A Concordia de Antealtares é un diploma do ano 1077, asinado entre Faxildo, o abade do Convento de San Paio de Antealtares e Diego Páez, bispo de Santiago de Compostela. Coñecemos a existencia de dito diploma por unha copia de 1435 conservada pola Universidade de Santiago de Compostela.

Características

No documento os monxes bieitos cedían terreos para construír a cabeceira da catedral de Santiago de Compostela, o que supuña a destrución de parte do mosteiro.

Na concordia relátase por vez primeira o descubrimento, de xeito milagroso, do sartego do apóstolo Santiago o Maior. Segundo o texto, durante as noites, os fregueses da igrexa de San Fiz de Solovio apreciaban, procedentes dun castro das proximidade, cantos celestiais e unha choiva de estrelas iluminando un punto. A explicación deste feito sobrenatural foille revelada a un eremita chamado Paio: o sartego do apóstolo Santiago estaba baixo a choiva de estrelas. Paio comunicou a revelación a Teodomiro, bispo de Iria Flavia, e este levou a nova a Afonso II, rei de Galicia, quen ordenou que se levantase unha pequena igrexa no lugar.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Documentos Categoría:Catolicismo en Galicia Categoría:Santiago de Compostela Categoría:Historia medieval de Galicia