Cada unha das 3.792 parroquias de Galicia constatadas no nomenclátor de topónimos ten un santo patrón. Non se debe confundir co concepto de haxiotopónimo, que é un topónimo (nome de lugar) que etimoloxicamente procede do nome dun santo (Santiso < San Tirso, Santradao < Santo Hadrián, Santa Comba, Santiago etc.).
Advocacións Este patrón asignado ou advocación é normalmente único, pois moi poucas veces consta unha parella e moi ocasionalmente máis de dúas. Estes cinco casos, dos cales catro son capitais do seu concello, son os seguintes: Entenza (Santos Xusto e Pastor) en Salceda de Caselas; A Gudiña (San Martiño e San Pedro); San Xusto de Avión (Santos Xusto e Pastor); Viveiro (Santa María e Santiago); Caldas de Reis (San Tomé e Santa María).
En Galicia existen entre 102 e 203 advocacións distintas. Esta variación numérica depende de se se consideran iguais ou distintas certas parellas ou grupos de advocacións con similitudes, por exemplo: Santa Locaia, Santa Locacia e Santa Leocadia, como Santa Locaia, parroquia de Castro de Rei (Lugo); San Clemente, San Clemenzo e San Cremenzo; Santa María (e outras moitas advocacións marianas: Nosa Señora ou Virxe, como Fátima ou Carme); María Madalena e Madalena Advocacións da Paixón de Cristo e da liturxia: o Sagrario, Divino Salvador, Divino Pastor, Santa Cruz (tamén unha santa), o Bo Xesús etc.
Hai tamén once parroquias nas que non consta o seu santo patrón por seren parroquias urbanas con moitas igrexas parroquiais: Betanzos; A Coruña; Ferrol; Lugo; Monforte de Lemos; Narón; Ourense; Pontevedra; Santiago de Compostela; Sarria; Vigo.
As once advocacións con máis parroquias son as seguintes (entre parénteses, o número de parroquias con esa advocación e a porcentaxe sobre o total): Santa María (767 - 20,2 %); San Pedro (307 - 8,1 %); Santiago (287 - 7,6 %); San Martiño (Martiño de Dumio ou Martiño de Tours) (239 - 6,3 %); San Xoán (sexa San Xoán Evanxelista ou San Xoán Bautista) (235 - 6,2 %); advocacións xerais de Cristo (Cristo e Divino Salvador pero, sobre todo, San Salvador) (173 - 4,6 %); San Miguel (152 - 4,0 %); Santa Eulalia, Oalla, Olaia, Baia, Balla, Santaia e Santalla (140 - 3,7 %); San Xiao, San Xián, San Xillao, San Xullao ou San Xulián (126 - 3,3 %); Santa Mariña (113 - 3,0 %); Santo Estevo (107 - 2,8 %); Queda patente a enorme presenza de Santa María, probablemente vestixio dun culto feminino e dunha sociedade matriarcal prelatina pervivente dalgunha maneira ata os nosos días.
Orixe A orixe principal dos santos venerados nas parroquias galegas é bastante antiga: non hai practicamente advocacións de santos canonizados recentemente ou dos últimos séculos. Porén, hai mesmo santos de orixe descoñecida: en boa medida, pódese admitir que moitas das persoas ou obxectos de culto precristiáns foron recristianizados, perdendo no camiño a consciencia do seu tema, o paganismo orixinario ou mesmo da súa orixe galega. Esta transformación foi tan radical que se chegaron a dous extremos de histrionismo:
Santos alleos que agora se pensan que son de orixe galega; Personaxes de sona e mesmo culto persoal que probablemente se cristianizasen oficialmente nun santo, ou persoas cuxo culto comezou antes de dárselle carta de santidade (a cal ás veces non se lle chegou a dar nunca);
As orixes principais das advocacións das parroquias de Galicia son seis: santos ibéricos; santos italianos; outros santos europeos (Grecia, Hungría ou Francia); santos de Turquía (antiga Antioquía); santos de Israel; santos do resto de Oriente Medio (principalmente Siria e Exipto);
Como era de esperar, os máis abundantes con diferenza son os israelitas, seguidos polos italianos e os turcos. As imaxes de abaixo reflicten a frecuencia e distribución en número de parroquias das advocacións a santos coas características indicadas para cada un dos 313 concellos de Galicia segundo o cruzamento dos datos de orixes fornecidas no libro de Ferro Ruibal e o nomenclátor dispoñible no CIRP. O cadro inferior esquerdo de cada imaxe representa o último concello creado en Galicia, A Illa de Arousa, e a delimitación verde suplementaria divide Galiza en seis partes: as dioceses de Mondoñedo-Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Tui-Vigo e Astorga.
Culto Non tódolos santos se veneraron igual en tódalas épocas. Ademais de que obviamente non se pode prestar ó culto un santo que aínda non foi santificado, as modas e frecuencias (e posiblemente tamén a utilización aproveitada dos santos para fins políticos) nas advocacións flutúan cos séculos. Se houbese que deducir en que época se cristianizou Galicia a partir das advocacións máis presentes nas parroquias se chegaría a unha conclusión bastante evidente: os santos cuxo culto comezou no século VI son os máis abondosos nas advocacións das parroquias galegas, contabilizando un total do 58 % dos analizados. As porcentaxes de tódolos datos son as seguintes: século IV: 5 %; século V: 11 %; século VI: 58 %; século VII: 25 %; século VIII: 1 %; século IX: 1 %; século X: <1 %;
A distribución superficial destes datos ó longo da xeografía galega represéntase nos sete mapas inferiores. Unha santa significativa nestes sentido é Santa Baia, santa galega datable entre os primeiros séculos da cristiandade (século IV) que aínda así mantén ata agora un enorme número de parroquias no seu honor, sendo a oitava con máis frecuencia no santoral das parroquias galegas. O seu santo é o 12 de febreiro, unha data atípica (probablemente indicio do seu carácter conservador) pois a maioría dos patróns das parroquias galegas teñen a festividade actual no verán.
Representación cartográfica das frecuencias absolutas de parroquias para cada concello segundo a época de orixe do culto de cada advocación.
Véxase tamén Bibliografía et al. (1992): Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo Edicións, Vigo. ISBN 84-7680-096-7
Outros artigos Advocación Parroquia Parroquias de Galicia por advocación División territorial católica
Categoría:Parroquias eclesiásticas de Galicia