miniatura|Escorpión no que se ve a división do opistosoma en dúas partes. miniatura|En primeiro plano, opistosoma da araña Phidippus mystaceus.

O opistosoma é un dos dous tagmas en que se divide o corpo dos quelicerados. O outro tagma é o prosoma.Garrido, Carlos (1997).

Nos quelicerados, que non teñen unha cabeza diferenciada do resto do corpo, o opistosoma é ás veces denominado abdome, termo desaconsellado xa que non é homólogo do abdome dos crustáceos e os insectos.

En arañas e amblipixios existe unha constrición ou cinto (pedicelo) que separa o opistosoma do prosoma, pero no resto dos arácnidos o límite entre ambos os tagmas é menos evidente.

Por outra parte, os escorpións posúen un opistosoma diferenciado en dúas zonas, unha basal e ancha denominada mesosoma e outra final estreita e alongada coñecida como metasoma ("cola").

Etimoloxía O termo opistosoma está formado polos elementos do latín científico opistho- e -soma, tirados do grego antigo ὂπισθεν ópisthen, "detrás", "por detrás", e σῶμα sôma, "corpo", respectivamente. Literalmente: "a parte traseira do corpo".

Características e tipos O número de segmentos do opistosoma, e o de apéndices que presenta varía nos distitos grupos de quelicerados. Os escorpións teñen trece, aínda que o primeiro só se ve durante o seu desenvolvemento embrionario. Os arácnidos tenen menos; os opilións, por exemplo, teñen só dez.

Nas arañas e os ácaros, o opistosoma mostra unha clara tendencia á redución dos escleritos e á perda da metamería primitiva; noutros quelicerados, o opistosoma está claramente segmentado. Nalgúns grupos, o telson consérvase en forma de longa espiña (merostomados), aguillón velenoso (escorpións) ou de filamento multiarticulado (palpígrados). O opistosoma dos xifosuros posúe branquias en libro, que son apéndices modificados. Nos arácnidos hai tamén estruturas derivadas de apéndices, como os pulmóns en libro, as fieiras (arañas) ou os peites (escorpións).

Funcións No opistosoma localízanse as funcións vexetativas: circulación, respiración, dixestión interna, reprodución. O orifico xenital ábrese no segundo segmento; a continuación ábrense as filotraqueas ou pulmóns en libro e/ou os estigmas do sistema traqueal; o ano está situado no último segmento.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Brusca, R. C. e G. J. Brusca (2005): Invertebrados. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 978-84-486-0246-8. Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6. Garrido, Carlos (1997): Dicionário terminológico quadrilíngue de zoologia dos invertebrados. A Coruña: Associaçom Galega da Língua. ISBN 84-87305-12-1. Grassé, P.-P., E. A. Poisson e O. Tuzet (1976): Invertebrados. (En Grassé, P.-P., Zoología, vol. 1) Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4. Meglitsch, P. A. (1986): Zoología de invertebrados, 2ª edición. Madrid: Ed. Pirámide. ISBN 84-368-0316-7. Rupppert, E. E.; R. S. Fox & R. D. Barnes (2004): Invertebrate Zoology 7ª ed. Stamford, Connecticut (EE.UU.): Brooks/Cole ISBN 0-03-025982-7.

Outros artigos Tagma Metámero Prosoma

Categoría:Anatomía animal Categoría:Artrópodos Categoría:Quelicerados Categoría:Termos zoolóxicos