"Bohemian Rhapsody" é unha canción composta en 1975 por Freddie Mercury, integrante da banda británica Queen, e incluída no seu álbum A Night at the Opera. Esta canción non posúe refrán, e consta de tres partes principais: un segmento de balada que acaba cun solo de guitarra, unha pasaxe operística e unha sección de hard rock. Nela, Freddie Mercury, Roger Taylor e Brian May cantan respectivamente nas tesituras media, aguda e grave. May toca a guitarra, Taylor toca a batería, o tímpano e o gong, e John Deacon toca o baixo eléctrico.
Cando se lanzou como single, "Bohemian Rhapsody" converteuse nun éxito comercial: mantívose no cumio da UK Singles Chart durante nove semanas e vendeu máis dun millón de copias ata a fin de xaneiro de 1976. Tamén chegou ao número un das listas en diversos mercados, como Canadá, Australia, Nova Zelandia, Irlanda e os Países Baixos.
O sinxelo foi complementado cun vídeo promocional, innovador para a época, e popularizou o uso de videoclips para o lanzamento de sinxelos.Sobre o papel e tarefas de um produtor. J Muikku – Popular Music and Society, 1990 Ademais, foi considerado o marco inicial da “era da MTV”. Malia a inicial división da crítica, especialmente nos Estados Unidos, "Bohemian Rhapsody" continúa a ser unha das composicións máis populares de Queen. A revista Rolling Stone colocouna no posto 163 da súa lista The 500 Greatest Songs of All Time e considerou o seu solo de guitarra como o vixésimo mellor solo de todos os tempos.
Historia e gravación right|miniatura|Freddie Mercury nun concerto en 1979. Freddie Mercury escribiu a maior parte de "Bohemian Rhapsody" na súa casa, en Holland Road, Kensington, no oeste de Londres. O produtor da música, Roy Thomas Baker, relatou como Mercury tocou para el o inicio da sección de balada: "El tocou o inicio no piano e daquela parou e dixo: aquí comeza a parte da ópera! E entón fomos cear". O guitarrista Brian May dixo que a banda considerou o proxecto de Mercury para a música "intrigante e orixinal, e que merecía ser traballado". Unha gran parte do material de Queen, segundo May, escribíase no estudio, pero esa música xa "estaba na mente de Freddie" antes de comezar. A musicóloga Sheila Whiteley suxeriu que "o título se basea fortemente na ideoloxía do rock contemporáneo, no individualismo do mundo bohemio do artista, coa rapsodia, afirmando os ideais románticos do art rock". Comentando sobre o seu bohemismo, Judith Peraino di que "Mercury quería... [que esa música] fose unha mofa, algo fóra do normal na música de rock, e realmente segue unha correcta lóxica operística: coros de moitas voces alternan con solos melódicos; as emocións son excesivas e o enredo é confuso".
Segundo Chris Smith (un pianista amigo de Mercury), Mercury comezou a desenvolver "Bohemian Rhapsody" á fin da década de 1960.De acordo com uma entrevista com Chris Smith para o documentário Queen: Days of our Lives (BBC, 2011) Mercury adoitaba tocar co piano partes das composicións que estaba a escribir e unha das súas pezas, coñecida como "The Cowboy Song", contiña letras que acabaron na versión completa que foi producida anos despois, en 1975, especificamente "Mama... just killed a man."
As gravacións comezaron en Rockfield Studios, preto de Monmouth, o 24 de agosto de 1975, logo de tres semanas de ensaio en Herefordshire. Durante a produción da música usáronse outros catro estudios (Roundhouse, SARM, Scorpion e Wessex). Segundo algúns membros da banda, Mercury preparou a música mentalmente e dirixiu a banda durante a produción. Mercury usou un piano Bechstein, que tocou no vídeo promocional e na xira polo Reino Unido. Debido á súa natureza moi complexa, a música foi gravada en varias seccións, e a súa conxunción realizouse sobre a base da percusión da batería, para manter todas as pistas sincronizadas.
May, Mercury e Taylor cantaron as súas partes vocais continuamente de 10 a 12 horas por día. Levou tres semanas gravar toda a peza. Como os estudios da época ofrecían cintas analóxicas con só 24 canles, foi necesario que os tres se gravasen a si mesmos moitas veces e logo o xuntasen todo en sucesivas mesturas. Foi o sinxelo máis caro de producir e unha das gravacións máis elaboradas na historia da música popular.
Composición e análise A música consiste de seis seccións: introdución, balada, solo de guitarra, ópera, hard rock e conclusión. Este formato, con cambios abruptos de estilo, ton e movemento, era excepcional en músicas de rock. A banda xa utilizara unha versión embriónica dese estilo en "My Fairy King" e "The March of the Black Queen".
Introdución (0:00 - 0:49) A música comeza cun coral a cappella en catro partes en si bemol maior, unha gravación en multicanles enteiramente de Mercury, a pesar de que o vídeo amosa os catro membros cantando esta sección. A letra cuestiona se a vida é "real" ou "só fantasia" antes de concluír que "non pode haber escapatoria da realidade".
Tras 14 segundos, o piano entra e a voz de Mercury alterna con outras partes vocais. O narrador preséntase como "só un pobre neno", aínda que declara que "non lle cómpre simpatía" porque el "vén doadamente e doadamente vai", un efecto que provoca a atmosfera onírica. A fin desta sección é marcada pola entrada do baixo e a familiar parte do piano en si bemol maior.
Balada (0:49 - 2:36) O piano comeza a parte en si bemol maior xunto coa entrada do baixo de Deacon, marcando o inicio desa sección. Despois de ser tocada dúas veces, entra a voz de Mercury. Durante o curso da sección, os vocais evolucionan dunha harmonía suavemente cantada cara a unha apaixonada interpretación só de Mercury. O narrador explícalle á súa nai que el acabara de matar un home "cunha arma contra a súa cabeza". Esa sección "confesional", comentou Whiteley, é unha "afirmación da cariñosa e vivificante forza do feminino e da necesidade de absolución". A liña cromática do baixo fai unha modulación para mi bemol maior, o que sustenta o clima de desesperación. É nese momento (1:19) cando a batería de Taylor entra (presentando o ritmo 1-1-2 de "We Will Rock You" en formato de balada) e o narrador fai a segunda de diversas invocacións á súa nai no novo ton, reutilizando o tema orixinal. O narrador explica o seu arrepentimento por "facela chorar" e pídelle que "continúe como se nada importase" para el. Unha breve variación descendente do piano conecta con dúas repeticións da parte en si bemol maior, introducindo o segundo verso.
Entanto que a balada prosegue no seu segundo verso, o narrador amosa o canso e abatido que está polas súas accións (mentres May entra coa guitarra e imita a tesitura superior do piano no minuto 1:50). May imita outro obxecto de percusión (unha bell tree) durante a frase "sends shivers down my spine". O narrador dille adeus ao mundo, anunciando que el ten que partir e se prepara para "encarar a verdade", admitindo: "Non quero morrer. Ás veces gustaríame non ter nacido". Nese momento comeza o solo de guitarra, que pasa por unha modulación cunha rápida serie de notas descendentes, que levan a tonalidade cara a la maior, marcando o inicio da sección "ópera".
Solo de guitarra (2:36 - 3:03)
Entanto que Mercury canta a frase ascendente "I sometimes wish I'd never been born at all", o volume do son aumenta, chegando ao solo de guitarra tocado e composto por May, que serve como unha ponte entre a balada e a ópera. A intensidade continúa a crecer, mais así que a nova tonalidade é estabelecida a banda enmudece abruptamente no minuto 3:03, agás o piano.
O produtor Baker lembrou que o solo de May foi feito en só unha pista. May afirmou que quería compor "unha pequena melodía que sería unha contrapartida da melodía principal; eu non quería só tocar a melodía". O guitarrista dixo que o seu mellor material proviña dese xeito de traballo polo que el pensa na melodía antes de tocala: "os dedos tenden a ser previsibles, a non ser que estean sendo controlados polo cerebro".
Ópera (3:03 - 4:07) Unha rápida serie de variacións rítmicas e harmónicas introducen unha sección intermedia pseudooperística, que contén a maior parte dos elaborados vocais, representando a baixada do narrador ao inferno. Malia manterse o pulso básico da música, a dinámica varía moito de compás a compás, desde só a voz de Mercury acompañada polo piano ata un coro de varias voces apoiado pola batería, o baixo, o piano e o timbal. De acordo con Roger Taylor, a súa voz combinada coas de May e Mercury creou un amplo alcance vocal: "Brian podía alcanzar notas moi baixas, Freddie tiña unha voz poderosa nas notas medias, e eu era bo coas notas altas". A banda quixo crear "unha parede de son, que comeza baixa e vai ata o alto". A banda usou o efecto de campás para as expresións "Magnifico" e "Let me go". Á parte diso, en "Let me go", Taylor, cantando a parte máis alta, continúa por un tempo despois de que o "coro" pare de cantar.
Referencias líricas nesta pasaxe inclúen Scaramouche, o fandango, Galileo Galilei, o Figaro, e Bismillah, mentres faccións rivais loitan pola alma do narrador. Un coro acusa, outro defende, mentres o heroe se presenta a si mesmo como pacífico e astuto. A introdución da música é lembrada en "I'm just a poor boy, nobody loves me". A sección conclúe cun tratamento completo de coral na frase "Beelzebub has a devil put aside for me!", nun bloque en si bemol maior.
Hard rock / heavy metal (4:07 - 4:56) A sección operística leva a un agresivo interludio musical hard rock / heavy metal, cun riff de guitarra escrito por Mercury. No minuto 4:15, Mercury canta palabras cheas de rabia dirixidas a un "ti" non especificado, acusándoo de traizón e abuso e insistindo en que el "non pode facer iso comigo", o que podería ser interpretado como un flashback a certos eventos que levaron á sección de balada ("acabo de matar un home"). A guitarra toca tres pasaxes ascendentes, e Mercury novamente executa unha parte en si bemol maior, mentres a música se aproxima ao final cun ritardando.
Conclusión (4:56 - 5:55) Despois de que May toque algunhas notas, a música retorna ao tempo e á forma da introdución, inicialmente en mi bemol maior, antes de cambiar rapidamente a dó menor, e axiña entra nunha serie de modulacións curtas, e volve ao dó menor en tempo para a sección "nothing really matters" final. Unha guitarra acompaña o coro "ooh, ooh yeah, ooh yeah". Un amplificador toca unha melodía; o amplificador foi creado por John Deacon e alcúmano cariñosamente "Deacy Amp". A frase de Mercury "Nothing really matters..." aparece novamente, con leves arpexos de piano, suxerindo tanto a resignación (tonalidades menores) canto un novo sentido de liberdade no amplo abano vocal. Despois de repetirse varias veces a liña "nothing really matters", a música finalmente acaba en mi bemol maior. A derradeira parte da letra, cantada calmamente, "Anyway the wind blows" é seguida pola batida dun gong, que marca o fin da música.
Contexto