Georgii Vasilevich Chicherin (), nado en Karaul o e finado en Moscova o , foi un político e revolucionario ruso e ministro soviético de Asuntos Exteriores de 1918 a 1930.

De ascendencia nobre, espléndido representante da intelectualidade rusa do século XIX, traballou na súa mocidade nos arquivos do Ministerio de Asuntos Exteriores ruso. Contrario ao réxime tsarista, cooperou primeiro cos socialrevolucionarios antes de facerse socialdemócrata xa no exilio. Bolxevique ao comezo das disputas internas do partido (POSDR), en 1905, tralo fracaso da revolución pasou a militar cos menxeviques. Entre 1907 e 1914, como secretario da Oficina Central no Estranxeiro do POSDR, demostrou ser un crítico acerbo de Lenin e os seus seguidores. Activo nos movementos socialistas de Europa occidental, acabou desilusionado polo conservadorismo e moderación destes e dos menxeviques.

Estaba en Francia cando estalou a primeira guerra mundial e, tras pasar por Bélxica onde residía, fuxiu case inmediatamente a Gran Bretaña para escapar do avance alemán. Tras un pasaxeiro apoio contraditorio á guerra, adoptou unha posición claramente internacionalista, contraria ao conflito. Isto levouno a acercarse de novo aos bolxeviques, que sostiñan unha actitude similar. Pasou a guerra ata 1917 en Gran Bretaña, onde tratou de propagar o internacionalismo antibelicista tanto entre a emigración rusa no país como entre os socialistas británicos. Detido polo Goberno de Londres polas súas actividades contra a guerra, o novo Goberno bolxevique xurdido da Revolución de Outubro logrou a súa liberación a finais de 1917.

Regresou a Rusia e foi nomeado primeiro vicecomisario –viceministro– de Asuntos Exteriores e, pouco despois, comisario –ministro–. Artífice da expansión da Comisaría do Pobo de Asuntos Exteriores soviética ao longo da década de 1920, instrumento da defensa do sistema soviético durante eses anos, labrouse unha excelente reputación como diplomático entre os seus colegas europeos. Combinou con habilidade os intereses tradicionais de Rusia como gran potencia coa defensa do socialismo e do sistema soviético; sen abandonar a meta da extensión do socialismo, propugnou un sistema de relacións pacíficas coas potencias occidentais, ao tempo que trataba de evitar unha alianza destas contra Rusia, enfrontándoas entre elas. Contribuíu notablemente ao afianzamento do Goberno soviético durante o seu longo período á fronte da comisaría, de 1918 a 1930. A pesar de non pertencer ao politburó do PCUS e de non decidir a política exterior da URSS, o seu estilo marcou esta ao longo da década na que encabezou o ministerio. Desde o comezo do seu longo período á fronte do ministerio, forxou unha estreita relación de colaboración con Lenin, que lle permitiu enfrontarse á hostilidade dalgúns membros do partido.

Entre 1921 e 1924, logrou que todas as grandes potencias –a excepción dos Estados Unidos– recoñecesen oficialmente ao Goberno soviético. Consideraba a Alemaña clave para a política exterior soviética e acadou a cima da súa carreira diplomática ao asinar con esta en 1922 o Tratado de Rapallo, que puxo fin ao illamento da Unión Soviética entre as potencias e garantiu a neutralidade alemá en caso de conflito con elas. Para Chicherin, a separación de Alemaña do resto de potencias favorecía a seguridade soviética. Denodado opositor do imperialismo británico ao que consideraba o principal inimigo do Goberno soviético, tratou de minar o seu poderío fomentando os movementos nacionalistas anticoloniais en Asia, especialmente tralo fracaso da revolución en Europa a partir de 1923. Suspicaz sobre as intencións dos vencedores da primeira guerra mundial respecto da URSS, preferiu apoiarse en Alemaña e rexeitou á Sociedade de Nacións, á que opuxo unha política de tratados bilaterais de neutralidade e non agresión.

Gozou de maior autonomía entre a morte de Lenin en 1924 e o triunfo de Stalin nas disputas internas do Partido Comunista a finais da década de 1920. Apartado da dirección efectiva da política exterior do país desde 1928 tanto pola súa enfermidade como polas súas discrepancias con Stalin, este relevouno á fronte da comisaría en 1930. Enfermo e retirado completamente da política, finou en Moscova en 1936.

Orixe familiar e primeiros anos Boris Chicherin, destacado liberal, adversario do goberno autocrático tsarista e tío de Chicherin. A súa morte en 1904, legou os seus bens ao seu sobriño. A familia Chicherin era de tradición liberal.|miniatura|dereita Georgii Chicherin naceu nunha familia aristócrata de avoengo. O seu antepasado Afanasi Chicherini chegara a Rusia en 1472 no séquito de Zoe Paleóloga —sobriña do último emperador bizantino, Constantino XI—, que desposou ao duque de Moscova Iván III. A familia desempeñara importantes cargos na administración do ducado. Os membros máis famosos da familia viviron no século XIX: o avó de Chicherin, Nikolai Vasilevich, erudito e liberal, comprara a facenda de Karaul onde naceu o propio Chicherin. Un dos seus fillos, tío de Georgii, foi Boris Nikolaevich, profesor de Dereito na Universidade de Moscova, máis tarde alcalde desta cidade e liberal oposto á autocracia. O pai de Georgii, Vasilii Nikolaevich, seguiu a carreira diplomática e casou coa baronesa Zhorzhina Egorovna Meindorf —membro dunha das familias máis antigas da nobreza rusa— durante a súa estancia como secretario da embaixada rusa no Piemonte en 1859. En 1865, destinado Vasilii Nikolaevich na embaixada de París, naceu o primeiro fillo da parella, Nikolai. A punto de ser nomeado embaixador nos Estados Unidos, un incidente cun familiar de Zhorzhina Egorovna fixo que Vasilii Nikolaevich abandonase a carreira diplomática e se retirase ás terras da familia en Tambov. Vasilii Nikolaevich e a súa dona convertéronse en radstokisti, seguidores da seita evanxélica pietista fundada por lord Radstock, que rexeitaban entre outras cosas os duelos; isto levou a Vasilii Nikolaevich a ter que negarse a baterse co familiar da súa esposa, o que lle deu fama de covarde.

A familia instalouse na facenda de Pokrov, no uezd de Kozlov en 1859. Chicherin naceu durante unha visita á casa do seu tío Boris en Karaul, o . A parella tivo un terceiro fillo, a irmá máis nova de Chicherin, Sofiia. Chicherin mostrou desde neno unha gran capacidade intelectual, fomentada polos seus pais e cuxo desenvolvemento facilitou a ampla biblioteca familiar. Hábil cos idiomas —falaba inglés, francés, alemán, italiano, polaco e serbio ademais de ruso—, interesouse desde moi novo pola historia. Dominaba, en efecto, os principais idiomas europeos e algúns asiáticos.G. Gorodetsky. Soviet Foreign Policy 1917-1991: A Retrospective, Routledge, 1994, ISBN 0-7146-4506-0, p.23 O ambiente familiar era intensamente relixioso, característica acentuada tralo falecemento do pai de Chicherin en 1882. O reformismo social da congregación á que pertencían os seus pais —motivo da súa disolución polas autoridades—, tamén o marcou intensamente.

Estudos San Petersburgo, a capital do Imperio Ruso, en torno ao cambio de século. Chicherin mudouse á cidade coa súa familia en 1886, cursou estudos de historia na universidade e máis tarde traballou varios anos no Ministerio de Asuntos Exteriores, ata a súa marcha a Europa occidental en 1904.|miniatura|dereita Neno solitario e con problemas para relacionarse cos da súa idade —non podía saír de casa sen permiso—, ingresou no ximnasio de Tambov en 1884, con doce anos. Dous anos antes, perdera o seu pai, finado de tuberculose tras unha longa enfermidade. Fascinado pola historia e pola música clásica (en especial coas obras de Richard Wagner, Beethoven e Mozart), aprendeu a tocar o piano con notable habilidade e mantivo o gusto pola música toda a súa vida. Bo estudante e de extraordinaria intelixencia, mostrou pronto un grande interese por aprender as máis diversas materias. En 1886 a familia trasladouse a San Petersburgo, onde Zhorzhina Egorovna tiña estreitos contactos coa nobreza e podía dar mellor educación aos seus fillos. Chicherin, destinado ao corpo diplomático a pesar do seu retraemento e rexeitamento da alta sociedade da capital, ingresou nun ximnasio da capital, do que se graduou en 1891 con notas excelentes. Matriculouse de inmediato na Facultade de Historia da cidade onde de novo obtivo sobresalientes cualificacións e da que se graduou en 1895. Malia isto, Chicherin mostrou pronto unha notable inquietude polo sentido da vida, que o levou a afastarse do pietismo familiar e buscar unha filosofía que o orientase. Con este fin, leu vorazmente obras de filosofía e política e, no outono de 1895, decidiu marchar a Europa occidental, aínda que a enfermidade da súa nai o obrigou a regresar a Rusia en 1897.

Funcionario de Asuntos Exteriores En xaneiro de 1898, comezou a traballar na sección de arquivos do Ministerio de Asuntos Exteriores, movido polo seu interese pola historia, o seu rexeitamento ao ambiente aristocrático que envolvía a carreira diplomática á que parecía destinado e a súa inseguridade vital. Especializado pronto na diplomacia da época de Alexandre II, escribiu unha longa biografía do seu ministro de Asuntos Exteriores Aleksandr Gorchakov, que nunca chegou a publicarse.

Cada vez máis afastado do ambiente aristocrático familiar —especialmente tralo falecemento da súa nai en 1897—, instalouse preto da estación de ferrocarril de Tsarskoe Selo, unha zona relativamente modesta da capital. Cada vez máis radical, entrou en contacto con células socialrevolucionarias da cidade, para as que ocultou escritos ilegais no seu piso. Cada vez máis, dedicou o seu tempo libre ao estudo de obras revolucionarias, en especial as de Karl Marx e Friedrich Engels. Temendo que a policía acabase por descubrir os seus contactos cos revolucionarios e desexoso de coñecer as últimas obras revolucionarias europeas, na primavera de 1904 decidiu solicitar unha excedencia do ministerio e marchar de novo a Europa occidental. A isto uníase a súa mala saúde física e mental, que requiría un tratamento do que non podía dispoñer en Rusia. Oficialmente, Chicherin partiu a Alemaña como un simple funcionario en baixa por enfermidade para recibir tratamento.

Revolucionario no exilio Disensións no POSDR Aínda que a estancia en Europa occidental debía ter sido curta, Chicherin non volveu a Rusia ata xaneiro de 1918. En 1904, influído pola educación pietista e o inconformismo dos seus pais e polas súas propias inquietudes que o levaban a abandonar unha posición social privilexiada e adicarse a poñer remedio as inxustizas sociais de Rusia, entregouse á causa da revolución socialista na súa versión marxista. Berlín a comezos do século XX. Chicherin residiu na cidade entre 1905 e 1908, na que fixo contactos cos socialdemócratas alemáns e levou a cabo unha importante labor no organismo do POSDR que debía coordinar ás diversas organizacións socialdemócratas rusas no exilio.|miniatura|dereita Logo de completar uns cursos na Universidade de Bonn, instalouse en Berlín en 1905 e afiliouse á corrente bolxevique do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia (POSDR). En Bonn estableceu contactos tanto cos revolucionarios rusos exiliados como cos socialdemócratas alemáns, en especial, coas súas xuventudes, presididas por Karl Liebknecht —do que se fixo amigo— e enviou obras propagandísticas ao seu superior no ministerio, favorable ás reformas políticas. En 1905, insatisfeito cos socialrevolucionarios, converteuse en socialdemócrata, ideoloxía que mantivo o resto da súa vida.