O castro do Sino, tamén coñecido como castro de Lavandeira, Citania de Vilaseco ou da Igrexa Vella é un castro que se ergue a case 300 metros de altura sobre un monte preto do lugar de Lavandeira, no concello de Vimianzo.

Características Este castro aproveitou a súa localización estratéxica, no alto dun outeiro e cun gran desnivel cara ao regato de Lavandeira que o envolve pola parte noroeste. Conserva as murallas de defensa da súa parte leste e sur, e tamén os cimentos de varias vivendas circulares.

En outubro de 2002 perigou a súa existencia cando o dono do terreo, por descoñecemento do que alí tiña, intentou explanar as murallas para plantar eucaliptos. Pronto se paralizou a obra e non afectou demasiado á estrutura. Si á muralla exterior e a parte dun montículo interior. Logo da agresión, un técnico de patrimonio, Tomás Rodríguez, fixo unha inspección visual do lugar e axiña atopou fragmentos de tella e cerámica.

En Patrimonio está catalogado como Citania de Vilaseco ou Igrexa Vella. Este último topónimo vén de que a igrexa de San Martiño de Castrelo estaba ó pé deste castro. No 1714 foi trasladada á súa localización actual en Castrelo. O campanario estaría situado nunha zona alta do castro, de aí o nome do Sino, do son da campá.

Dado o seu difícil acceso nunca foi moi coñecido, malia ser un dos máis importantes de Vimianzo e figurar xa desde antes de 1986 como único exemplo, xunto co castro das Barreiras, coñecido até daquela da cultura castrexa no concello.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía LEMA SUÁREZ, X. Mª e VVAA (2010): Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte. Xerais, Vigo.

Outros artigos Cultura castrexa

Sino