Roxerio II de Hauteville, nado o 22 de decembro de 1095 en Mileto (Calabria) e finado o 26 de febreiro de 1154 en Palermo, foi conde de Sicilia (1105-1130), duque de Puglia (1127-1130) e príncipe de Taranto (1128-1132), así como rei de Sicilia desde 1130 até a súa morte.

Fillo de Roxerio I, sucedeu ao seu irmán Simón sendo menor de idade. Comezou a gobernar en 1112, e no seu dilatado reinado converteu as posesións normandas do sur de Italia nun territorio unificado elevado á categoría de Reino, cun goberno persoal e centralizado.

Traxectoria Roxerio era o segundo fillo de Roxerio I, conde de Sicilia, e Adelaida del Vasto. Sucedeu ao seu irmán máis vello Simón no condado de Sicilia en 1105, estando baixo a rexencia da súa nai até 1112. Desde ese ano até a morte do seu primo Guillerme II de Apulia en 1127, Roxerio tratou de aumentar o seu prestixio mediante o seu matrimonio cunha infanta castelá, filla de Afonso VI de León, e grazas á axuda do seu primo Roxerio Borsa, que lle cedeu a metade dos seus territorios de Mesina, Palermo e Calabria que recibira nas divisións das conquistas sicilianas moitos anos antes.

Á morte de Guillerme, fillo de Borsa, Roxerio recibiu o ducado de Puglia e uniu todas as posesións normandas en Italia, a excepción do principado de Capua, que estaba en mans da familia Drengot. Parece que inmediatamente tivo a idea de cinguir unha coroa real, recordando que os gobernantes da Sicilia da Antigüidade, como Agatocles, foran reis. Os tres anos seguintes á recepción do ducado ocupounos intentando recibir unha coroa do papa.

En 1130, Roxerio foi coroado rei de Sicilia polo antipapa Anacleto II, a cambio do seu apoio para ocupar a cadeira de san Pedro. Roxerio fíxose feudatario do papa, o que provocaría un problema político cando a dinastía Hohenstaufen tomou o poder no reino de Sicilia.

miniatura|esquerda|250px|Roxerio II, no Liber ad honorem Augusti de Petrus de Ebulo, 1196. miniatura|esquerda|250px|O Reino de África (en liña descontinua vermella), que Roxerio II quería unir ao seu Reino de Sicilia.

Como rei, Roxerio dedicouse a fortalecer o seu poder na península. Os baróns de Puglia non quixeron someterse e a década de 1130 estivo repleta de conflitos entre diversos rebeldes e o poder central da coroa.

Bari rebelouse, liderada por Grimoaldo Alferanites. Capua levantose en armas para manter a independencia da familia Drengot. O ducado independente de Nápoles axudou os rebeldes até 1137, cando o emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico Lotario II e o papa Inocencio II viaxaron á zona e estableceron a Ranulfo de Alife como duque de Puglia, en oposición a Roxerio.

Á volta das forzas imperiais a Alemaña, Roxerio, agora aliado con Serxio VII de Nápoles, atacou a Ranulfo, sendo vencido (e Serxio morto) na batalla de Rignano. Por espazo de dous anos, Roxerio combateu a insurrección e o exército papal na península. En 1139, Ranulfo morreu e, sen outros opoñentes, Roxerio foi recoñecido como único duque.

Polo tratado de Mignano o papa Inocencio II recoñeceu a Roxerio como rex Siciliae ducatus Apuliae et principatus Capuae, chegando por fin a paz ao sur de Italia.

En 1140, Roxerio promulgou unha serie de leis, os Assises de Ariano, co obxecto de centralizar a autoridade en mans do rei e diminuír o poder dos señores feudais. Isto sentou a norma de lexislación en Sicilia durante os séculos seguintes.

Amante da cultura árabe, en data descoñecida invitou ao xeógrafo e cartógrafo almorábide Muhammad al-Idrisí, nacido en Ceuta, que, á súa demanda, en 1154, confeccionou un gran mapamundi orientado en sentido inverso ao utilizado actualmente (o norte abaixo e o sur arriba), coñecido como a Tabula Rogeriana, acompañado por un libro, denominado Xeografía. O rei siciliano deu a estas obras o nome conxunto de Nuzhat al-Mushtak, aínda que na obra de Al-Idrisí aparecen mencionadas como Kitab Ruyar ("Libro de Roxerio").

No resto do seu reinado, a atención de Roxerio centrouse fóra da illa e a penísula, buscando estender os seus dominios por África e Grecia. Creou unha gran frota no Mediterráneo central (cuxo almirante máis destacado foi Xurxo de Antioquía). En 1135 conquistou as costas de Tunisia e Trípoli, creando o Reino de África (un protectorado do seu Reino de Sicilia).

Mentres Roxerio permanecía no palacio da súa nova capital, Palermo, os seus xenerais e almirantes dirixiron os seus exércitos e mariñas ás costas africanas e ás illas gregas. Atenas foi saqueada e a propia Constantinopla ameazada.

Roxerio morreu en Palermo o 26 de febreiro en 1154, sendo sucedido polo seu cuarto fillo Guillerme.

Matrimonios e fillos miniatura|Tumba de Roxerio II na Catedral de Palermo.

Roxerio casou en primeiras nupcias en 1117 con Elvira, filla do finado rei de León, Afonso VI. Tiveron seis fillos.

Roxerio (1118-1148), duque de Puglia e —posibelmente— conde de Lecce (desde 1135). Tancredo (1119-1138), príncipe de Bari (desde 1135). Afonso (1120/1-1144), príncipe de Capua e duque de Nápoles (desde 1135). Adelisa (c. 1126 - despois de 1184), condesa de Florencia. Casada en primeiras nupcias con Xoscelino, conde de Loreto, e en segundas con Roberto, conde de Loritello e de Conversano. Guillerme (1131-1166), duque de Puglia (desde 1148), e rei de Sicilia como Guillerme I (desde 1150). Henrique (1135-1145).

Casou en segundas nupcias en 1149 con Sibila de Borgoña, filla do duque Hugo II de Borgoña. Tiveron dous fillos:

Henrique (1149). Un fillo nacido morto (1150).

Casou en terceiras nupcias en 1151 con Beatriz de Rethel, sobriña neta do rei de Xerusalén Balduíno II. Tiveron unha filla:

Costanza (1154-1198). Casou co emperador Henrique VI do Sacro Imperio Romano-Xermánico. Herdaría o trono siciliano tras a morte de Guillerme III en 1194.

Tamén tivo varios fillos fóra do matrimonio: Mariña. Casou co almirante Margaritone de Brindisi. Simón, príncipe de Taranto.

Na posteridade O compositor polaco Karol Szymanowski, que fixo varias viaxes a Sicilia, dedicoulle unha ópera ao primeiro rei normando de Sicilia, titulada "Re Ruggero". Estreouse en Varsovia en 1926 e foi representaa en tres ocasións en Palermo, dúas veces no "Teatro Massimo Vittorio Emanuele" (1949 e 2005) e unha vez no "Teatro Politeama" (1992).

Véxase tamén

Bibliografía Aubé, Pierre (2001): Roger II de Sicilie. París: Payot & Rivages. ISBN 2-2288-9414-1. Chalandon, Ferdinand (1907): Histoire de la domination normande en Italie et en Sicile. París: Librairie Alphose Picard et Fils. Houben, Hubert (2002): Roger II of Sicily. Cambridge (UK): Cambridge University Press. ISBN 0-5216-5573-0. Norwich, John Julius (1967): The Normans in the South (1016-1130). Londres: Longmans. ISBN 0-9073-8700-4. Norwich, John Julius (1970): The Kingdom in the Sun (1130-1194). Londres: Longmans. ISBN 0-5821-2735-1.

Outros artigos Casa de Hauteville Normandos Reino de Sicilia Reino de África

Ligazóns externas Roger II de Sicilia en MedLands . Coronation Mantle of Roger II of Sicily (Manto da coroación de Roxerio II de Sicilia), en Historical Needlework Resources .

Categoría:Nados en 1095 Categoría:Finados en 1154 Categoría:Casa de Hauteville Categoría:Personalidades de Italia Categoría:Reis de Sicilia Categoría:Normandos Categoría:Nados en Calabria