Aletta Henriëtte Jacobs, nada o 9 de febreiro de 1854 en Sappemeer e finada o 10 de agosto de 1929, foi unha doutora neerlandesa e activista a prol do dereito das mulleres ao voto. Nacida na aldea de Sappemeer (Holanda), contribuíu a avances en diversos campos como a medicina, o sufraxio das mulleres e a loita polas clases máis desfavorecidas. Ademais dos logros acadados na súa traxectoria, está considerada a primeira muller que cursou estudos universitarios en Holanda, e a primeira muller en obter o título de doutora en medicina nos Países Baixos.
Primeiros anos e formación Aletta Jacobs naceu o 9 de febreiro de1854, filla de Abraham Jacobs e Anna de Jongh, a oitava de doce irmáns. O seu pai, un médico rural xudeu, espertaría nela o interese polo eido da medicina. Xa dende nena, adoitaba acompañar ao seu pai nas súas visitas médicas, e velo exercer a práctica médica influiría na súa vocación de converterse en doutora.
Malia que o seu soño era converterse en médico coma o seu pai, o acceso á educación para as mulleres no século XIX nos Países Baixos non era tarefa doada. Jacobs finalizou os estudos primarios en 1867, mais naquela época non se permitía ás mulleres matricularse no instituto. Isto non foi obstáculo para Jacobs, que continuou coa súa formación e aprobou en 1870 o exame de axudante de farmacia. O recoñecemento que acadou animouna a escribir ao primeiro ministro dos Países Baixos, o liberal J.R. Thorbecke, solicitando autorización para acceder á universidade. O 28 de abril de 1871, Thorbecke respondeu cunha carta dirixida ao seu pai, Abraham Jacobs, onde comunicaba o permiso para que a Aletta se matriculara na Universidade de Groningen. O 8 de marzo de 1879, Jacobs graduouse na universidade, converténdose así na primeira muller en obter o título de medicina na historia dos Países Baixos.
Traxectoria profesional Despois de se graduar, Jacobs mudouse a Londres, onde entraría en contacto con moitas feministas e activistas a prol do sufraxio universal e os dereitos reprodutivos. Na capital británica recibiría a influencia de novas ideas, entre as que cómpre destacar o uso de anticonceptivos para mulleres coa fin de previr embarazos non desexados. Posteriormente, trasladouse a Ámsterdam onde estableceu a súa propia clínica para atender ás clases desfavorecidas que non tiñan recursos para asistir a médicos convencionais. Moitas mulleres facíanlle consultas sobre métodos anticonceptivos, e Jacobs comezaría a buscar solucións, traballando co profesor e xinecólogo neerlandés W.P.J. Mensinga, que fora profesor seu, para mellorar e perfeccionar o diafragma (tamén coñecido como "pesario oclusivo" ou de Hasse-Mensinga) que este deseñara había uns anos. Aínda que a invención do diafragma se atribúe tan só a W.P.J. Mensinga, as contribucións e modificacións de Aletta Jacobs ao deseño orixinal foron fundamentais para facelo útil na práctica.
O sufraxio das mulleres, pacifismo e falecemento miniatura|261x261px|Congreso de Paz das Mulleres na Haia, 1915: Mia Boissevain, Thora Daugaard, Fanny Fern Andrews, Jane Addams, Rosa Manus, Aletta Jacobs, Chrystal Macmillan, Kathleen Courtney, Emely Arensen e Anna Kleman. Despois de asistir á reunión do Consello Internacional das Mulleres en Londres en 1899, Jacobs decidiu deixar a práctica médica e adicarse en exclusiva ao traballo activista polo sufraxio das mulleres. En 1915, após o comezo da primeira guerra mundial, Jacobs organizou un Congreso Internacional de Mulleres na Haia. Durante a guerra continuou traballando a prol do dereito das mulleres ao voto e mesmo até a súa morte continuou participando en diversas conferencias. No seu país, os Países Baixos, as mulleres conquistaron o dereito ao voto o 9 de agosto de 1919.The Women Suffrage Timeline Women [sic] Suffrage and Beyond. Aletta Jacobs faleceu en Baarn, Países Baixos, o 10 de agosto de 1929.
Legado Está incluída no Canon de historia holandesa, elaborado por un comité encabezado por Frits van Oostrom e presentado ao Ministro de Educación, Cultura e Ciencia en 2006. O Canon consta de cincuenta artigos e ten como obxectivo proporcionar un resumo cronolóxico da historia holandesa para o ensino primario e os primeiros dous anos de secundaria nos Países Baixos. A versión revisada, que segue incluíndo a Aletta Jacobs, foi presentada ao goberno holandés o 3 de outubro de 2007.
O seu arquivo persoal foi entregado en doazón ao Atria Instituto de igualdade de xénero e historia das mulleres, unha biblioteca pública e instituto de investigación de Ámsterdam.Atria.nl: The collection’s history
Obra Memories: My Life as an International Leader in Health, Suffrage, and Peace.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Alettajacobs.org Biografía Aletta Jacobs en Sunshine women As memorias de Aletta Jacobs (resumo) Filme histórico curto que mostra a Aletta Jacobs en Berlín en 1915, na súa misión de paz con Jane Addams e Alice Hamilton.
Categoría:Nados en 1854 Categoría:Finados en 1929 Categoría:Médicos dos Países Baixos Categoría:Nados en Groninga