O polígono industrial de Sabón é unha zona industrial situada na parroquia de Oseiro, no concello de Arteixo. Leva o nome da aldea de Sabón e foi posto en funcionamento en 1965, aínda que as primeiras empresas non se instalaron até a década de 1970.

Historia e descrición Foi promovido pola Deputación Provincial da Coruña. Conta cunha superficie de 3.287.910 metros cadrados, sendo a destinada a parcelas de 2.403.580. Sobre o seu solo teñen a súa sede ou delegación empresas como Inditex, FerroAtlántica, Bonilla a la Vista, Dielectro, Leyma, Teais, Horta Coslada ou o Grupo Voz.

Conta ademais con servizo de ITV e un encoro que dá servizo á central de ciclo combinado que Gas Natural Fenosa ten instalada para fornecer de enerxía eléctrica á zona.

Ao norte do mesmo comezouse a construír, logo da catástrofe ecolóxica provocada polo afundimento do Prestige, o Porto Exterior da Coruña, que -ademais de servir como porto refuxio para grandes embarcacións- se espera que se complemente coa actividade industrial desenvolvida neste polígono.

En 1990 constituíuse a Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón-Arteixo.

Na actualidade está ao límite da súa capacidade e a súa proximidade a núcleos urbanos en expansión fixo que se considerase a opción de construír un novo polígono na zona de Morás, o Polígono industrial de Morás a escasa distancia. Porén, a crise económica de 2008-2013 fixo que se adiara a estrea deste novo polígono, que se había de sumar ás sinerxías resultantes da construción no novo gran porto a carón da zona industrial de Sabón.

Accesos

Estradas e autoestradas AC-415. Antiga estrada Coruña - Fisterra por Meicende. AC-551. Conflúen as seguintes autoestradas: AG-55. Saída 8 A-6. P. K. 592 - remate AC-552, practicamente convertida nunha longa travesía urbana que o comunica coa capital municipal polo oeste e con Vilarrodís e a cidade da Coruña evitando o pago da peaxe da autoestrada. DP-0514. Estrada Arteixo - Caión

Portuarios Porto Exterior da Coruña

Notas

Galería de imaxes

Véxase tamén

Ligazóns externas Ingestin Real Estate Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de Sabón

Categoría:Arteixo Sabón