Ezetaerre é un grupo de hip hop galego formado na Coruña no 2015.
Traxectoria A traxectoria do grupo comezou en xuño de 2015, cando os tres integrantes fixeron unha canción satírica contra a fusión de dúas facultades na Universidade da Coruña. O nome da banda vén das iniciais de "El zulo rojo", xa que así era como lle chamaban ao piso no que vivían, daquela, dous dos integrantes. A finais dese mesmo ano, publicaron Berros do mar, tema que se integrou posteriormente na maqueta do grupo, publicada en marzo de 2016 e composta por 10 temas.
En maio de 2016, gañaron o III Premio Revenidas de Música Emerxente, que lles deu a oportunidade de actuar en directo na edición dese ano do Festival Revenidas (Vilaxoán). En xullo do mesmo ano, o grupo publicou A herdanza do vento, con Iago Pico na produción e Néboa Films na realización do videoclip. Foi o primeiro traballo do grupo da man do selo independente Santa Guerrilla .
En febreiro de 2017, o grupo editou o seu primeiro traballo de estudo, Aspiracións mínimas e urxentes, un LP de 8 temas producido por Iago Pico en Pousada Son Studios. O día do lanzamento do disco, a banda publicou na súa canle de YouTube un videoclip por cada tema do disco, sendo a primeira banda galega en sacar 8 videoclips nun mesmo día. En novembro dese ano, e como homenaxe ao centésimo aniversario da Revolución Rusa, a banda editou o seu EP 100. Este álbum, composto por 3 temas, contou coa produción de Iago Pico e a colaboración dos grupos Satxa e Banda Bassotti.
En novembro de 2018, publicouse o seu segundo disco, titulado Pólvora e tormenta, da man do selo New Beats. Este disco, no que fan paralelismos coa Gran Depresión e o Dust Bowl que asolaron os Estados Unidos de América na década de 1930, consta de 11 temas e contou con numerosas colaboracións, entre elas as de High Paw, ZOO ou La Pegatina.
No 2020, a banda anunciou un parón indefinido nas súas redes sociais, a consecuencia da pandemia da COVID-19. Porén, a banda colaborou nese ano e no 2021 con outras bandas galegas, como SonDaRúa, TIAM Gz, Pants Off ou Dakidarría.
Membros Miguel García (Garchu): MC Juan Pirola (Pirola): MC Pedro Iglesias (Petrowski): MC, beatmaker
Discografía Álbums Aspiracións mínimas e urxentes (Santa Guerrilla, 2017) Pólvora e tormenta (New Beats, 2018)
EPs 100 (Santa Guerrilla, 2017)
Sinxelos A herdanza do vento (Santa Guerrilla, 2016) Non é verán de Estrella Damm (Santa Guerrilla, 2017) Esmorga Inferno (Santa Guerrilla, 2018) A insurxencia por vir (New Beats, 2019)
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Web oficial Canle de YouTube do grupo
Categoría:Grupos musicais da Coruña Categoría:Grupos musicais formados en 2015 Categoría:Grupos musicais en galego Categoría:Grupos de hip hop de Galicia