O voo 103 de Pan Am era un voo regular transatlántico de Pan Am entre Frankfurt e Detroit, a través de Londres e Nova York. O 21 de decembro de 1988, o N739PA, o avión que operaba a parte sobre o océano da ruta, resultou esnaquizado por unha bomba, matando aos seus 243 pasaxeiros e 16 tripulantes, no que se coñeceu como o atentado de Lockerbie. Grandes seccións do avión caeron sobre zonas residenciais de Lockerbie, Escocia, matando a 11 persoas en terra.

Tras tres anos de investigación entre a policía de Dumfries e Galloway e o FBI, en novembro de 1991 emitíronse orde de arresto contra dous cidadáns libios. En 1999 o líder libio Muammar al-Gaddafi entregou aos dous homes para ser xulgados en Camp Zeist, Países Baixos, despois de prolongadas negociacións e sancións da ONU. En 2001, o axente de intelixencia libio Abdelbaset al-Megrahi foi condenado a cadea perpetua despois de ser declarado culpable por 270 cargos de asasinato en relación co atentado. En agosto de 2009 o goberno escocés liberouno por compaixón despois de que lle diagnosticasen un cancro de próstata. Morreu en maio de 2012, sendo a única persoa en ser condenada polo ataque. El sempre defendeu a súa inocencia.

En 2003 Gaddafi aceptou responsabilidades polo atentado e pagou compensación ás familias das vítimas, aínda que mantivo que nunca dera a orde do ataque. Durante a Guerra Civil de Libia en 2011, un antigo oficial do goberno afirmou que o líder po país ordenara persoalmente o atentado, aínda que posteriormente foi negado.

Avión O avión que operaba o voo 103 de Pan Am era un Boeing 747-121 con matrícula N739PA e bautizado Clipper Maid of the Seas (antes de 1979 o seu nome fora Clipper Morning Light). Foi o 15º 747 en ser construído e foi entregado en febreiro de 1970, un mes despois de que o primeiro 747 entrase en servizo con Pan Am. miniatura|250px|O avión do accidente en 1978 No momento do accidente o Clipper Maid of the Seas tiña 18 anos e acumulara unhas 75.000 horas de voo. En 1987 someteuse a unha revisión completa ao pertencer á frota da reserva civil e foi reacondicionado de xeito que, no caso dunha emerxencia nacional, podería ser convertido en cargueiro en dous días de traballo.

Voo O Clipper Maid of the Seas operaba a parte transatlántica do voo 103, que comezara o aeroporto de Frankfurt nun Boeing 727. Tanto Pan Am como TWA normalmente cambiaban o tipo de avión que operaban diferentes partes dun voo. O PA103 reservábase como un único itinerario entre Frankfurt e Nova York, aínda cun cambio programado de avión en Londres. No aeroporto de Heathrow os pasaxeiros e equipaxe foron transferidos directamente ao Boeing 747. O avión saíu da terminal ás 18:04 e engalou na pista 27R ás 18:25, en ruta cara ao Aeroporto JFK de Nova York e despois ao Aeroporto Internacional de Detroit.

Accidente Perda do contacto Ás 18:58 o avión estableceu contacto con radio coa área de control Shanwick Oceanic en Prestwick, na frecuencia 123,95 MHz.

O Clipper Maid of the Seas aproximouse á esquina de Solway Firth ás 19:01 e cruzou a costa ás 19:02 UTC. O avión voaba a unha altura de 31.000 pés cun rumbo de 316 graos magnéticos e unha velocidade do aire calibrada de 580 km/h.

Ás 19:02:44 o oficial correspondente en Shanwick transmitiulle ao avión que a súa ruta oceánica estaba despexada. O 747 non respondeu esta mensaxe. O transpondedor do Clipper Maid of the Seas iluminouse de forma intermitente. O control de tráfico aéreo intentou contactar co voo, pero non obtivo resposta. Nese momento, ás 19:02:50, a gravadora de voces de cabina recolleu un forte son. No lugar onde estaba o avión apareceron cinco ecos de radar en vez dun só. A comparación entre a gravadora de voz e os retornos de radar demostraron que oito segundos despois do estoupido os restos tiñan unha extensión de 1 milla náutica. Un piloto de British Airways que voaba preto de Carliste nun voo entre Londres e Glasgow chamou ás autoridades escocesas para informar de que vira unha enorme bola de lume no chan.

Desintegración do avión O estoupido fixo un burato de 50 cm no lado esquerdo da fuselaxe. Investigadores da Administración de Aviación Federal estadounidense (FAA) concluíron que non se iniciaran procedementos de emerxencia na cabina. A gravadora de voces da cabina, localizada na cola do avión, atopouna a policía nun campo en 24 horas. Non había evidencias de chamadas de socorro; escoitouse un asubío de 180 milisegundos cando o estoupido esnaquizou o centro de comunicacións do avión. Aínda que a bomba estaba na bodega do avión, o efecto do estoupido magnificouse pola gran diferenza de presión entre o interior e o exterior do aparello. Os cables de dirección romperon, e a fuselaxe inclinouse cara a abaixo e cara á esquerda.

Investigadores do departamento británico de transporte concluíron que o nariz do avión foi arrincado e separouse da sección principal aos 3 segundos do estoupido. O cono do nariz estivo brevemente unido por unha banda de metal, aínda que mirando cara a popa. Cando a peza de metal rompeu, a proa golpeou o motor número 3 e caeu a certa distancia de Lockerbie, preto da igrexa de Tundergarth.

Impacto da fuselaxe A fuselaxe continuou movéndose cara a adiante e abaixo ata que alcanzou os 5.800 m, cando empezou a caer case verticalmente. A medida que descendía, a fuselaxe partiu en anacos máis pequenos, sendo a parte que estaba unida ás ás a que chegou primeiro ao chan en Sherwood Crescent, Lockerbie, onde se incendiaron 91.000 kg de combustible. A bola de lume resultante destruíu varias casas e formou un gran cráter no centro de Lockerbie.

Os investigadores foron capaces de determinar que ámbalas dúas ás impactaran nese lugar tras contar os parafusos separadores dos flaps que se atoparon no lugar; non se atoparon anacos das ás fóra do propio cráter. O centro do Instituto Xeolóxico Británico en Eskdalemuir, a 23 km, rexistrou un evento sísmico ás 19:03:36 de magnitude 1,6 na escala Richter, que foi atribuído ao impacto.

Outra sección da fuselaxe impactou a uns 2,4 quilómetros ao nordés, impactando contra unha casa en Park Place. A pesar de que a casa quedou completamente esnaquizada, o seu ocupante escapou ileso.

Vítimas

NacionalidadePasaxeirosTripulaciónEn terraTotal2002100110013003010110012103310440043003300310012002100110010101100110010101210310011001311114317890187Total2431611270 Os 243 pasaxeiros e 16 tripulantes morreron, así como 11 residentes de Lockerbie. Das 270 vítimas, 189 eran cidadáns estadounidenses e 43 cidadáns británicos. Había persoas doutras 21 nacionalidades, con catro ou menos pasaxeiros por país. Con 189 estadounidenses mortos, o atentado foi o peor ataque terrorista contra Estados Unidos antes do atentado de Oklahoma City e dos atentados do 11 de setembro. Moitos dos pasaxeiros procedían dos estados de Nova Jersey e Nova York.

Tripulación O voo 103 estaba comandado polo capitán Jim MacQuarrie (de 55 anos), un experimentado piloto con case 11.000 horas de voo, das cales unhas 4.000 foran no Boeing 747. O primeiro oficial Ray Wagner (de 52 anos) tiña unhas 5.500 horas de voo no 747 e un total de case 12.000 horas. O enxeñeiro de voo Jerry Don Avritt (de 46 anos) tiña máis de 8.000 horas de experiencia. Chegara a Pan Am a través da súa fusión con National Airlines. A tripulación de mando estaba baseada no aeroporto JFK.

A tripulación de cabina, baseada en Heathrow, estaba formada polos sobrecargos Gerry Murphy (51) e Milutin Velimirovic (35) e os asistentes de voo Siv Engström (51), Babette Avoyne-Clemens (44), Noëlle Campbell-Berti (41), Elke Kühne (43), Nieves Larracoechea (39), Irja Skabo (38), Paul Garrett (41), Lili Macalolooy (27), Jocelyn Reina (26), Myra Royal (30) e Stacie Franklin (20). Os tripulantes de cabina procedían de Checoslovaquia, República Dominicana, Francia, Noruega, Filipinas, España, Suecia, Alemaña Occidental e Estados Unidos. Moitos deles nacionalizáronse como cidadáns estadounidenses mentres traballaban para Pan Am. Vivían na área de Londres e todos foron contratados orixinalmente por Pan Am, con antigüidades que ían dende os 28 anos aos 9 meses.

O capitán, o primeiro oficial, o enxeñeiro de voo, unha asistente e varios pasaxeiros de primeira clase atopáronse atados aos seus asentos dentro do nariz do avión, que apareceu nun campo ao lado dunha pequena igrexa na vila de Tundergarth. Durante a investigación sóubose que unha asistente de voo foi atopada con vida pola muller dun granxeiro, pero morreu antes de que a muller puidese pedir auda. Pode que algúns pasaxeiros puidesen estar vivos brevemente despois do impacto; un informe forense indicou que polo menos dous deses pasaxeiros poderían ter sobrevivido se fosen atopados o suficientemente cedo.

Pasaxeiros Estudantes da Syracuse University 35 dos pasaxeiros eran estudantes da Syracuse University que regresaban a casa para pasar o Nadal tras pasar un semestre estudando no campus londiniense da universidade.

Pasaxeiros destacados Cabe destacar que entre os pasaxeiros estaba o cominario da ONU por Namibia Bernt Carlsson de 50 anos, que ía a asistir á cerimonia de sinatura do Acordo Tripartito que concedía a independencia ao país na sede da organización en Nova York o 22 de decembro. Tamén estaba o CEO de Volkswagen America James Fuller e o director de mercadotecnia Lou Marengo, que regresaban dunha reunión con executivos de Volkswagen en Alemaña Occidental; o músico Paul Jeffreys, que fora baixista de Steve Harley & Cockney Rebel, e a súa muller Rachel; a poeta e antiga moza do músico Robert Fripp, Joanna Walton, que escribira moitas das letras do álbum de 1977 de Fripp Exposure, ademais de cuñar o termo "Frippertronics"; Jonathan White, o fillo do actor David White; e Alfred Hill, un prometedor físico. No voo tamén viaxaba Irving Sigal, o director de bioloxía molecular dos laboratorios de investigación Merck Sharp & Dohme en Rahway, Nova Jersey.

Funcionario do goberno dos Estados Unidos Había cando menos catro funcionarios do goberno estadounidense na lista de pasaxeiros, e falouse, aínda que nunca se confirmou, de que habís un quinto. A presenza deses home no voo deu lugar máis tarde á aparición de teorías da conspiración, nas que se dicía que un ou varios deses homes eran o obxectivo do ataque.

Matthew Gannon era xefe da oficina adxunta da CIA en Beirut, e estaba sentado no asento 14J da Clipper Class, a versión da clase business de Pan Am. O maior Chuck "Tiny" McKee era un oficial do exército que regresaba dunha misión coa Axencia de Intelixencia de Defensa (DIA) en Beirut, e estaba sentado detrás de Gannon, no asento 15F. Tamén estaban a bordo dous axentes especiais do Servizo de Seguridade Diplomático (DSS). Ámbolos dous estaban sentados na clase económica e eran Ronald Lariviere, oficial de seguridade na embaixada de Beirut, sentado no asento 20H, e Daniel O'Connor, oficial de seguridade da embaixada de Nicosia, no asento 25H. Os catro homes voaran xuntos dende Chipre esa mañá.

Residentes de Lockerbie Morreron once residentes Lockerbie cando a sección da á golpeou Sherwood Crescent a máis de 800 km/h e estoupou, creando un cráter de 47 meros de longo cun volume de 560 m³. O número 13 de Sherwood Crescent quedou completamente esnaquizado, e os seus ocupantes, Dora e Maurice Henry, morreron. Varias casas máis quedaron destruídas e 21 quedaron tan danadas que tiveron que ser demolidas. Catro membros dunha mesma familia, Jack e Rosalind Somerville e os seus fillos Paul e Lyndsey, morreron na súa casa no número 15 de Sherwood Crescent.