Tula Ellice Finklea, nada en Amarillo, Texas o 8 de marzo de 1922 e finada nos Ánxeles o 17 de xuño de 2008, coñecida como Cyd Charisse, foi unha bailarina e actriz estadounidense, famosa pola súa participación como bailarina nalgúns dos musicais máis exitosos e populares de Hollywood, como Singin' in the Rain ou The Band Wagon.

Traxectoria Nada en Amarillo, Texas o 8 de marzo de 1922, como Tula Ellice Finklea, pronto viuse que estaba moi dotada para o baile, polo que recibiu clases de ballet e chegou a formar parte do Ballet Ruso de Sergei Diagilev, con pseudónimos como Felia Sidorova e María Istomina.

Posteriormente decidiu tentar traballar como actriz na industria cinematográfica, e para iso elixiu cambiar o seu nome a Cyd, a partir do apelativo co que a chamaba o seu irmán: Syd (do inglés sister). Cando en 1939 (con 18 anos) casou co seu profesor de baile Nico Charisse, decidiu adoptar o seu apelido tamén no nome profesional.

En 1948 volveu casar co actor e cantante Tony Martin, co que mantivo sesenta anos de matrimonio, até o seu falecemento. Tivo dous fillos: Nick Charisse, do seu primeiro matrimonio, e Tony Martin Jr. do segundo. A súa sobriña foi a actriz Nana Visitor, e Liv Lindeland, playmate da revista Playboy en 1971, foi a súa nora.

Escribiu unha autobiografía conxunta co seu marido, titulada The two of us (Nós os dous), e en 2001 entrou a formar parte do Libro Guinness dos Récords na categoría de «Pernas máis valiosas», dado que en 1952 asinou un seguro por valor de 5 millóns de dólares para protexelas, superando así o récord da súa antecesora, Betty Grable.

Carreira profesional Charisse actuou en varios dúos con famosos bailaríns como Fred Astaire ou Gene Kelly. A súa obra inclúe dúas das secuencias máis aclamadas da historia dos musicais: o ballet de "Broadway Melody" en Singin' in the Rain e o "Girl Hunt Ballet" en The Band Wagon. A voz de Charisse era normalmente dobrada nas cancións das súas películas, xeralmente pola cantante India Adams.

O seu debut en Hollywood foi en Something to shout about, de 1943, tras o cal pasou un tempo facendo pequenos papeis secundarios en películas como Mission To Moscow (1943), The Harvey Girls (1946), Ziegfeld Follies (1946), ou On an Island with You (1948).

Nos anos 50 a súa carreira deu un importante xiro cando asinou un contrato co Metro-Goldwyn-Mayer e comezou a ter papeis máis importantes en películas de diversos xéneros, aínda que principalmente musicais. Nesa época participou en Singin' in the Rain, The Band Wagon, Brigadoon, It's Always Fair Weather ou Silk Stockings. Pasada a época dourada dos musicais, as aparicións de Cyd Charisse en pantalla diminuíron. Nos anos 60 gravou varias películas, entre as que destaca Two Weeks in Another Town e Something's Got to Give, onde compartía créditos con Marilyn Monroe e Dean Martin. Esta quedou inconclusa polo deceso de Monroe. En 1967 retirouse do cine, salvo por esporádicas aparicións en películas como Warlords of Atlantis, de ciencia ficción.

Máis adiante apareceu en vídeos musicais, por exemplo I Want To Be Your Property de Blue Mercedes ou Alright de Janet Jackson; neste último daba uns pasos de baile. En 1990 gravou un vídeo de fitness para persoas de avanzada idade (ela tiña 69 anos nese momento), titulado Easy Energy Shape Up (que se pode traducir aproximadamente como Posta a punto de baixa intensidade). Ademais, apareceu en documentais que retratan a época dourada dos estudos de Hollywood.

Morte Charisse, unha artista voluptuosa e atlética, cunha espléndida figura até idade avanzada, ingresou no Cedars-Sinai Medical Center nos Ánxeles o 16 de xuño de 2008 despois de sufrir un aparente ataque cardíaco. Morreu na mañá seguinte á idade de 86 anos.

Filmografía Ziegfeld Follies, 1946 The Harvey girls, 1946 Till the Clouds Roll By, 1946 The Wild North, 1952 Singin' in the Rain, 1952 The Band Wagon, 1953 Brigadoon, 1954 Meet Me in Las Vegas, 1956 Silk Stockings, 1957 Twilight for the Gods, 1958 Something's Got to Give, 1962 (filme inacabado pola morte de Marilyn Monroe) Two Weeks in Another Town, 1962 The Silencers, 1966 Warlords of Atlantis, 1978

Véxase tamén

Ligazóns externas Cyd Charisse en El Criticón. Cyd Charisse, a actriz e bailarina que marcou unha época no cine de EEUU

Categoría:Nados en 1921 Categoría:Nados en Amarillo, Texas Categoría:Actores de Texas Categoría:Actores de televisión dos Estados Unidos de América Categoría:Paseo da Fama de Hollywood Categoría:Finados en 2008