Nadezhda Konstantínovna Krúpskaia (en ruso: Наде́жда Константи́новна Кру́пская), nada en San Petersburgo o e finada en Moscova o 27 de febreiro de 1939, máis coñecida como Nadia Krúpskaia, foi unha escritora, pedagoga e revolucionaria rusa, recoñecida figura do Partido Comunista da Unión Soviética. Foi unha das principais responsables da creación do sistema educativo soviético e pioneira do desenvolvemento das bibliotecas rusas. O seu esposo foi o revolucionario bolxevique Vladimir Ilich Ulianov, coñecido como Lenin.

Nada en San Petersburgo no seo dunha familia nobre empobrecida, a súa nai era institutriz e o seu pai, oficial do Exército con inclinacións políticas radicais. Malia a penuria económica que sufriu a familia ao falecer o seu pai en 1883, logrou completar a súa educación nun prestixioso ximnasio feminino da capital rusa. Permaneceu como profesora nesta institución ata 1891. Convertida ao marxismo a comezos da década, ingresou no Grupo para a Loita pola Emancipación da Clase Obreira, onde coñeceu a Lenin en 1894. Detida en agosto de 1896 como outros membros deste, en 1897 aceptou cumprir a súa condena de exilio interior xunto a Lenin en Siberia, para o que tivo que casar con el por imposición das autoridades rusas. En abril de 1898, partiu a Siberia, onde se converteu en esposa e colaboradora de Lenin.

Máis tarde pasou ao exilio en Europa occidental e converteuse en secretaria da publicación socialista Iskra e logo na do comité central do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia. No exilio escribiu algunhas obras sobre educación.

Trala Revolución de Outubro, obtivo importantes cargos no Ministerio de Educación, presidido por Anatoli Lunacharski. A partir de maio de 1922, con Lenin doente, reduciu o seu traballo no ministerio para atendelo. Parte da oposición política a Stalin a mediados da década, finalmente uniuse a el na campaña contra a oposición interna do partido. Mantívose como vicecomisaria de Educación entre 1919 e 1939 e como membro do comité central do partido entre 1927 e 1939, ano no que faleceu.

Traxectoria Orixe e infancia Naceu no seo dunha empobrecida familia da pequena nobreza Krupski, o en San Petersburgo. Era a filla única dun radical, Konstantin Ignatievich Krupski e da súa esposa, Elizaveta Vasilevna Tristova, muller emancipada. O seu pai, orixinario de Kazán, quedara orfo moi novo, con apenas nove anos, e o Estado encargouse da súa educación, enviándoo a unha escola militar da capital rusa. Tras graduarse como cadete, destináraselle en Polonia, onde participou no esmagamento do Levantamento de Xaneiro de 1863. A continuación mandóuselle a estudar dereito á Academia Xurídico-Militar da capital; na urbe contraeu matrimonio e tivo a Nadezhda —en ruso, «Esperanza»— en 1869. Tras graduarse na academia, ingresou na Administración do Estado e encomendóuselle a dun distrito do Tsarato de Polonia, Grojec. As autoridades tsaristas desgustaranse polas medidas progresistas que aplicou e levárono a xuízo en 1874. Condenado, foi expulsado da Administración Pública e, aínda que a apelación de 1880 anulou a sentenza, nunca recuperou o seu antigo posto. A expulsión da carreira administrativa sumiu a familia na penuria económica. En 1883, cando Krupskaia apenas contaba con catorce anos, Konstantin Ignatievich faleceu de tuberculose. Elizaveta Vasilevna, nada en 1841, había ter unha mocidade similar á do seu marido: membro tamén da nobreza sen terra, quedara orfa de nai aos tres anos e de pai aos nove. Recolleita xunto coa súa irmá máis vella —era a menor de nove irmáns— no Instituto Pavloski, unha moderna institución de ensino para raparigas nobres en situación de estreiteza económica, en 1858 graduouse como institutriz. Casada con Konstantin Ignatievich tras case unha década de traballar para distintas familiar podentes, compartía co seu marido o rexeitamento á autocracia imperial, aínda que nunca pertenceu a círculos revolucionarios e era unha ortodoxa devota. Krupskaia en 1876, con sete anos. Tras uns primeiros anos de vida acomodada, a expulsión do seu pai da Administración Pública deu comezo a outros de continuos traslados familiares en busca de traballo.|miniatura|right

Logo da condena de Konstantin Ignatievich en 1874, Krupskaia quedou a cargo da súa nai, que se puxo a traballar como institutriz, mentres aquel buscaba traballo pola súa conta. Elizaveta Vasilevna encargouse así mesmo da educación da nena. A expulsión de Konstantin Ignatievich da Administración pública cambiou radicalmente a infancia de Krupskaia: de vivir nunha contorna acomodada de clase media-alta pasou a partir de 1874 a unha situación de inseguridade económica e continuos traslados debidos á procura de traballo do seu pai. Durante os cinco anos seguintes, apenas acudiu á escola e foi unha nena solitaria, sumida a miúdo na lectura. Con once anos, coñeceu a unha moza mestra de dezaoito con inclinacións revolucionarias e que inspiraba gran respecto aos campesiños da zona: para Krupskaia converteuse nun modelo a seguir.

Mocidade e primeiras actividades subversivas A finais de 1880, a familia instalouse finalmente en San Petersburgo e en setembro do ano seguinte Krupskaia ingresou nun ximnasio feminino, o Ximnasio Príncipe A. A. Obolenski, no que o ambiente favoreceu o desenvolvemento das súas aptitudes, ao contrario que nos dous anteriores, que abandonara pronto. Estudou no ximnasio, con notas excelentes, ata 1887 e logo permaneceu nel ata 1891 como profesora suplente. Realizou ademais o ano opcional que a capacitaba como mestra.

A morte do pai en 1883 fixo que Krupskaia e a súa nai tivesen que dedicarse a impartir clases particulares e realizar algún traballo de oficina para gañarse o sustento, pero entre as dúas conseguían suficientes ingresos para levar unha vida relativamente acomodada de clase media, que gozaron durante unha década. Entre os catorce e os vinte anos, sentiuse parcialmente atraída —como unha sección considerable da súa xeración e clase social— polo movemento tolstoiano, especialmente polo seu rexeitamento á riqueza, pietismo relixioso e o seu ascetismo, que Krupskaia adoptou, aínda que non polo pacifismo, a hostilidade á tecnoloxía ou á emancipación da muller, que Tolstoi rexeitaba.

No outono de 1889, ingresou nos cursos de Bestuzhev da capital, os primeiros que permitían ás mulleres rusas obter formación de grao universitario, matriculándose en física e matemáticas, á vez que asistía tamén a conferencias de historia. Desilusionada polo teórico das materias malia a excelencia do ensino, abandonou as clases a comezos do ano seguinte. Ingresou entón nos círculos revolucionarios de intelectuais que estaban rexurdindo na capital trala represión policial da década anterior. Estas agrupacións, formadas por intelectuais de orixes e formación moi similar aos da propia Krupskaia, dedicábanse ao estudo e debate de cuestións políticas e económicas, aínda que a miúdo non pertencían a unha ideoloxía particular, aínda que adoitaban ser reformistas. left|miniatura|Ficha policial de Lenin creada trala súa detención a finais de 1895. Krupskaia coñeceuno en febreiro de 1894, pero a relación entre os dous tardou en fraguar e só casaron logo da condena a exilio interior de ambos en 1898.

O verán de 1890, retirouse como tiña costume ao campo próximo á capital, esta vez cargada de obras socialistas, tanto populistas como marxistas, para completar a súa educación revolucionaria. Por última vez, participou nalgunhas tarefas campesiñas cos habitantes do lugar, influenciada aínda polas ensinanzas de Tolstoi. Ao seu regreso a San Petersburgo no outono, ingresou nun círculo marxista e continuou lendo obras marxistas, de Friedrich Engels, pero na primavera seguinte abandonou definitivamente todo esforzo de embeberse na teoría marxista, a miúdo complexa. Pasou por diversas agrupacións socialistas máis tratando de atopar unha actividade revolucionaria que a satisfixese ata que, grazas a unha amiga, ingresou o 29 de agosto de 1891 nas escolas dominicais para adultos, creadas a década anterior por algúns empresarios liberais para que os obreiros que o desexasen puidesen adquirir unha educación elemental as tardes dos domingos e outros días trala xornada laboral. Krupskaia pasou os cinco anos seguintes, ata 1896, dedicada intensamente a este labor educativo, ao que se dedicaba tres días á semana —dúas noites e a tarde do domingo. Grazas á connivencia do empresario local, que toleraba a axitación entre os obreiros, o persoal da escola dominical estaba cheo de mestres populistas, liberais, tolstoianos e, máis adiante, marxistas.

En febreiro de 1894, coñeceu o seu futuro marido, Vladimir Ilich Ulianov —Lenin—, chegado da rexión do Volga, con quen casou tardiamente, catro anos máis tarde. No outono de 1895, tras doce anos de traballar como profesora particular, decidiu cambiar de emprego e fíxose copista do departamento de contabilidade da administración estatal de ferrocarrís. Sen deixar as clases para adultos, que seguía impartindo tres veces por semana, o novo traballo era menos absorbente e deixáballe máis tempo para a actividade revolucionaria.

Ao mesmo tempo, o círculo marxista ao que pertencía decidiu converterse nunha organización máis estruturada e fomentar a axitación entre os obreiros da capital, animando á folga. Dezasete dos membros do círculo formaron o Grupo para a Loita pola Emancipación da Clase Obreira, encabezado informalmente por Lenin e Mártov. Krupskaia foi un dos catro membros encargados da axitación no distrito obreiro de Neva en San Petersburgo, co que estaba moito máis familiarizada que moitos dos seus correlixionarios, todos eles intelectuais. Entre as súas tarefas atopábanse as de solicitar información sobre as condicións nas fábricas que logo se puidese empregar nos volantes do grupo e facilitar o contacto cos traballadores, a miúdo contrarios a tratar cos intelectuais.

Detención miniatura|right|Retrato policial de Krupskaia, tomada trala súa detención en 1896 como membro do Grupo para a Loita pola Emancipación da Clase Obreira. Aínda que o dentista confidente da policía que denunciara á maioría do Grupo para a Loita pola Emancipación da Clase Obreira non identificara a Krupskaia como membro deste, outro axente da policía, que se facía pasar por artesán nun taller metalúrxico, acabou por denunciala por aceptar enviarlle un intelectual socialista para que dirixise un círculo clandestino de estudo para obreiros. A policía detívoa o 12 de agosto de 1896. Malia a delación doutro membro da organización, púxoa en liberdade o 10 de outubro, pero volveuna a apresar case de inmediato, o 28 do mesmo mes, despois de que apoiase unha folga obreira en Kostroma. Tratou en balde de negar a súa pertenza á organización subversiva, pero o testemuño de dous obreiros que asistiran ás súas clases reforzou as sospeitas da policía. Así, mantivérona en prisión provisional malia a súa mala saúde —sufría dunha enfermidade de tiroide que, entre outros síntomas, dáballe aos seus ollos aspecto de saltóns— ata o 12 de marzo de 1897 cando, tralo suicidio doutra presa que se prendeu lume, as autoridades decidiron poñer en liberdade con cargos ás arrestadas que se achaban enfermas.