao longo do século XVII as confrarías da Purísima Concepción e da Vera Cruz comezaron a apagarse, e a comezos do século XVIII remataron por desaparecer. O 6 de febreiro de 1728, o pai gardián do Convento de San Francisco, Frade Francisco Bonilla, expediu un certificado para constar devandita extinción. O que naquel momento era Bispo de Mondoñedo, Juan Muñoz Salcedo, asinou un decreto o mes seguinte, polo que concedía á Venerable Orde Terceira Franciscana todos os efectos de devanditas confrarías, coa obriga de cumprir cos actos e celebracións que estas deixaran.

Século XIX O inicio do século XIX tamén vén marcado pola ocupación da Península Ibérica por parte de Napoleón Bonaparte durante a Guerra de Independencia Española. A cidade de Viveiro non se viu libre desta invasión. Na mañá do 28 de xaneiro de 1809 chegaron 74 «dragóns», procedentes de Mondoñedo. O 2 de febreiro de 1809 foron reforzados por 400 voltigeurs, que ocuparon o Convento de San Francisco. Nesta guerra, ten lugar o feito recollido pola tradición popular, xa que o xeneral Treni, decidiu mostrar misericordia e non fusilar aos devotos dun Ecce-Homo que se encontraba en devandito convento, permutando a pena capital polo saqueo da cidade. Ese Ecce-Homo, coñécese desde aquel feito como o «Ecce-Homo dos Franceses», que sae en procesión o Domingo de Ramos.

Despois da guerra napoleónica, e nun século de enormes cambios na historia de España como foi o século XIX, continuou a celebración da Semana Santa. Aínda que esta non estaría exenta de problemas, xa que se vería afectada por eventos como os procesos de Desamortización. No ano 1840, demoleuse a Igrexa parroquial de Santiago, cuxa parroquia se trasladaría á Igrexa de San Francisco. No ano 1851, foi demolido o Convento de Santo Domingo, pasando a Confraría do Rosario á Capela das Dores, situada na igrexa parroquial de Santa María do Campo.

O importante esforzo da Terceira Orde Franciscana e da Confraría do Rosario por conservar estes actos, fixo que se puidese seguir celebrando a Semana Santa ata finais de século. Con todo, na última década do século XIX, houbo unha importante crise, debido ao litixio persoal que existía entre o sacerdote da parroquia de Santiago en San Francisco, Manuel Rouco, e o Irmán Ministro da Venerable Orde Terceira Franciscana, Robustiano Iglesias. A disputa levou a que se suspendesen algúns cultos e procesións da Terceira Orde, ou que non se contase co clero para os mesmos. Con todo, durante esta época conserváronse os actos e procesións que organizaba a Confraría do Rosario. O litixio non chegou nunca a resolverse de forma pacífica, e so rematou tras o falecemento do párroco, no ano 1897. Non obstante, ante o acontecido, Robustiano Iglesias sería cesado do seu cargo un ano máis tarde.

Século XX miniatura|Á esquerda, Procesión de Semana Santa en 1927. Á dereita, as mesmas escalinatas en 2010.

Durante o inicio do século XX maniféstase en Viveiro unha corrente de anticlericalismo, que fai minguar o número de confrades das dúas confrarías existentes naquel momento. Nesta situación, o párroco de Santa María do Campo fai un chamamento para impulsar o rexistro de novos confrades. Estas inscricións, xunto con varias doazóns foron fundamentais para a revitalización da Semana Santa de Viveiro. Tras esta iniciativa, a Confraría do Rosario encárgalle ao mestre valenciano Jose Tena a imaxe de Cristo Xacente, así como a imaxe de San Xoán e a de María Magdalena.

Coa chegada da Segunda República Española reinou un panorama de certa tranquilidade, xa que aínda que o anticlericalismo aumentou, non houbo queimas de igrexas, ao contrario do acontecido noutras zonas de España. Durante este período celebráronse as procesións de Semana Santa con relativa normalidade, malia que no ano 1936 se intentaron prohibir as celebracións mediante a súa desautorización.

A Ilustre Confraría do Rosario e a Venerable Orde Terceira compartiron durante máis de dous séculos a organización dos desfiles procesionais da Semana Santa de Viveiro, até que, no ano 1944, marcouse un punto de inflexión na Semana Santa de Viveiro, ao incorporarse a Confraría do Santísimo Cristo da Piedade.

A chegada da Confraría da Piedade trouxo consigo aires de cambio á celebración. Durante esta época, a Semana Santa de Viveiro xa realizaba un importante esforzo publicitario, enviando carteis de anuncio por toda Galicia. No ano 1947 comezouse a publicar a primeira revista sobre a Semana Santa de Viveiro, titulada «Pregón». Esta intensa publicidade serviu para atraer non só a visitantes desde Galicia e Asturias, senón tamén para atraer xente da vila na emigración e a persoas que elixían Viveiro como destino para as súas vacacións de Semana Santa.

Da Piedade xurdiron diversas filiais. A primeira no ano 1947 coa Irmandade do Prendemento, seguida en 1951 pola Irmandade das Sete Palabras e, finalmente, en 1953, a Irmandade da Santa Cruz, estando esta última composta unicamente por mulleres.

No ano 1973 aconteceu un feito insólito na Semana Santa de Viveiro, ao producirse unha «folga de levadores». Desde mediados da década de 1950, os pasos eran portados por levadores que recibían un xornal. Pero en 1973 decidiron plantarse co fin de reclamar máis diñeiro. A protesta rematou resolvéndose do modo contrario ao que inicialmente se perseguía, xa que os xoves colleron a testemuña de levadores, pasando a realizar o traballo de modo gratuíto e voluntario.

Na década de 1980 erixiuse unha nova asociación, a Confraría do Nazareno dos de Fóra, constituída por confrades que residen fóra da cidade de Viveiro. O 25 de febreiro de 1988, Viveiro ve recompensado o seu labor de varios séculos, ao seren declarada a súa Semana Santa de Interese Turístico Nacional. Coa declaración de Interese Turístico multiplicáronse os actos de promoción, sendo habituais as retransmisións televisivas. Asemade, tamén se experimentou un crecemento no número de visitantes, así como de confrades.

Na década de 1990 decidiuse fundar a chamada «Xunta de Confrarías», co obxectivo de coordinar a organización dos actos da Semana Santa, así como promover outros actos culturais, como conferencias, exposicións, concertos e outras iniciativas.

Século XXI A celebración da Semana Santa de 2002 marcou un fito, xa que a Irmandade das Sete Palabras, decidiu que o paso co grupo escultórico do «Calvario» fose portado por vez primeira a ombreiros, por un total de cen levadores, aínda que a primeira metade da procesión se seguiría realizando sobre unha carroza, debido á estreitura do percorrido oficial pola cidade vella de Viveiro.

O martes 15 de abril de 2003 pasou á historia por ser o día en que se levaba un paso por un grupo composto unicamente por mulleres, co motivo do 50 aniversario da Irmandade da Santa Cruz.

No ano 2005 creouse unha nova procesión, a Vía Lucis ou Cristo Resucitado, que desfila na tarde do Domingo de Resurrección. A última das Confrarías en incorporarse á Semana Santa de Viveiro foi a Confraría da Misericordia, creada no ano 2006. Un grupo de estudantes universitarios, conformado por René Gómez, Ramiro Mel, Enrique Pernas e Rafael Melero fundaron a Confraría da Misericordia. Pronto atoparon apoio na xente vinculada ao mundo do mar, especialmente dos mariñeiros do Porto de Celeiro, que teñen unha gran relación coa imaxe titular da confraría, o Ecce-Homo da Misericordia. Saíu por vez primeira en procesión no ano 2007, na Procesión da Paixón do Venres Santo.