Daniel Lambert, nado en Leicester o 13 de marzo de 1770 e finado en Stamford, Lincolnshire, o 21 de xuño de 1809, foi un carcereiro e criador de animais inglés, famoso polo seu gran tamaño corporal pouco habitual. Tras traballar durante catro anos como aprendiz nun taller de gravado e fundición de Birmingham, volveu a Leicester no ano 1788 e sucedeu o seu pai como alguacil da prisión de Leicester. Estaba considerado unha persoa deportista e moi forte, ademais dun experto en animais de carreiras e galos de pelexa.
Tras volver a Leicester o seu peso corporal comezou a aumentar progresivamente, malia manterse activo e, segundo as súas propias declaracións, absténdose de beber alcol e sen comer cantidades excesivas de comida. No ano 1805 a prisión na que traballaba pechou. Naquel entón pesaba uns 320 kg, converténdose na persoa de maior peso corporal rexistrada ata aquel momento. Sen emprego e por mor do seu gran tamaño, Lambert recluíuse no seu fogar.
No ano 1806 a pobreza obrigouno a exhibirse ó público para conseguir ingresos. En abril de 1806 trasladouse a Londres, cobrando ós espectadores unha tarifa para entrar no seu apartamento e coñecelo. Os visitantes quedaban impresionados pola súa intelixencia e personalidade, e visitalo tornouse nunha actividade de moda na cidade. Tras varios meses de exhibición pública, Lambert cansou desta situación e en setembro de 1806 volveu, considerablemente máis rico, a Leicester, onde pasou a criar cans de carreiras e a asistir a eventos deportivos de forma regular. Entre os anos 1806 e 1809 fixo unha serie de xiras curtas para exhibirse de novo e recadar máis fondos.
Faleceu subitamente o 21 de xuño de 1809 en Stamford, Lincolnshire. No momento da súa morte pesaba uns 335 kg, e o seu cadaleito precisou uns 10,4 m² de madeira. Malia que o seu ataúde levaba unhas rodas e que o camiño ó lugar do enterro estaba preparado en pendente para facilitar o seu transporte, precisáronse 20 homes que tardaron unha media hora en levar o ataúde ata o lugar, nun novo cemiterio na parte posterior de St Martin's Church. Malia que outras persoas superaron posteriormente o rexistro de Lambert como a persoa de maior peso corporal da historia, en Leicester segue sendo unha personaxe recordada na cultura popular, e no ano 2009 o xornal Leicester Mercury describiuno como "unha das iconas máis apreciadas da cidade".
Traxectoria Primeiros anos Daniel Lambert naceu no fogar familiar de Blue Boar Lane, Leicester, o 13 de marzo de 1770. O seu pai, chamado tamén Daniel Lambert, servira como cazador para Harry Grey, 4º conde de Stamford, e cando naceu o seu fillo era o carcereiro da prisión de Leicester. Lambert foi o maior de catro, con dúas irmás e un irmán que faleceu de mozo.
Ós oito anos de idade estaba considerado un bo nadador, e durante gran parte da súa vida adicouse a ensinar ós nenos da vila a nadar. O seu tío paterno era un garda de coto profesional, e o seu avó materno fora criador de galos de pelexa. Lambert desenvolveu un grande interese polos deportes de campo, gozando particularmente da caza de lontras, da pesca, do tiro e das carreiras de cabalos. Na súa xuventude estivo considerado un bo deportista, e nos últimos anos de adolescencia pasou a estar considerado como un experto na cría de cans de caza.
En 1784 pasou a traballar como aprendiz en Messrs Taylor & Co, un taller de gravado e fundición de Birmingham dirixido por Benjamin Patrick. Esta fábrica especializábase en cintos e botóns gravados que pasaron a non estar de moda, polo que o negocio foi en declive. No ano 1788 Lambert volveu a Leicester, servindo como axudante do seu pai na prisión. O seu pai retirouse ó pouco tempo e Lambert sucedeuno como o carcereiro da prisión. Foi un carcereiro respectado, facendo amizade con moitos dos prisioneiros e tentando axudalos cando estes ían a xuízo.
Peso corporal e desemprego miniatura|Daniel Lambert en contraste cunha muller delgada, gravado de C. Williams, 1806 Aínda que en declaracións do propio Lambert este non comía cantidades especialmente abondosas de comida, cando volveu a Leicester o seu peso corporal comezou a aumentar de forma progresiva, e cara ó ano 1793 pesaba uns 200 kg. Preocupado polo seu estado físico, no seu tempo libre adicábase a facer exercicio, traballando a súa forza ata o punto de ser capaz de carrexar uns 250 kg de peso con facilidade. Nunha ocasión durante un espectáculo dun oso bailarín exhibido en Blue Boar Lane, o seu can escapouse e mordeu o oso. O oso golpeou o can e deixouno tirado no chan, e Lambert pediulle ó coidador que o suxeitase para poder recuperar o seu can ferido. No seu lugar o coidador do oso quitoulle o bozo permitíndolle atacar o can. Segundo o reconto do suceso Lambert golpeou o oso cunha vara e coa súa man esquerda, golpeándoo na cabeza e deixándoo tirado no chan para que o can puidese escapar.
Malia a súa cada vez maior corpulencia, Lambert mantíñase en forma e activo, chegando nunha ocasión a camiñar uns 11 km dende Woolwich ata a Cidade de Londres "cunha fatiga aparentemente moito menor que varios outros homes de mediano tamaño que ían no seu grupo". Sen posuír unha grande axilidade, o seu gran tamaño non lle supoñía unha restrición significativa, e era capaz de manterse de pé sobre unha perna mentres levantaba a outra ata unha altura duns 2 metros. Continuou coa ensinanza de natación en Leicester, e era capaz de manterse flotando con dous homes adultos sentados nas súas costas. Non lle gustaba cambiarse de roupa, e adoitaba levar a mesma roupa do día anterior incluso cando aínda estaba húmida. Segundo o propio Lambert, este comportamento nunca lle provocou un arrefriado ou ningunha outra enfermidade.
Cara a 1801 o seu peso corporal incrementárase ata uns 250 kg, e o seu tamaño impedíalle tanto a el coma ó seu cabalo manter o ritmo da caza, polo que se viu obrigado a deixar esta actividade. O seu interese por este tipo de actividades non cesou e pasou a adicarse a manter unha manda duns 30 cans terrier. Foi nesta época cando, malia manter unha sólida reputación como carcereiro, xurdiron serias preocupacións pola súa aptitude física para este posto. Naquel momento as prisións tradicionais estaban perdendo popularidade, pasando a substituírse por institucións de traballos forzados, e en 1805 a prisión onde traballaba foi finalmente clausurada. Lambert quedou sen emprego, aínda que mantivo unha renda anual dunhas 50 libras outorgada polos maxistrados de Leicester en recoñecemento do seu servizo como carcereiro.
Para aquel entón a barriga de Lambert acadara un tamaño desproporcionado. Ata seis homes de tamaño normal podían meterse xuntos no seu chaleco, e cada unha das súas calzas era do tamaño dun saco. A súa renda anual de 50£ non lle chegaba para cubrir custos, e non podía traballar por mor do seu gran tamaño corporal, converténdose virtualmente nun recluso. Comezaron entón a espallarse varias historias sobre a súa gran corpulencia, e algúns dos viaxeiros que visitaban Leicester comezaron a usar varios pretextos para entrar no seu fogar e poder velo.
Sensible polo seu peso, Lambert non deixaba que ninguén o pesase, pero nunha ocasión no ano 1805 uns amigos persuadírono para que asistise xunto a eles a unha pelexa de galos en Loughborough. Unha vez que conseguiu entrar na carruaxe con dificultades, o resto do grupo conduciuno ata unha gran báscula e saltaron do carro. Tras descontar o peso do carro baleiro que xa mediran con anterioridade, calcularon que o peso corporal de Lambert estaba nuns 320 kg, superando a Edward Bright, cuns 279 kg de peso, como a persoa rexistrada de maior peso corporal da historia ata ese momento.
Exhibición en Londres
Malia a súa timidez, Lambert precisaba ingresos con urxencia, polo que non viu outra alternativa que exhibirse a si mesmo, cobrándolle entrada ós espectadores. O 4 de abril de 1806 subiu a unha carruaxe especialmente construída para el e viaxou dende Leicester ata o seu novo fogar no número 53 de Piccadilly, naquel entón preto do límite occidental de Londres. Durante cinco horas cada día recibía visitantes no seu fogar, cobrando un xilin por cada un deles.
Lambert compartía o seu interese e coñecemento dos deportes, cans e cría de animais coas clases media e alta de Londres, polo que visitalo e trabar a súa amizade pasou a estar de moda en pouco tempo na cidade. Un banqueiro chegou a facerlle 20 visitas, pagando a entrada en cada unha das ocasións. Durante este período da historia de Inglaterra non había un estigma real da obesidade, polo que o público xeral consideraba a Lambert unha marabilla admirable, en lugar dun becho raro. Esta aventura de negocio tivo un éxito inmediato, atraendo a uns 400 visitantes diarios. A descrición do seu fogar era de ter un aire dun lugar de vacacións de moda, no canto dun lugar de exhibición, e a Lambert agradáballe que os visitantes adoitaban tratalo con cortesía, e non simplemente coma un espectáculo. Lambert insistía en manter unha atmosfera de civismo cos seus invitados, e tódolos homes que entraban no seu cuarto debían quitarse o chapeu.
A súa popularidade chegou a inspirar a un imitador a pouca distancia del en Sackville Street e a xente viaxaba grandes distancias para visitar a Lambert, moitos deles pasando varias horas con el conversando sobre a cría de animais. Unha figura de cera a tamaño real de Lambert pasou a exhibirse en Londres, tornándose extremadamente popular. Daniel Lambert pasou en pouco tempo a converterse nun personaxe popular para os debuxantes de tiras cómicas, que adoitaban representalo como John Bull. Lambert mesturouse ben coas clases sociais altas, e nunha ocasión coñeceu o rei Xurxo III, aínda que non se conserva un rexistro da reacción de ámbolos dous desta presentación entre eles.
Exame médico
Lambert chamou a atención da profesión médica, e pouco tempo despois da súa chegada a Londres a revista Medical and Physical Journal publicou un artigo sobre el. Confirmaron que pesaba 320 kg, e mediron a súa altura en 1,80 m. Un exame médico exhaustivo determinou que as súas funcións corporais estaban correctas, e que respiraba sen dificultades. O artigo describía a Lambert como activo e mentalmente alerta, culto e cunha memoria excelente. Gustáballe cantar, e tiña unha fala normal que non amosaba sinais de ningún tipo de presión nos seus pulmóns. Os doutores detectaron unha tumefacción dos seus pés, pernas e cadeira, e unha acumulación de graxa no seu abdome, pero á marxe dunha pel grosa e escamada nas pernas causada por ataques previos de erisipela, non tiña problemas de saúde. Lambert afirmou perante os doutores que inxería cantidades normais de comida ordinaria. Declarou que dende 1795 non bebera nada máis que auga, e que malia ser aínda moi novo e asistir regularmente a festas e reunións, naquel entón non se unía ós seus compañeiros na bebida. Lambert estimou que era capaz de camiñar uns 400 m sen dificultades. Durmía con regularidade non máis de oito horas por noite, sempre coa ventá aberta, e non se lle escoitaba roncar nunca, acadando un estado de alerta completa ós cinco minutos de espertar e sen tomar sestas durante o día.