Os paradiseidos (Paradisaeidae), chamados comunmente aves do paraíso, son unha familia de aves da orde Passeriformes. A maioría das especies encóntranse na illa de Nova Guinea e o leste de Australia. A familia ten 42 especies en 15 xéneros.Gill, F & D Donsker (Eds). 2012. IOC World Bird Names (v 3.2). Available at http://www.worldbirdnames.org [Accessed 13 Jan 2013]. Os membros desta familia son coñecidos principalmente pola rechamante plumaxe dos machos das especies con dimorfismo sexual, que son a maioría, en especial polas plumas longas e elaboradas que lles saen do bico, ás, cola e cabeza. A maior parte están confinadas a hábitats de selva densa. A dieta de todas as especies está baseada na froita e en menor medida nos artrópodos. As aves do paraíso teñen diversos sistemas de reprodución, desde a monogamia á poligamia de tipo lek.

Varias especies están ameazadas pola caza ou a perda de hábitat.

Taxonomía e sistemática

Durante moito tempo as aves do paraíso foron consideradas estreitamente relacionadas cos Ptilonorhynchidae. Hoxe, aínda que ambos os grupos son tratados como parte da liñaxe australiana dos córvidos, crese que os dous grupos están só distantemente emparentados. Os parentes evolutivos máis próximos das aves do paraíso son os córvidos, os monárquidos e os estrutideidos australianos.

Un estudo de 2009 que examinou o ADN mitocondrial de todas as especies para determinar as relacións evolutivas dentro da familia e cos seus parentes máis próximos e estimou que a familia apareceu hai 24 millóns de anos, o que é antes do que se pensaba en estimacións previas. O estudo identificou cinco clados dentro da familia, e situou a separación entre o primeiro clado, que contén os monógamos Manucodia e Lycocorax pyrrhopterus, e as outras aves do paraíso, en hai 10 millóns de anos. O segundo clado inclúe os Parotia e o Pteridophora alberti. O terceiro clado provisionalmente contén varios xéneros: Seleucidis, Drepanornis, Semioptera, Ptiloris e Lophorina, pero os valores que apoian estas inclusións son baixos. O cuarto clado comprende Epimachus, Paradigalla e os Astrapias. O clado final inclúe Cicinnurus e os Paradisaea.

Os límites exactos da familia revisáronse tamén. As tres especies de Cnemophilus e Loboparadisea foran tratados anteriormente como unha subfamilia de aves do paraíso, que se chamou Cnemophilinae. A pesar das diferenzas na boca, morfoloxía do pé e hábitos de nidificación permaneceron na familia ata que un estudo feito en 2000 os pasou a unha familia separada máis próxima aos Melanocharitidae. O mesmo estudo encontrou que os Macgregoria pulchra pertencían en realidade á gran familia de Australasia dos Meliphagidae. Ademais destas tres especies, varias especies e xéneros de sistemática enigmática foron consideradas membros potenciais desta familia. As dúas especies do xénero Melampitta, tamén de Nova Guinea, foron ligadas coas aves do paraíso,Sibley, . & Ahlquist, J. (1987). "The Lesser Melampitta is a Bird of Paradise" Emu 87: 66–68 pero as súas relacións seguen sendo pouco claras, e máis recentemente foron asociadas cos Struthideidae australianos. O Lamprolia victoriae de Fiji foi asociado coas aves do paraíso moitas veces desde o seu descubrimento, pero nunca foi formalmente asignado á familia. Recentes probas moleculares fixeron que agora se sitúe a especie cos Rhipidura.

Especies

Xénero: Lycocorax Lycocorax pyrrhopterus

Xénero: Manucodia Manucodia ater Manucodia jobiensis Manucodia chalybatus Manucodia comrii

Xénero: Phonygammus Phonygammus keraudrenii

Xénero: Paradigalla Paradigalla carunculata Paradigalla brevicauda

Xénero: Astrapia Astrapia nigra Astrapia splendidissima Astrapia mayeri Astrapia stephaniae Astrapia rothschildi

Xénero: Parotia Parotia sefilata Parotia carolae Parotia berlepschi Parotia lawesii Parotia helenae Parotia wahnesi

Xénero: Pteridophora Pteridophora alberti

Xénero: Lophorina Lophorina superba

Xénero: Ptiloris Subxénero: Craspedophora Ptiloris magnificus Subxénero: Ptiloris Ptiloris intercedens Ptiloris paradiseus Ptiloris victoriae

Xénero: Epimachus Epimachus fastuosus Epimachus meyeri

Xénero: Drepanornis Drepanornis albertisi Drepanornis bruijnii

Xénero: Cicinnurus Subxénero: Diphyllodes Cicinnurus magnificus Cicinnurus respublica Subxénero: Cicinnurus Cicinnurus regius

Xénero: Semioptera Semioptera wallacii

Xénero: Seleucidis Seleucidis melanoleucus

Xénero: Paradisaea Subxénero: Paradisaea Paradisaea minor Paradisaea apoda Paradisaea raggiana Paradisaea decora Paradisaea rubra Paradisaea guilielmi Subxénero: Paradisornis Paradisaea rudolphi

Híbridos Poden orixinarse híbridos de aves do paraíso cando individuos de diferentes especies de aspecto similar teñen áreas de distribución que se solapan, e as especies confúndense e cren que son da mesma especie e crúzanse.

Cando Erwin Stresemann se decatou de que a hibridación entre aves do paraíso podería ser unha explicación de por que moitas das especies descritas eran tan raras, examinou moitos espécimes controvertidos e, durante as décadas de 1920 e 1930, publicou varios traballos sobre esta hipótese. Moitas destas especies descritas a finais do século XIX e inicios do XX son agora xeralmente consideradas híbridos, aínda que algunhas seguen discutíndose; non é probable que se establezan definitivamente os seus status sen un exame xenético dos espécimes conservados en museos.

Descrición miniatura|esquerda|As aves do paraíso como este Epimachus meyeri teñen bicos curvados As aves do paraíso están estreitamente relacionadas cos córvidos. O seu tamaño vai desde os 15 cm e 50 g do Cicinnurus regius aos 44 cm e 430 g do Manucodia comrii. O macho do Epimachus fastosus, coa súa longa cola, é a especie máis longa, cunha lonxitude de 110 cm. Na maioría das especies, as colas dos machos son máis longas e largas que as das femias, e as diferenzas van desde escasas a moi grandes. As ás son arredondadas e nalgunhas especies están modificadas estruturalmente nos machos para produciren sons. Na forma do bico hai unha considerable variación na familia, xa que estes poden ser curvos e longos, como nos Drepanornis e Epimachus e nos Ptiloris, ou pequenos e finos como nos Astrapia. Igual que o tamaño corporal, o tamaño do bico varía entre os sexos, aínda que son máis comúns as especies nas que as femias teñen bicos máis grandes que os machos, especialmente nas especies insectívoras.

A variación na plumaxe entre os sexos está moi relacionada co sistema de reprodución. Os Manucodia e Lycocorax pyrrhopterus, que son socialmente monógamos, son sexualmente monomórficos. Son tamén monomórficas as dúas especies de Paradigalla, que son polígamas. Todas estas especies teñen xeralmente unha plumaxe negra con iridescencia verde e azul en diversas proporcións. A plumaxe das femias das especies dimórficas é tipicamente verdosa para confundirse co seu hábitat, a diferenza das rechamantes cores que presenta a dos machos. Os machos máis novos destas especies teñen plumaxe similar á das femias, e tardan moito en chegar á madurez sexual, de modo que non adquiren a plumaxe adulta ata os sete anos. Isto permite que os machos máis novos se protexan dos depredadores coas súas cores máis apagadas, e tamén que reduzan a hostilidade por parte dos machos adultos.

Hábitat e distribución O centro da diversidade das aves do paraíso é a grande illa de Nova Guinea e todos os xéneros menos dous se atopan en Nova Guinea. Estes dous son os xéneros monotípicos Lycocorax e Semioptera, ambos endémicos das illas Molucas, situadas en Indonesia ao oeste de Nova Guinea. Das especies do xénero Ptiloris, dúas son endémicas dos bosques costeiros do leste de Australia, unha vive tanto en Australia coma en Nova Guinea, e unha só se encontra en Nova Guinea. O xénero restante cunha especie fóra de Nova Guinea é Manucodia, un representante do cal se encontra no extremo norte de Queensland, Australia. As restantes especies están restrinxidas a Nova Guinea e algunhas das illas que a rodean. Moitas especies teñen áreas de distribución moi restrinxidas, especialmente varias especies cun tipo de hábitat restrinxido como os bosques de media montaña (como o Epimachus fastosus) ou endémicos de illas (como o Cicinnurus respublica).

A maioría das aves do paraíso viven en bosques tropicais, como selvas, pantanos, e bosques nubrados, e case todos son habitantes solitarios das árbores.Honolulu Zoo , Birds of Paradise, Accessed Feb 3, 2011 Varias especies viven en mangleirais costeiros. A especie que vive máis ao sur é o Ptiloris paradiseus de Australia, que vive en bosques húmidos subtropicais e temperados. Os do grupo dos Manucodia son os máis plásticos en canto aos seus requirimentos de hábitats, en especial o Manucodia ater, que habita en bosques e sabanas abertas con árbores e arbustos. Os hábitats de media montaña son os máis ocupados por estas aves, e trinta das corenta especies viven na faixa altitudinal entre os 1.000 e 2.000 m de altura.

Comportamento e ecoloxía

Dieta e alimentación miniatura|dereita|As froitas do xénero Schefflera son unha importante parte da dieta do Astrapia mayeri. A dieta das aves do paraíso é fundamentalmente froitas e artrópodos, aínda que poden comer tamén pequenas cantidades de néctar e pequenos vertebrados. A proporción dos dous tipos principais de alimentos varía coa especie, e nalgunhas especies predomina a froita, mentres que os artrópodos predominan noutras. A proporción dos dous afecta a outros aspectos do comportamento da especie, por exemplo as especies fruxívoras tenden a alimentarse nas copas das árbores, mentres que os insectívoros poden alimentarse en zonas a media altura das árbores. As fruxívoras son máis sociais que as insectívoras, que son máis solitarias e territoriais.

Incluso as aves do paraíso que comen principalmente insectos comen tamén grandes cantidades de froita; e a familia é en conxunto unha importante dispersiva de sementes nos bosques de Nova Guinea, xa que non dixiren as sementes. As especies que se alimentan de froitas cobren unha ampla área buscando froitos e mentres o fan xúntanse con outras especies comedoras de froita nas árbores que dan froitos, pero non se asocian con elas e non permanecen xunto a outras especies durante moito tempo. Comen as froitas mentres están pousadas sobre as árbores, non ao voo desde o aire, e poden usar os pés como ferramentas para manipular e soster a súa comida, o que lles permite extraer certos froitos capsulares. Hai certa diferenciación de nichos na elección das froitas polas especies e unha determinada especie só consome unha limitada cantidade de tipos de froitos en comparación coa gran variedade da que dispoñen. Por exemplo, o Phonygammus keraudrenii e o Manucodia chalybatus comen principalmente figos, mentres que o Parotia lawesii prefire principalmente bagas e o Lophorina superba e o Paradisaea raggiana comen maiormente froitos encapsulados.

Reprodución A maioría das especies teñen elaborados rituais de apareamento, e as especdies de Paradisaea utilizan un sistema de tipo lek. Outros, como as especies de Cicinnurus e Parotia, teñen danzas de apareamento moi ritualizadas. Os machos son polígamos nas especies sexualmente dimórficas, pero son monógamos en polo menos algunhas das especies monomórficas. A hibridación é frecuente nestes paxaros, o que suxire que as especies polígamas de aves do paraíso están moi estreitamente relacionadas malia pertenceren a distintos xéneros. Describíronse moitos híbridos como novas especies, algunhas das cales son discutidas.